viernes, 27 de noviembre de 2015

ENTREVISTA A EMILIO JOSÉ MÚSICO OURENSIANO


"Ourense e rural son a mesma cousa, non?"

A segunda entrevista a Emilio José neste blog. Non, non é  por falta de ideas ou persoas para entrevistar, é que logo de moooooiiiitooooo tempo, o ourensao por fin dá a coñecer un novo traballo (e que traballo señora) musical. Tres horas de cancións onde non queda tema por tratar, onde o Emilio José máis poético chega da man do Emilio José máis cáustico. Rura, Ourense, políticos (sobre todo alcaldes), celebritis como empresas e realismo post-comunista, cítanse neste seu novo traballo Agricultura Livre. Segundo críticos musicais: a mellor obra do folc indixenista ourensao. (Os puntos que aparecen no texto son de vista)
  • Primeira pregunta: A ti gústache aquela canción de "La Gota Fría"? 
  • A de Carlos Vives? Era Carlos Vives, non? Non sei se me gusta ou non, porque non a teño presente.

  • Si carlos vives, pregúntcho porque non sei se despois de tanto tempo, tes a sensación de que Agricultura Livre é como unha enchente no panorama musical en Galicia.
    HAHAHA. Pois, sobre todo e o máis importante, non son eu quen para dicir iso; e de todos xeitos, tampouco controlo moito o panorama musical en Galicia; aínda que seguro que é sensacional, e non o controlo porque non estou ao día, non porque non me guste; e, ademais, tampouco son galego, así que...
  • Ok, o de que non es galego quedoume máis que claro polo menos en dous dos temas. Falando diso mesmo...
  • hehe

  • Baltar Fillo sería un Kim-jon Um en Ourense?
  • Baltar fillo; e non sabes como me gusta que uses ese termo, porque é o que é: o fillo de Baltar, no sentido de que se non fose fillo de Baltar non sería ninguén; seguramente é un excelente ser humano, alegre e divertido, pero como cargo público é alguén que non existe. Un "presidente" que dis cousas tipo "estamos a 253 días das eleccións, cumplimos o 85,4% do programa e xa presentamos a 73 dos candidatos" non existe. E logo, aínda por riba, está o feito de que o pai, sendo outro pobre diablo coma el, polo menos era ou é, divertido, tocaba o trombón, dábase bicos na boca con alcaldes, cousas así.

  • Ben, hai algo sorprendente que é titular dous temas con nomes de modelos ou celebritis: Bruna Linzmeyer e Kim Kardashian. Cada unha transmite algo diferente para ti, por que? Unha é máis o teu estilo e a outra máis superficial?
  • Os títulos, ás veces, non están exactamente conectados co sentido das cancions; aínda que tampouco sei eu moi ben a que me refiro con "conectados". Un día vin que algo sobre Kim Kardashian estaba entre as noticias máis lidas en laregion.es, e foi como ¿quen é Kim Kardashian e por que sae na Región de Orense? No caso de Bruna Linzmeyer, hai anos lin unha entrevista dela e pareceume un bo título para unha canción, pero a canción tampouco é sobre ela en particular.

  • Entón os títulos dos teus temas son unha chamada de atención para atraer ao público? son cantos de serea?
  • Haha, pero non é que unha sexa do meu estilo e a outra non: Kim Kardashian; supoño que é á que te refires como "superficial"; seguramente sexa moi interesante como ser humano. Pero eu falo dela como "empresa", como "multinacional da propaganda". E, de todos xeitos, non teño nada claro o concepto de "superficial"!
  • Ben, en realidade o feito de sacar un disco, en si mesmo é unha "chamada de atención para atraer ao público". Se non quixeses atraer a ningún público, non o publicarías! Logo outra cousa é que pretendas que poidas atraer a máis ou a menos oíntes en función do que fagas: eu nin estou nesa posición; a posición de "mover mercado", digamos; nin me guío por outra cousa que non sexa, principalmente, que o disco, en xeral, me guste.

  • No verso "o mundo non comezou nunha caixa de aforros" no tema das montañas e o sol querías dicir algo sobre a explotación bancaria ou era animar aos defraudados nas preferentes?
    O que eu diga non vai animar ou defraudar a ninguén: non teño ese poder. Ademais, sobre os bancos hai escritas cousas moito mellores que o que poida dicir eu, e igual sobre as preferentes: nesa liña só me refiro á visión que prevalece hoxe en día sobre que o sistema bancario; sexa público ou privado, ou como sexa; é fundamental para as nosas vidas.

  • Entón a elección dos ritmos que van coas diferentes letras podemos tomalo como unha elección persoal sen querer buscarlle máis explicación. só que a ti che gusta así.
  • Si, claro: non hai ningunha mensaxe masónica nin nada, só intento que as cancións sexan o máis simples posible: logo, elas acaban saíndo como queren, pero a idea é esa.

  • Un título que me chama a atención é Nova Esquerda Caducifolia; custa moito escoller os nomes dos temas? Pregúntocho porque ás veces teño a sensación de que escribes letras moi longas e logo as divides para poñerlles nomes diferentes non sei se me expliquei ben.
  • Con letras moi longas refíreste ás letras en si, non, ou aos títulos?

  • Si si, ás letras
  • Ahh, ok. Máis ben o proceso soe ser ao revés: unha canción, cando se ve con ganas;a canción, quero dicir; vaise facendo máis longa, pero non é que divida letras; ou cancións; en cachos máis pequenos.

  • Ahá. Entón os temas que tés en Agricultura Livre de 19 segundos por exemplo, son iso, temas en si mesmos que só tiñan ese tempo de vida, nada máis. Non é un xogo coa audiencia
  • Aínda que tampouco teño claro a noción de "lonxitude" na música, porque hai cousas moi "breves" que se fan insufribles, e cousas moi "longas" que se fan breves: por suposto, se falamos desde un punto de vista cronométrico, pois entendo o que dis. Ou polo menos nese momento tiñan eses 19 segundos. De todos xeitos, eu non fago "temas", eh, fago; ou iso intento; cancións.

  • Ao meu ver hai tres eixos neste disco: política, rural e Ourense. Estou equivocado ou debera engadir algo máis ou quitar algo?
  • Ah, non sei: eso é cousa túa!
  •  
    Hahahahahha
  • Pero "Ourense" e "rural" son como a mesma cousa, non?

  • É posible, non digo que non, pero digo o de rural porque se sinte unha mágoa case persoal en ti cando falas do rural que desaparece.
  • Máis que mágoa persoal, porque tampouco é que eu reivindique a vida no rural de fai 10, 100 ou 1.000 anos, é unha nota a pé de páxina no libro satánico da Xunta de Galicia: "o rural morre, vós sabedes que non podedes facer nada, así que admitide que non podedes facer nada".
  • Entón Agricultura Livre, o disco, podería ser unha metáfora de que si podemos facer algo co rural, a pesar do libro satánico da Xunta?
  • Non, eso é imposible: non se pode facer nada, non só con rural, senón en xeral con todo, se non se destrúe o libro satánico da Xunta de Galicia. E ese libro é indestructible.

  • Home se é da Xunta, malo será que cunha revolta irmandiña non se poda destruir...
  • Xa ves como acabou a "revolta" irmandiña...

  • Nin sequera coas novas tecnoloxías cres que se podería facer algo?
  • Ha! Dime ti como...
  •  
  • Seguindo co disco, a portada non podemos esquecela, como naceu a idea e cando se materializou?
  • Pois un día que fun buscar castañas vin ese sitio que, como en tantos lugares, antes era un camiño e hoxe parece unha selva, e pensei que igual podía quedar ben así.

  • Ok. Durante un tempo viviches en Quins, foi aí onde apareceu o xermolo de Agricultura Livre?
  • En realidade graveino todo en Quins, vivindo alí, menos uns meses nos que  viñen a Vigo.

  • Fas alusión a nomes destacados dentro da política galega, pensas que lle farán caso ao disco ou simplemente mirarán para outro lado?
  • Pois o caso é que, escóiteno ou non, dá igual o que eu diga; non só porque sexa un insignificante aprendiz de músico: mesmo a maior estrela pop do mundo ten unha influencia cercana ao 0 sobre a vida material neste planeta; non vai pasar nada: para empezar, seino porque no anterior disco tamén falaba de políticos e como é de esperar, non pasa nada.

  • Ben, xa para rematar, di o que queiras, o primeiro que che pase pola cabeza...
  • Calquera cousa que se me pase pola cabeza, e máis se é mínimamente "racional", vai ser algo que me programaron previamente, ou sexa que, aínda que aparentemente fose diferente, en realidade é o mesmo que se che pode estar pasando a ti, ou a calquera, pola túa cabeza.