domingo, 21 de julio de 2013

ENTREVISTA A ALEX CHARLÓN (FRONTMAN BICÉFALO)


 "Parece ser que non funciono no escenario"


Amigos e amigas, este blog vai de mal en peor, cando o mesmo entrevistado é capaz de dicir que esperaba moita máis caña, certamente  chegou a hora de buscar novas vías alternativas na maneira de entrevistar.
Polo de agora quedamos coas preguntas e repostas de Alex Charlón, o Axel Rose de Ataque Escampe e home espectáculo en xeral. Hai surpresas, aviso.

Que problema tes cos mosquitos?
Non sei se é cousa da temperatura do sangue ou da palidez da pel, si teño consultado algunha cousa por intenert, mais o certo é que sempre fan diana en min. Mesmo teño coincidido durmindo con outros ataquescampes en tendas de campaña  e eles librábanse do ataque dos mosquitos e viñan todos a min.

Non me digas que era unha conspiración?
Eu creo que si, que era unha conflagración mundial de mosquitos contra min.

O mundo ódiate. Sabes que en persoa dás máis medo que cando estas no escenario?
Pode ser si.

Houbo un tempo no que enchías a boca falando de Krisnha Murti, agora disque es indie coma os iogures de limón. Sénteste caducado?
Non, ese iogur de limón ao que facía referencia quedábanlle dous días para caducar. Pero teño que desdicir que o do Facebook era un xogo para ver como reaccionabas.

Ataque Escampe é a plataforma na que te deches a coñecer. Á parte do grupo e das túas soflamas na rede, tes vida propia?
Teño moita máis vida propia do que pode parecer. O caso é que a vida propia está deixando nun segundo plano a Ataque Escampe.

Existe unha loita interna dentro do grupo polo liderado?
Si. Mais afortunadamente eu xa renunciei hai moito tempo. Lin a entrevista a Roi e xa vexo que a súa evasiba irónica é constante. Se hai dúas persoas que manteñen Ataque Escampe vivo porque son as máis responsables con respecto á música, son Miguel e Samuel. Os demais pois aportamos ideas, escóitasenos e logo dísenos que non.

Quen é  o líder da banda?
Hai unha bicefaclía entre Miguel e Samuel. Pero son como dous...como aqueles gobernos bicéfalos da antigüidade? Non sei, pero son dous xefes moi frikis para que os teñamos en conta con rotundidade.

O feito de que unicamente saibas tocar o himno á alegría coa guitarra e nada máis, é o que te fai sentir como alguén eternamente frustrado?
Probablemente sexa ese un dos grandes motivos, si.

En serio, non sabes tocar ningún instrumento?
Sei tocar o cazú, a turuta e certamente debería aprender algo máis.

Algunha vez a túa presenza foi perturbadora para o grupo?
Pois mira, xa podo anunciar que logo da última reunión que tivemos, vai haber cambios na posta en escena do grupo. Parece ser que eu non funciono no escenario e teño pouca presenza escénica e queren que comparta a parte de frontman con Roi, que vai deixar a batería en favor de alguén que si sabe tocala.

Todo iso que dixo Roi de que ía aprender en serio a tocar a batería, non vai ser e ides ser os dous os frontmen?
Pois probablemente, si.

Mamaíña, "El gordo y el flaco". Cando foi a última vez que te sentiches como un crooner?
O outro día en Vista Alegre sentinme moi arroupado pola xente que cantaba os temas de principio a fin. Estaba no trance do San Xoán coas cacharelas e o viño e chegou ese momento de conexión entre o que eu sentía por dentro e o que sentía o público. Creo que foi así.

Pregúntoche o mesmo que lle preguntei a Roi. Por que andas sempre de baixón?
Falso, non ando sempre de baixón. Son unha persoa de bioritmo baixo.

Que lle falta a Ataque Escampe?
Decidirse por un modelo, sentarmos todos nunha mesa e estar de acordo, aínda que sexa con manga ancha, en moitas cousas. Fáltalle na posta en escena, saber se xogamos a A ou a B. Eles queren xogar a A e a B ao mesmo tempo. É dicir, tirar do público en momentos puntuais de maneira moi populacheira e noutros aparentar unha seriedade absoluta, como se fósemos o último grupo indie que acaba de aterrar de Urano.

Acabas de chamarlle indie a Ataque Escampe?
Si, desgraciadamente acabo de facelo.

Sabes que te poden matar?
Coñezo os riscos que asumo.

Escribes poemas?
Desde o ano 1999 xa non teño estómago para escribir poemas.

Que é a poesía galega?
Non o sei. Un conxunto de premios literarios con boa dotación económica, con moitos autores dos que coñezo unha boa parte porque coincido con eles nos bares e un circuíto de cara fóra nulo.

(PIIIIIIIIIIIIIIIII AQUÍ HABÍA UNHA PREGUNTA CUNHA RESPOSTA ELIMINADAS POR INSISTENCIA ABSURDA DO ENTREVISTADO DOUS ANOS DESPOIS DA CONVERSA, A PREGUNTA E A RESPOSTA FORON ELIMINADAS POR CONSELLO DE PERSOAS ACHEGADAS AO ENTREVISTADO, NON HABERÁ OUTRA VEZ)

Existe rivalidade directa entre ti e Miguel Mosqueira?
Non, Miguel é a persoa máis tenra do mundo, á súa maneira. Non hai ningún problema.

Di o que queiras:
Quero lanzar esta mensaxe á humanidade: que agarre o presente e non se cma a cabeza.