lunes, 10 de diciembre de 2012

ENTREVISTA A ALBERTO RAMOS





"Tampouco me matei moito na carreira"

Alberto Ramos é xornalista en paro, escritor premiado, redactor vocacional (non queda outra) en medios dixitais, compañeiro de tabernas e fumador. Accedeu cortesmente a esta entrevista logo de longas negociacións non exentas de viño, bromas e amenceres catatónicos (por parte de quen escribe, alá cada quen co seu fígado)

Ola Alberto.
Ola. Gravas sempre as entrevistas?

Si. sempre. E a primeira pregunta é: despois de tres libros e de traballar nun xornal, aínda cres no xornalismo?
(a música de fondo para esta reposta é unha cantante en plan Cecilia tardoposrmoderna)Ains. Supoño que será como preguntarlle a un carpinteiro se cre na carpintería. O xornalismo é importante, pero ao mellor lle damos importancia de máis a unha cuestión que é que non deixa de ser un traballo, de obreiros e que non deixa de implicar que che van dar vinte ostias por ano traballado cando te boten. Cousa que pasa todos os días. É un oficio que pode ser moi interesante, moi bonito, moi estresante e moi noxento. Dámoslle moita importancia ao que é o xornalismo para a sociedade, que o é, pero somos traballadores como outro calquera, somos traballadores como outros calquera. É un oficio moribundo como dicía nunha entrevista Iago Martínez e agora mesmo podémonos sentir como man de obra excedente.

Entón por que estudamos catro anos, sacamos un doutorado e nos adicamos a ler?
Cada quen debera respostarse iso. Por que o fixen eu? Home, tampouco nos matamos tanto na carreira. É de agradecer que a mesma facultade de Comunciación se tome a risa a súa propia titulación en moitos casos. Porque se imos saír de alí para estar no paro ou en precariedade, polo menos primeiro pasámolo ben na facultade e non hai que matarse moitísimo. Salvo algunha excepción de cadeira. Por que se mata a xente na carreira? Por vocación ou porque non facemos caso da xente que di "non te metas en xornalismo". É unha vocación suicida en moitos casos.

En vista das actuais circunstancias que están a envolver o panorama tanto interno como externo, ocórreseme a seguinte pregunta: fuches neno superdotado?
Non.

Non?
Non.

De que vai a última  novela que escribiches?
Que pregunta máis inquietante (podes poñer isto).Pois vai de alienacións, da ruptura da rutina e de paro, basicamente. Son oito días de luns a luns, na vida dun xornalista menor de trinta anos que perdeu o seu traballo tras un ERE de extinción. Logo vai contando o día a día da súa alienación e é unha historia de paro, esa é a excusa. É unha cousa que escribín seguramente porque a vivín, pero o importante é a ruptura da rutina, porque perdemos a rutina, carallo, vai moito frío.

Rutinas da información?
Non,iso son cousas da facultade. A rutina de erguerse todos os días e ir a algures, que cando estás no paro non acontece.

Despois de contarme isto, de tomarmos un café con leite xuntos, cóntame un chiste.
Non vou contar un chiste.

Nin o de mis tetas?
Non vou contar ningún chiste.

Entón quee prefires, un quiste no membro ou contar un chiste?
Entre esas dúas opcións quedo con ningunha. Pero teño que dicir que nunca me preguntaron polo quiste no membro. Preguntácheslle iso mesmo a Pachi, o que se presentou para a Xunta?

Soñaches algunha vez con ser magnate da prensa?
Soñeui con ser rico, como todo o mundo, para non facer nada na vida. Estaba moi ocupado para soñar caralladas.

Que farías se agora mesmo che ofrecesen traballar en Acapulco a favor do "narco"?
Xa con oír Acapulco digo que non. Non me interesa marchar de Galicia.O do narco non o vou contestar sequera, porque é evidente que si.

Por onde comezarías a facer un progrom nos medios?
Non me vou mollar. Hai moito traballo por facer.

Terías preparada unha lista negra?
Non teño unha lista negra porque non teño tinta dabondo nin espazo dabondo no computador para rematala.

Para acabar di o que queiras.
Entrevista rara.