miércoles, 16 de septiembre de 2009

COMPOSTELAN GRAFFITI

Esta é a primeria entrega das que esperemos haxa máis,dos grafitis que aparecen polas paredes compostelás. O difícil é ir cos ollos abertos para darse de conta da súa existencia e sobre todo, da autenticidade dalgúns fronte ao uso de moldes noutros.




Que dá máis medo, o sinal ou o sorriso tentador?





Melloras na paiaxe urbanística




"Déixame o teu carro, hahahahahahah"




Ollo chosco, fociño quente, nome estranxeiro




"Que?! Que tes?! Vamos mal, e?!!!"




Humpy Dumpy, hai que mirar antes, ou es parvo?




"-Oiga, la catedral donde queda?/ Me lo dice o me lo cuenta?"

Agora toca dicir cal é o mellor

lunes, 3 de agosto de 2009

Millóns de perdóns rockencosta 2009 (E 2)

Green Machine from moncho on Vimeo.



Teño que caer no tópico. Non deixaron indiferentes a ninguén. Desde logo se buscaban isto, fixérono ben. Detractores botando pestes pola boca e lume polos ollos. Nalgúns a envidia podíase medir por caldeiros de adrenalina e bile. "Postureo de chulo-jalachorvas" uns, "Machospirolos pretenciosos" outros. Do lado contrario, "Son a hostia", "Isto é o que quero facer eu", "Grava, grava, grava!!! O fulano está polo chan!!!" Agradecidos debería ter aos empregados da limpeza do local.
Desde logo o que si houbo foi a seducción da masa por parte do líder (da banda), quen non deixou de saír e entrar arrastrando os cabos do micrófono ata chegar á rúa: "Oes meu, xa non hai cabo". E mentres a orquesta no Castiñeiriño:"Paquitoooooo chocolateroooooo!!!" "Mamá, por que ese señor rompió la botella?" "Déjalo, no mires para el, es malo"

E xa por último: grazas a todas as persoas que me axudaron e non apareceron na primeira parte do Rockencosta.Non os vou poñer, senón tería que ir ao laboratorio e facer probas de ADN para chegar ao Pleistoceno.

jueves, 23 de julio de 2009

Millóns de perdóns rockencosta 2009




Millóns de perdóns aos grupos do Rockencosta 2009, por que a causa de fallos técnicos, foi imposible salvar máis da metade da gravación. Só puiden salvar o que vedes arriba e pouco máis. O seguinte virá en breve.

Antes de que se me esqueza, grazas: sepul, marta, xan, maría, julito bebeagua, ana, ramiro, tomás, karola, novedades carminha, green machine, minapolaris, the royaltis, alberte, iván g., iván c., a irmá de karola, a organización do rockencosta e á orquesta do campo da feira.

Dentro de pouco haberá máis

lunes, 29 de junio de 2009

ARREMECAGHO-NA FAMILY!!!

Leo de Matamá

Anos despois de ver por primeira vez a Leo Arremecaghona, de anos subido aos escenarios, descubrimos que tiña unha familia, oculta, pero familia, cun enorme talento musical soterrado. Como exemplo, Leo de Matamá, pai de Leo.



E velaquí que o Leo de Matamá nos explica como foi o da súa aparición e a relación paternofilial con Leo Arremecaghona.





En-Riquiño

Apareceu como un tripulante de Startrek, teletransportado desde o seu esquecemento, desde o seu arrumbamento nun escuro recanto en Arremecaghona Produccións. Así, sen máis, sen dar explicacións, para que? En-Riquiño pasou de estar aos pés de Leo Arremecághona, a ser unha sombra proxectada sobre o público que reclama o seu lugar no mundo (do espectáculo).




Como todo cantautor, En-Riquiño veu a este mundo (do espectáculo) a marcar tendencia. Aproveitando as oportunidades e os farrapos que lle deu a vida, En-Riquiño fixo de si mesmo un exemplo da customización materialista, do aproveitamento de recursos pre-existentes e da reivindicación dos atacos nas estradas (así unha e mil veces).






E así, desta maneira, durante a festa do Novas da Galiza, celebrada na Sala Nasa o día 25 de xuño de 2009, soubemos da existencia dos familiares ocultos de Leo, que están aquí para quedarse, se é que non lles din outra cousa.

lunes, 8 de junio de 2009

LORDS OF ALTAMONT

THE LORDS OF ALTAMONT

INTRO

Peter Zaremba, dos Fleshtones, dicía que o rock´n´roll era para el diversión, que ese é o motivo da súa vocación como músico, a diversión: "Isto é divertido".
Ese é o motivo polo que moitas e moitos imos aos concertos, para pasalo ben, disfrutar dos ritmos que nos gustan, da presenza (física ou etérea) dos artistas que nos chaman a atención. E se pode ser, sacarlle o máximo rendemento aos euros gastados na entrada (en caso de que o concerto non sexa de balde) para vivilo o máis intensamente que se poda.
Hai anos eu era heavy. Si, pelo longo, cazadoras vaqueiras negras e pantalóns polo mesmo estilo. O do coiro nunca me gustou, nin tampouco os avalorios de metal. Non é ningún pecado, hai modernillos que o recoñecen publicamente desde as grandes plataformas mediáticas impresas ou audiovisuais do Estado, e non pasa nada, como tampouco lles pasa nada cando cortan o pelo, deixan os concertos de Iron Maiden ou Metallica ou calquera banda progresiva centroeuropea.

O BLOG

Tranquilidade, non vou facer unha páxina enteira arredor da miña persoa, xa teñen dabondo os que me coñecen como para atoparse cunha versión multimedia. Irei enchendo espazos coas ideas ou novas que vexa no decorrer do día a día. Non quero enzoufar os ollos de ninguén con trangalladas. A autocomplacencia fixo moito dano, máis que o postureo postmodernista. Só falarei do que pense que é necesario falar e para iso tamén están as entradas ao blog, porque as opinións tamén contan.
Negrita
E HOXE?

Pois hoxe toca música como puidestes ler na intro. Se hai uns anos este que escribe podía ser vinculado á tribu urbana denominada heavy, agora non arrenega dela pero as cousas cambiaron.




Nunca houbo unha grande tradición musical no norte de Lugo no que tocaba ao rock´n´roll, desde o clásico ata os tempos da miña adolescencia. Si había pola contra, unha necesidade imperiosa na mocidade de escoitar o mainstream máis comercial (xa sabedes do que falo) e de aí que cando un tiña 14 anos, por exemplo, rexeitase escoitar as cintas de Led Zeppelin que un tío seu tiña no cuarto.
Pero o tempo pasa, un cambia de lugar e tamén de gustos. Todo aconteceu un día nun dos meus locais favoritos en Compos hai dez anos xa. Eramos tres persoas da mesma xeración, quizais cun ou dous anos de diferenza entre nós. Logo de falar de temas varios, foi entrar no terreo dos gustos musicais cando comecei a caer dentro dunha espiral ao non ter nin o máis mínimo coñecemento dos grupos aos que se referían. Comecei entón unha tarefa de recollida, buscando discos, autores, mirando nas tendas etc. Pouco e pouco fun enviando ao fondo das estanterías os discos de Maiden, Stratovarius, Manowar (por certo, o que mos teña que mos devolva xa, amiguiño si pero a vaca polo que vale) etc. Non esquezo as dúas veces que fun ver aos Maiden, a primeira en Ourense, sen Dickinson e a segunda a Coruña, xa co frontman reposto.
Non obstante, polo camiño gañei colegas cuxos gustos coincidían ou non cos meus, pero grazas a toda esa xente, fun abrindo o abano dos meus gustos. Isto ao final non lle pareceu ben a moitos. Na miña vila natal, agora son un raro que lle gusta unha música "que tolea a calquera e que non entende nindiós", nos ambientes nos que me movo, hai xente que me abriu as portas aos meus gustos actuais pero que agora van por outros camiños (evolución lle chaman) e outras persoas simplemente non se queren pronunciar ("déixame anda"). Pero o comentario máis intenso pola cicuta que máis concentraba foi hai 15 días. Un dos antigos camaradas da época metaleira, cando lle preuntei se podía pasar unha noite na súa casa tal día, un sábado, non esperou explicacións e respondeu: "Xa, seguro que para ver un deses grupos de rock garaxe que che gustan agora. Ti viñeches comigo ver aos Iron Maiden, coincidimos cos teus colegas heavys da túa terra e agora...agora es un puto garaxeiro gafapasta". Direi que foi o comentario máis famoso a fin de semana seguinte. Nada máis.

E TODO ISTO, A CONTO DE QUE?

Pois simplemente a que o día 6 de xuño actuaron The Lords of Altamont no festival La Bruta Fest celebrado no Playa Club da Coruña. Non vou dicir que fose, para min, a mellor experiencia musical en tempo porque non o foi. Sinceramente, despois de escoitar os discos desta banda de California (non de Francia como apuntaban algúns medios), quedei coa sensación de: "aquí falta algo". Si, faltou sangue, pulo (home, o teito do Playa é un límite a ter en conta) e son, porque Jack Cavaliere, cantante, non destacou precisamente pola súa capacidade pulmonar. O máis seguro é que os ananos do bosque electrónico fixesen algunha falcatruada.
Non houbo sangue ao mellor polas horas de voo, Cavaliere dicíao no seu inglés-mascachicle: "tocamos rock´n´roll pero tamén gostamos de durmir".
O caso é que entre unhas cousas e outras, o concerto só prendía o ánimo daquelas persoas que estaban noutra dimesión (hai substancias teletransportadoras a outros mundos) e que só pretenden divertirse por divertirse "enadamáis".
Persoas como esas eran as que berraban unha e oura vez:"California rock´n´roll!!", palabras que provocaron a resposta de Cavaliere: "Sei falar algo da vosa lingua: merci beaucoup". Como se o dixese en mandarín, hai anos que a lingua da república foi afastada das primeiras posicións pola lingua do imperio atlante.
Pero as trangalladas de Cavaliere e compañía non tiñan punto de comparación coa presenza dun individuo moi asiduo aos concertos garaxeiros. Descoñezo o seu nome, mesmo a profesión e razón social e vínculos afectivos se é que os ten. O fulano en cuestión actúa como unha teupa abrindo camiño entre a concorrencia con empuxóns, movemento compulsivo esquerda-dereita da cabeza e brazos cun ritmo do demo mentres bota a lingua para fóra berrando sons indescifrables. Desta volta comportouse, sospeitosamente arrimado aos valados metálicos entre dúas asistentes. Foi el quen axudou a colocar o órgano entre o público para a performance do cantante e tamén foi quen devolveu o instrumento ao escenario a pesares das protestas do cantante. A cousa cantaba.


FINALMENTE

Finalmente direi que sigo coa miña filosofía de escoitar aquilo que me gusta, que me dá a gana e que non vou deixar de facelo.
Este blog só é un inicio e non pretende máis que ser iso, o inicio dun traballo que me deixe facer cousas que quero facer.
Intentarei traer o que para min mereza a pena e que vos poda interesar. Nada máis. En tal caso, aínda estamos de probas.

Un saúdo