sábado, 22 de junio de 2013

ENTREVISTA A ROI VIDAL (O HOME BATERÍA)





  "Utilízanme para mofarse de min"



A entrevista foi como todas, é dicir, co entrevistado pedindo encarecidamente que lle deixe ver o produto antes de saír á rúa, pero non amigos, iso non se pode facer, senón, onde estaría a sorpresa e a gracia? Si diremos que a conversa foi amistosa, agradable e soleada para ser un día de xuño desapacible.

Ola Roi.
Ola, meu. Que tal?

Moi ben, grazas. Pero a primeira pregunta que che quero facer é por que tardaches tanto en aceptar esta entrevista?
Porque tardaches moito en pedirma.

Iso non foi así, creo.
Hehehehehe, si, non tardei en aceptar, aceptei en todas as propostas.

A seguinte pregunta voucha facer antes de verter todo o café e o azúcar. Tiveches que ir ao médico despois de ensinar o cu no medio dun río?
Pois ao mellor debería ter ido porque puiden ter collido algunha cousa que aínda non se manifestou. Porque
facía tanto frío que non podía aguantar a respiración debaixo da auga.

Sinceramente, a auga parecía que estaba moi cocha.
Pero tanto ten, por min que estivese todo o porca que quixese, pero estaba tan conxelada que a pel se puña vermella, como queimada do fría que estaba. Pero en fin, non me pasou  nada.

O ano pasado fuches a Noruega.
Estiven de novembro a xaneiro.

A ver, realmente non foi un castigo de Ataque Escampe por non ter aprendido a tocar a batería logo de tantos anos?
Hehehehehe. O castigo foi  realmente facerlles crer a Ataque Escampe que ía quedar en Noruega, pero ao final volvín.

Despois desta resposta vante matar.
Non ho! Que va! En Noruega practiquei moito a batería. Tiña tempo e moito espazo na casa. Noruega é un país semidesértico entón non había problemas de espazo. Pero o caso é que non tiña batería, repasei mentalmente, pero é moi importante a teoría.

Agora en serio, que fixeches cos cartos que pagaban para as túas clases de batería?
Gasteinos nas aulas de batería.

Teño informacións de que non.
Gasteinos nas aulas de batería.

Pero asistías ás aulas de batería?
Si, claro.

En serio?
Si, claro. Estiven con Álvaro case dous meses. Pero logo funme para Vigo e non tiña tempo de seguir.

Antas involucrado en temas de teatro ultimamente. Que tal se che dá ser animal de escenario ou animal a secas?
Ben, ben. Home, non son actor profesional, pero todos somos un pouco actores. Pero eu non cobro por actuar nin eu actúo sobre un escenario. Mais polo momento está indo ben. Hai unha obra que temos aí, con Teatro Antroido, que está tendo bastante éxito, non vou dicir de crítica e de público como tópico, pero estamos tendo bastantes funcións, esta é a resposta seria.

Pois agora dame a resposta non seria.
Non, faime ti a pregunta non seria.

Cando apareciches no concerto de presentación de Discos da Máquina, como lles pediches perdón ao resto da banda para volver?
Heehehe. Os meus compañeiros da banda son moi simpáticos. Realmente estaban desexando que volvese. Eu aporto un grao de profesionalidade e saber estar no escenario que eles non teñen. Eu aporto unha gracia da que eles carecen. Entón por iso moitas veces me utilizan para mofarse un pouco de min polo meu físico, úsanme como mono de feira para tentar despistar de certas carencias.

Fumas porros?
Non, xa hai tempo que non fumo, pero se me ofrecen fumo, pero non lío, que o fago fatal.

Como se di "gallego de mierda" en noruego?
 Ostia, pois o certo é que non o sei. Pero iso lémbrame que alí coñecín a un tipo español, concretamente vasco, que era a ostia de xenófobo. Era inmigrante en Noruega pero que se metía con todo dios. Por iso o de gallego de mierda, lémbrame que Noruega, un país tan civilizado, haxa problemas coa inmigración.

Non pensaches en baixar de peso de cara o público?
Constantemente penso en baixar de peso, mesmo cando como.

Que lle falta a Ataque Escampe que ti lle engadirías?
Un bo batería pero eu voullo engadir.

Tes medo ao ridículo?
Non, ningún.

Por iso tocas en Ataque Escampe?
Claro.

Escribes poemas?
Si, moitos.

Por que?
Para ligar.

En serio?
Sii, unha vez pasoume. 

Cal foi a frase máis heavy que che dixeron?
Agora lembro que hai pouco fun dar unha charla sobre o meu pai, Vidal Bolaño, estiven unha hora falando sobre o tema e ao final pregunteilles aos rapaces se tiñan algunhha pregunta. Un deles preguntoume se cobraba por ir alí, que porque ía eu e non os meus irmáns, se me aproveitaba de ser fillo de quen son para forrarme, o tipo inspirábase en Sálvame Deluxe, etc.

E ti que lle dixeches?
Contesteille a verdade.

Que te forras?
Si, si, que me forro. Hehehehehe

Quen é o líder de Ataque Escampe?
O líder é Lois.

A ver, entón porque Miguel me dixo hai tempo que eras ti, logo ti dicías que era Alex e agora dis que é Lois?
Pregúntalle a Lois.

Por que Alex sempre anda de baixón?
Non é sempre baixón, o que pasa é que é unha persoa reponsable, profesional pero non anda sempre de baixón.

E Lois?
É todo o contrario, sempre anda eufórico.

Miguel?
Dalle a todo, depende do día que o pilles.

Samuel?
Samuel está en Francia. O que fai é mandar mails longuísimos desde Francia, desde Guadalupe desde onde sexa, que é algo que eu non facía desde Noruega.

Di algo, o que queiras.
Pois, que....eee....morte ao capitalismo, paréceche pouco?