martes, 18 de enero de 2011

ENTREVISTA A DIEGO AMEIXEIRAS






-Rícheste moito mentres escribías Asasinato no Consello Nacional?

Non demasiado. Rin bastante máis vendo esa gran película chamada “Supersalidos”.

-Somos a nación de nacionciñas ou somos a NACIONCIÑA?

Agora mesmo non teño o estatuto a man. Espera que miro.

-Hai que ter moita imaxinación para poñer a Xelmírez como líder da UPG. Non quedaba mellor no cabildo catedralicio e en pedra? (colle a pregunta como che pete)

Diego Xelmírez ten unha biografía moi interesante, pero en comparación con Dieguito El Malo non ten nada que facer. Hai tempo lin en El País que antes de atracar un supermercado a punta de pistola estivera “tomando tres cañas en un bar próximo y haciendo bromas sobre las mujeres”.

-O protagonista, Cudeiro estivo nos EUA, onde coñeceu nos noventa á raíña do indie, Kim Gordon. Non obstante, debo lembrar que por aqueles tempos Christina Rosenvinge andaba por alí tamén, e ben perto do grupo de Gordon. Como é que se che escapou ese detalle? Non querías traumatizar a Cudeiro ou non te querías traumatizar ti?

A falta de Mia Zapata, á que admiraba moito, Cudeiro tivo que conformarse con Kim Gordon, que tampouco está nada mal. Seguirei o teu consello e intentarei relacionalo con Christina Rosenvinge en futuras entregas.

-Deixando as cousas serias e entrando en materia: vives do conto?

Un respeto, entrevistador.

-Un dos teus traballos é o de dialoguista. En Matalobos a cantos lobos lle tiveches que poñer o pelello de ovella?

Carmelo Matalobos é unha gran referente para a delincuencia galega. Téñolle moito respeto. Sen camisa marca máis abdominais que Cristiano Ronaldo.

-Escribirías un guión de serie negra co padre Casares como asasino en serie nunha matanza garrula?

Mellor un biopic de Marcial Maciel. Éxito asegurado.

-Sen saír do tema clerical: non che pareceu litúrxica a inauguración da biblioteca da Cidade da Cultura?

Normal. O raro sería que montasen unha festa de camisetas molladas.


-Mirando na rede na procura de información, atopei un enlace que dicía: “La filmografia de Diego Ameixeiras en DeCine21, su trayectoria profesional, biografia y detalles sobre las peliculas de Diego Ameixeiras”. Logo, mirando ben, era a túa participación no guión do filme “18 Comidas”. Á parte de que o título dá para pensar, en que pensabas cando escribías o guión?

Agora mesmo non o recordo. Estaba con Jorge Coira e Araceli Gonda tomando café, exprimíndonos o cerebro coa criatura. En canto á túa alusión ao título, sei onde queres chegar. Podendo, estarás de acordo comigo en que sería unha excelente media semanal.

-Naciches en Laussane, Suíza, logo es extracomunitario, sendo así por que te fixeches escritor e non futbolista?

Intentei ser xogador de fútbol cando tiña nove anos, pero con resultados nefastos. O meu referente era aquel escocés mítico chamado Steve Archibald.

-Cando recolliches o premio Xerais, citaches a Álvarez Rabo coa frase: "Prefiro a palabra dunha muller ao discurso dun home. Non sabedes o que me gustaría ter nacido muller e, por suposto, ser lesbiana". Con esta frase, recibiches máis ameazas que co libro de Asasinato…?

Nada importante. As normais nestes casos.

-A min vasme facer dous favores: a) define o postfracaso e b) o postfracaso é un postureo?

Os postfracasados honestos saben que ese desgoberno interior non é un postureo. Hai que sentilo, como a Terremoto de Jerez por bulerías.

-Imaxínaste a Baltar gobernando Oregón?

Baltar goberna Ourense. En Oregón, polo contrario, gran parte da veciñanza ten como referente político a “Los Solidarios”.

-A quen lle habería que botar Mao? (colle a pregunta como che pete)

Ao Mao Chester United.

-Xa por último, dime algo…sucio…

Mellor non, que este blog visítano moitos nenos.