domingo, 31 de marzo de 2013

ENTREVISTA A CARLOS SANTIAGO (MATERIALISTA MODESTO)



"Menudo entrevistador estás ti feito"

Atopamos a Carlos Santiago no que parece ser o seu refuxio no lusco-fusco, a súa dacha na taiga compostelá entre animais políticos en retirada, artistas emerxentes e cineclubeiros pedindo un bocadillo de xamón ou "do-que-sexa-ghose" e algún que outro crítico musical queixándose: "¡no, no te voy a dar la tapa!"

Non estaba preparada esta entrevista, podemos prometelo. 

Á parte de vires ao 13, a que te dedicas?
Menudo entrevistador estás ti feito. Pero home, léme a biografía na miña web http://grenlandia.wordpress.com/. Aí tes todo, que hoxe non me apetece falar de min.

Es un home modesto.
 Si, non hai queixa.

Pois para ser un home modesto tes unha voz moi grave, elevada.
 E iso que demo ten que ver coa miña modestia?

Materialismo histórico ou un "rioja"?
 Un "rioja", que é máis consistente que o materialismo histórico.

Fidel Castro ou Daniel Ortega?
Ningún dos dous. Chávez.

A que lle botas máis conto nesta vida, a pagar o aluguer ou facer unha obra de teatro?
 A pagar o aluguer.

E como o fas?
Escribindo obras de teatro.  (obviamente aquí houbo risas)

Considéraste un grande seductor?
 Hoxe en día non tanto, pero noutros tempos cheguei a ser algo parecido.

Lenin ou Quico Cadaval?
Home, Quico Cadaval, que vamos, dous pelos máis ou menos veñen sendo figuras de semellante altura.
(de fondo, o contuvernio cineclubeiro bota risas)

Lenin non era moi alto.
Pero tiña unha boa perilla.

De tanto escribir teatro, acabaches créndote algún dos teus personaxes?
 Non home non, como vou crerme un dos meus personaxes?

Non cres en ti?
Non é iso, é que eu mesmo son personaxe ás veces, mesmo  fago parte das miñas obras de teatro, pero cando é explícito. Cando fago un monólogo ou algo desde min, aí asúmome como personaxe.

Aquel dito de "putas y maricones" para a xente do teatro, segue vixente?
 Si, pero baixo outro formato. Esta sociedade non evolucionou nada desde o século V antes de Cristo, nos arredores de Atenas. 

Deus existe?
Non.

Por que?
Non hai "por que". Como dicía Agustín García Calvo,  "ou hai deus ou non hai deus", ou como dicía Pascal: Deus é unha cuestión de aposta. Entón a miña aposta persoal é que non hai deus. 

Este país ten amaño?
Non. Este país non é un país. Pero de que país falas?

No que vivimos.
España, Galiza, Unión Europea....

Santiago.
Ningún destes países ten amaño.

Que farías ti, se foses xuíz e tiveses que xulgar a presunta trama de corrupción en Santiago?
Non teño a personalidade dabondo para ser xuíz de ninguén. Ora ben, se nunha situación revolucionaria me desen unha caste de ministerio de Interior, creme que interviría de maneira decisiva. Despois que os xulgue outro. 

Sendo alcalde cambiarías a programación cultural desta cidade?
  Se fose alcalde de Santiago, simplemente inventaría unha programación cultural.

Por último, di algo, o que queiras.
De nada, a ti.