domingo, 19 de julio de 2015

ENTREVISTA A LOIS CARLÍN (BAIXISTA BAIXO DE ATAQUE ESCAMPE)


"Dáme detalles"


O tipo que toca o baixo en Ataque Escampe por fin neste blog. Non foi sen tempo, non foi sen présa, non foi sen ameazas, non foi de día, foi pola noite nun local nocturno mentres escoitabamos lounge, segundo o entrevistado.

Lois, porque tardaches tanto en aceptar esta entrevista?
-Eeeeeeeehhhhhhhhhhhhhhh................mmmmmmmmmmmmmmmmmm

Ti mira que a batería acaba en breve.
Pois tardei en aceptar porque odio as entrevistas.

Por iso te mamas antes de entrevistarte?
Non me estou mamando, estou tomando auga mineral.

Iso é auga mineral? (o reporteiro xura que fedía o líquido verde que tiña na copa o entrevistado)
É auga mineral.

Tamén te mamas antes de liarte cunha chavala?
Non me lío con chavalas tampouco, a miña vida é aborrecida. Paso as noites e os días só, lendo libros sobre patroloxía (?????)

Os manises son meus.
Os manises son teus. Pois iso, lendo libros sobre patroloxía, facendo sudokus e acrósticos e traballando basicamente no colexio.

As malas linguas din todo o contrario, mesmo que andas a rexeitar amantes.
Rexeitar amantes. (dálle o riso) Non me consta, non me consta. 

As fontes que consultei son moi fiables, e non son o teu grupo. 
A pesar de todo canto che digan eu son baixista dun grupo e os baixistas nunca ligan.

Ostia, pois mira ti o dos Who.
El tiña máis técnica de guitarrista que baixista, tiña máis protagonismo ca min no seu grupo.  Eu son unha caste de sombra que se move entre o guitarra e o baterísta. Así que eu realmente non existo.

Es baixista e tamén es baixo.
Son bastante baixo, pero Samuel é máis baixo ca min.

Jaco Pastorius ligaba moito e con tías moi exóticas.
Non o facía por ser baixista, facíao por meterse en covas de mala morte...

...como o sitio onde o mataron.
Como o sitio onde o mataron, que sería agora como a Casa do Patín, porque a esas horas a xente non sabe que es baixista nin que es persoa.

No último concerto que vos vín tamén era o último de A.C. como cantante, foi o último concerto dese señor ou unha manobra márketing?
Non, o caso é que levaba desde xaneiro sen cantar connosco. Deixamos que cantase na Capitol para darlle unha merecida despedida.

Conta a verdade, cantos de vós tiñades ganas de meterlle unhas ostias?
Ningún penso eu, ao mellor era ao revés, el quería darnos de ostias a algún de nós.

Por que?
Puffff, en fin, é de coña, hai bo rollo.

En definitiva, si queriades meterlle de ostias.
Non home, había boa sintonía.

Polo teu careto deduzo que si queriades meterlle.
Ten en conta que no grupo hai un ambiente moi bo. Un exemplo, un dos membros do grupo decidiu unha vez que para que eu tocase ben a batería, porque non son baterista, foi tirándome unha cadeira á cabeza. Fíxoo polo meu ben.

 Quen é o voso camello?
Non sei, eu non me drogo.

Quen se droga no grupo?
Ningén. E se hai alguén non me consta, en serio. Pero se viches unha das listaxes das novas drogas, o café, o azúcar procesado...

Non me toques o carallo, quen é o camello?
Non sei.

A continuación  gustaríame saber cando sacaredes novo disco.
Prepararemos material o mes que vén, aínda non temos datas de estudo pero o mes que vén temos que comezar a crear.

Falando de toleadas, admitiriades a Marco Gelpi outra vez?
Eu admitiríao de cabeza. É unha persoa que aportaba bastante espontaneidade e era compoñente imprevisible.

Levamos máis de cinco minutos de entrevista, con outros membros de Ataque Escampe non tardei tanto en sacarlles "chicha", así que dime a verdade, traizoaches algunha vez a algún dos teus compañeiros de grupo?
 En que sentido?

Xa sabes.
Non sei.

Si que sabes.
Ah, non, nunca.

Xúramo.
Eeeeehhh.... non, estou seguro.

Entón a) ou a xente me odiará a min ou b) a xente odiarate a ti, a) a min por preguntarche isto ou b) a ti por contar unha mentira.
Estou intrigado e quixera máis detalles.

Dime ti.
Dame detalles.

Non podo.
(o entrevistado ponse nervoso) Ningunha das cousas que me pasan pola cabeza podería ser unha traizón.

Logo de sete minutos de entrevista, cal é a túa opinión da música de fondo.
Música lounge, música de ascensor, gústame a música de ascensor.

Que farías para ascender na vida? Por exemplo deixar Ataque Escampe e irte para un grupo co que ganes cartos.
E que con Ataque Escampe estou ganando unha cantidade inxente de cartos, pero non o parece porque somos austeros.

Paréceme a resposta máis infantil que me deches en toda a entrevista.
O único grupo que che poden dar cartos son as orquestas.

Falando de marrón, a peor experiencia tocando en Ataque Escampe.
Durante o tempo que tocaba o teclado sempre esquecía os cables. Era incómodo explciar aos demais que esquecera o material.

Estanme entrando ganas de poñer unha cámara oculta detrás túa porque teño a sensación de estáresme mentindo.
Intentar escaquearse deixando o material na casa para non ir ao concerto, non é moita trola.

Ti metícheste a baixista para facéreste o interesante.
Tocando o baixo? Non ten sentido o que dis.

Entón para o ridículo.
Non, os baixistas teñen o estigma de consideralos guitarristas frustrados. Eu toco o piano e o sintetizador modular.

Para acabar, que non me gusta transcribir, di o que queiras. 
Que che pareceu Operación Ganímedes?

A entrevista fágoa eu, chao.