domingo, 19 de febrero de 2012




ENTREVISTA A ÁLVARO OTERO, FILÓSOFO



"Un entra na facultade turbado polas ideas e sae masturbado por elas"



Comezo cunha pregunta que lle fixen a outra filósofa, Cris G Parga; que fan nunha illa deserta, Heidegger, Savater e Sánchez Dragó?

Non o sei. Seguramente nada ao xeito, algunha estupidez seguramente, outra cousa non sei moi ben. Pero seguramente se non hai cámaras no evento, non fagan absolutamente nada. Porque este tipo de xente móvese moito por esta caste de cousas.

Que filme de terror lle acaería a Zizek como protragonista?

Supoño que en calquera dun orfanato, destes filmes sobre internados da época franquista. Como profesor e confesor. Aínda que sen saber cando está a realizar unha destas funcións. Confensando nas aulas e impartindo teoría nos confesionarios.

Cal sería para ti o folósofo máis gore da historia?

Escrivá de Blaguer.

Era filósofo?

Tanto ten, o seu pensamento tirou de máis xente que calquera outro tipo de discurso. Segue máis xente a Escrivá de Balaguer que a Voltaire.

Ti dás aulas de filosofía en institutos...

Cando eran tempos de bonanza.

É difícil meterlles o pensamento filosófico aos alumnos hoxe en día?

Non, eles xa se meten de todo por si mesmos. Por tanto non é moi difícil falarlles das substancias, entenden perfectamente. Non hai nada que dubidar. Falando en serio, hai uns anos, cando nós eramos máis rapaces, pensabamos que o sistema de educación era educación para o sistema. Pero a día de hoxe, praticamente a única capacidade de resistencia que teñen, son os coñecementos que un lle pode dar. No sentido de que os medios de comunicación xa están completamente formados. Saben perfectamente valorar a partir do éxito, da utilidade. A persoa que é feble, ou non é capaz, ou amosa as súas diferenzas é completamente esmagada desde pequeniños. Penso que é a única capacidade de resistencia. Iso hai que traballar máis tempo con eles, a fin de contas, son como persoas humanas.

Imaxina que tes que esplicar agora mesmo a Retórica de Platón, usando como exemplo un personaxe mediático. A quen escollerías, Belén Esteban, Tonecho ou Conde Roa?

Para explicar a tiranía, a teoría política de Platón, Conde Roa sería dabondo interesante. Para outro tipo de aspectos, supoño que Tonecho sería o que valería un pouco máis. Pero ningún dos tres valería, polo menos como exemplos do que non se debería facer, claro.

A cantos Álvaro Otero González coñeces?

A dous. Un que estaba perseguido en Vigo por desfalco, cousa que me tiña moita graza. E outro que estudaba no meu colexio, que non me facía tanta graza.

Por que eu vin en Internet, que hai un Álvaro Otero González, que gañou no 2008 o premio Provincia de Guadalajara. Coñécelo?

Non, pero espero que non sexa o mesmo que desfalcou.

Gañou 10.000 euros.

Ese é un escritor, tamén galego, que escribiu un par de novelas.

Ti participaches no que se chamou Proxecto Derriba. De aí naceu a Universidade Invisíbel?

Non, non, son dous proxectos completamente diferentes e diverso. A Universidade Invisíbel ten como exemplo as universidades nómadas italianas, e está na Coruña. Nós puxémonos en contacto con eles, pero son dúas cousas diferentes.

Ti non pensaches en artellar unha especie de guerrilla do pensamento?

Pois o certo é que teño cada vez más dúbidas sobre iso.

Dúbidas no sentido de montala ou non?

No sentido de que facer. O certo é que un entra na facultade turbado polas ideas e sae masturbado por elas, entón realmente, a día de hoxe como están os tempos, cambiaron moito as cousas. Había un filósofo chinés do século XVI que dicía que aquilo de se o que se sabe non leva cara a acción, realmente non se sabe nada. Entón cal é a acción que podemos facer a día de hoxe? Unha das accións, máis que guerrilla, era romper cun sistema de producción no que todo é equivalente. Na mesma sección está Adorno, Horkheimer, ás veces Sánchez Dragó, Savater, e no Corte Inglés; espiritualismo, Prozac, e cousas así. Por iso, participar gratuitamente significa non participar nun sistema de intercambio. Por iso dicía que unha acción de guerrilla significa unha participación inclusiva, nese tipo de movementos. E neste caso, unha non intervención, unha gratuidade, sería unha maneira de non sacar rendemento.

Se houbese tal grupo, cal sería o primeiro obxectivo?

Supoño que unha acción na Capela do Neno Xesús de Praga, na mesma catedral de Compostela. Paréceme un sitio divertido para calquera tipo de acción. Ou facer un encontro interculturalidade en Santiago Matamoros.

Esa Universidade Invisíbel foi un primeiro intento de pasar á clandestinidade, diante dunha hipotética desaparición de Filosofía como materia educativa?

Como a Universidade Invisíbel non somos nós, non o sei. Pero tampouco creo que teñamos que facer nada para resultar invisíbeis. A día de hoxe, vendo os textos que se promulgan, vendo o desprestixio que ten a Filosofía, e ademais fánselle homenaxes a Fraga, xa pouco hai que facer.

Consideras que a Filosofía en si mesma, nos días que vivimos, é un acto de onanismo?

Depende se es solipsista ou non. No caso de que non creas nas outras mentes, si, non hai ningunha vinculación. Depende do que un poda facer. O que si que ten, é un exceso de academicismo, en parte por culpa de quen se adica á filosofía. É moi difícil non desenvolver o concepto funcionariado dentro da filosofía. A día de hoxe, penso que a existencia é cada vez máis reducida. Onde todo se mide a partir do concepto de utilidade. Iso non é algo que saia expontaneamente, senón que ten unhas causas. A filosofía como entendo eu, tería que entender como se chega a que un rapaz de doce anos que non leu na vida, xa está completamente aculturado nese tipo de acepción da utilidade, que o resto non ten importancia, como os mecanismos do mercado escolarizan a nosa mente. É o mesmo que os imaxinarios. Por que traballamos con determinados imaxinarios, e intentar loitar contra deles. A filosofía non ten que ser nestes momentos sustantiva, senón que estar sempre á contra, porque cada vez é máis invasiva esa política na vida cotiá de cada un de nós.

Cal era o teu grande medo cando decidiches ser profesor?

Grande medo ningún. Grande medo o frío que vai fóra. Realmente un comeza a pensar o mesmo destino laboral, cando perde ese camiño que estaba aberto xa desapareceu. Dar aulas era a saída única, cando era saída, dos licenciados en filosofía. Entón nese sentido, fun bastante acrítico. Unha vez que traballas o medo é a responsabilidade saber poñer en dúbida o mesmo coñecemento, senón é máis ca unha repetición do que aprendiches na escola, ou ter algún tipo de contido.

Ti presentaches o filme Kaspar Hauser, de Werner Herzog no Cineclube de Compostela...

Non me fales deses, non me fales. Panda de sinvergüenzas, que non me pagaron nada. Non os coñecerás?

Creo que non.

Moi mala xente, sobre todo un tan Moncho.

As persoas como Kaspar Hauser son perigosas?

Non son perigosas por si mesmas, son perigosas para unha sociedade na que, como di o refrán: o cravo que sae para fóra só lle queda o martelo. Non se sobresae por ser o máis intelixente, senón por negarse a participar nunha serie de cousas que un intuitivamente, de maneira escura comeza a ver e despois cunha serie de informacións comeza a darlle un certo sentido. Non son perigosas, pero en fin, non sei por que, o medo que nos teñen inculcado fai que o diferente, esa persoa que non se axusta ao canon hai que anulala. Non ten un perigo de por si, pero hai xente que pensa que por ter outro tipo de sexualidade ou crenzas, é algo perigoso.

Ata hai uns meses no CGAC, había unhas proxeccións sobre a televisión nas que aparecían unha serie de pensadores franceses dando a súa visión. Pode haber pensamento detrás dun Barça-Real Madrí?

Si, ás veces o importante non é o que se mira, senón como se miran as cousas. Un Barça-Madrí non che vai dar as ferramentas para poder interpretar ese tipo de accións. Pero desprestixialas así de maneira categórica, é complicado, porque hai moitísima xente que si ten unha vinculación con iso. Algunhas veces, algúns discursos de pensadores que podemos dicir da esquerda, sempre falaban da alienación do fútbol. Desprestixiávano desa maneira. Pero realmente o que hai que saber é por que a xente se sente identificado con esas cousas. Se non sabemos por que se senten identificados con esas cousas, eliminalas ou desprestixialas, o que facemos é aniquilar e desprestixiar o contido identificativo de moita xente, moitas veces traballadora, que non tivo moitas oportunidades de formarse ou poder ter unha outra visión das cousas, privilexio que nós temos e que dentro do que cabe hai que devolvela á sociedade.

Por último, di algo.

Non sei, nada, que me escoiten paréceme un privilexio non merecido. Non teño moito máis que dicir.