sábado, 21 de julio de 2012

Entrevista a Josito do 13



 "Vai ser máis rendible alugar as mesas con computadores"


Ese exemplar de Sempre en Galiza que tes entre as botellas de xenebra, é o teu libro de cociña de referencia ou é unha declaración de principios?
É un regalo de aniversario. O meu libro de referencia é este El huerto familiar ecológico. 

Aquí fanse reunións de traballo, mesmo naceron medios de comunicación. Cando abriches o 13 sabías que ía vir unha crise económica como esta?
Non tiña nin idea, sospeitaba que a cousa non ía durar moito.  Pero a clientela funa buscando eu pouco a pouco, a que entra no meu perfil.

Alugarás as mesas  por horas para cando veña alguén facer unha reunión?
Falámolo o outro día, vai ser máis rendible alguar as mesas con computadores que para servir copas e cafés.

Visto así, pensaches en meterte asesor como Anxo Quintana?
Non é un perfil a seguir para min o de Anxo Quintana. Pero non é mala alternativa, o de taberneiro cánsame. Sobre todo o estrés mental, o físico lévoo ben, pero a cabeza acábache mal pola noite.

Tes unha horta aí ao fondo, por que se che dá tan ben nun sitio tan pequeno?
 Non se dá ben. Hai que coidala porque os tomátes mórrenche, os pementos son ridículos, pero en fin hai que poñer interese e ir pouco a pouco.

Pensaches en enterrar a alguén aí?
Si, varios.  Dous ou tres xa os teño mirados.

Tamén tes a vender libros d´O lapis do taberneiro, non che é máis caro manter eses libros aquí que mercar a comida para facer os bocadillos?
 Si que o é, pero para non aborrecer co traballo de taberneiro méteste en iniciativas como estas.

Dime a verdade:  os libros escríbelos ti.
Non, non. Pero o meu está por chegar. Teño unha asesora  que non é amiga de Quintana, pero estamos a planear o meu libro.

Cantos destes se escribiron en servilletas?
Case todos eles.

E con cantas copas de viño encima?
 Cando escriben están dabondo mamados, menos un que se escribiu na casa do autor, o resto na taberna.

A túa cociña é moi pequena, como metes as potas na que traes a pasta cociñada para as tapas?
 Cando é unha pota para as tapas, aínda. Pero cando me tocou para unha voda ou un aniversario para vinte persoas, entón hai que calcular todo.

Unha voda aquí no 13, non me cabe na cabeza, ti eras o padriño?
 Cando chegou a voda, pensei que era unha broma. Dixen que isto non era un restaurante, non podemos facer vodas aquí. Eles dixeron: "queremos un local para estar agusto, íntimo e bonito". Falei cunhas amigas que tiñan unha empresa de catering, e botaron unha man.

Se sincero, a noiva fora moza túa.
Non, non, esa non.

Nunca sentaches con máis de catro persoas nas túas mesas? 
Si, con sete, oito ou dez, séntome por ter compaña. Teño probas que o testifican. O que é difícil é erguerte para ir ao baño.

Gústache que te toquen? Porque aí rózaste con todo o mundo. 
  Gústame que a xente se aproxime.

Vas meter música en directo algún día?
Xa o fixen na presentación dalgún libro, pero de maneira discreta porque a música pode molestar aos veciños.

Nunca traerías a Ricardo Parada?
Non. Xa o intento cos Da Ría para traelos e logo para calalos.

Como te levas con Ramón Bilbao?
Temos unha relación de oito anos e xa somos íntimos.

Por que colgaches as Marías no medio dos chourizos e xamóns?
Regaláronmo esta semana e non lles busquei aínda sitio.  Pero estar aí é un sitio privilexiado.

Esas non comen. Di o que queiras para acabar, por exemplo, por que tes esa lata de caldo galego que é unha aberración?
Porque alucinei cunha lata de caldo galego, que se fai en Asturias. Pero só merquei unha lata e así non o podo probar que o quero ter de exposición unha tempada.