lunes, 5 de diciembre de 2016

ENTREVISTA A SANTA COMPANHA





 A Santa Companha


A seriedade vai ser a norma para esta entrada. Como xa dixeramos no seu momento hai....varios anos, imos tomar isto como algo divertido, pero tamén serio (fagan arqueoloxía blogueira). 
O caso é que desta volta collemos por banda a unha banda (tamén lle poden chamar grupo) que saíu recentemente dos espazos de aluguer que o veciño concello de Teo, cede para iniciativas de diversa caste. A Santa Companha, banda formada por Fer nas voces e guitarra, Rubén Seoane na percusión e Rubén Cao na guitarra, naceu desa iniciativa.
Estivemos con eles antes do seu concerto na Medusa, local santiagués que apaña cando pode algunha actuación en directo. Aínda que van enchendo pouco a pouco o seu propio repertorio, as súas versións de clásicos do rock´n´roll vanlles abrindo camiño no, sempre, complicado mundo da música por estes lugares. Falamos dalgunhas cousas, desde influencias (como non!) ata o relativo aos circuítos do rock (non podía faltar). 

-Por que e como nace A Santa Companha?
-Fer.Coñecímonos todos no Rock Is Dead, o festival de Belvís, aínda que algúns xa nos coñeciamos.
-Rubén Seoane- Coincidimos tocando unha canción dos Smashing Pumpkins no festival que che dicía Fer. Falando entre nós, vimos que tiñamos todos ganas de facer algo, dixemos de xuntarnos e ver se faciamos algo logo daquela actuación. E como o concello de Teo ten uns locais para inciativas como a nosa, decidimos coller un e a cousa comezou aí. 

 Estivestes en proxectos anteriores?
-Rubén Cao- Eu coñecía a Fernando con anterioridade, pero realmente coincidiramos en Belvís. 
-R.S.- Eu andara con algún pequeno proxecto cuns colegas da Coruña, pero realmente si, coincidimos aquí en Compostela. Houbo química e desde aí, deixámonos levar.
-O nome A Santa Companha, non estaba collido de antes?
 -F.- Non sei se algún grupo de folck ou así, pero non sei. 
-R.C.- Seguramente.

-E non vos dixeron nada?
 -F.- Esperarán que nos fagamos famosos. Pero non hai problema, se hai que cambiar, cámbiase.
-R.S.- O nome houbo que decidilo axiña, porque para encher a solicitude e poder ensaiar nos locais de Calo (Teo), había que presentarse como un grupo xa formado, co nome e membros. 
-F.- Como dicía Shakespeare: "Aínda que unha rosa non se chame rosa, seguirá exhalando o mesmo aroma".

-Agora mesmo, cantos concertos tedes dado?
-F.- Pois xa van uns poucos. Levamos un ano de vida. 
-R.S- Penso que dez concertos.
-F.- Igual máis. É que hai que ter enconta as dificultades para tocar, para cobrar, para xuntar o grupo ou para vivir disto. Logo os horarios, o traballo, cousas do día a día. 

-Falabas de cobrar. Por que hai tanto problema en cobrar?
-R.C.- Porque as circunstancias tampouco dan como para permitirche ter un grupo e pagarlle. A día de hoxe se é complicado levar adiante un negocio, canto non máis ter esa preocupación, ter un grupo e tirarlle proveito.
-F.- O artista está mal visto, ou polo menos está mal considerado. Alguén pode chamar un artista para actuar, para tocar e xa se verá se lle pagan. Chamas un fontaneiro ou un electricista e, aínda que cho deixe mal, págaslle. Pero artista, se colles o dicionario, ata ten connotacións pexorativas. Se alguén non che cae ben chámaslle "cantante", pero non lle chamas "fontaneiro". "Es un fontaneiro!" Aí radica a cousa, que se tocas a guitarra non es nada, de non ser que saias en "Operación triunfo". Logo tes que mirar de ganar a vida facendo de todo. 
-R.C.- Hai sitios nos que se pode cobrar ben, nalgunhas vilas nas que actuamos fixérono. Pero o común é pagar pouco. 
-R.S.- A peor condición é que che paguen segundo a porcentaxe da barra. Por moito que se encha, finalmente apenas dá para cubrir gastos, ir ao sitio, montar e todo iso. Non estamos nisto para facernos ricos. 

Retomando a vía musical, sei que facedes versións de clásicos do rock´n´roll, tamén tedes temas propios, pero se vos pregunto a cada un por un só nome de todas as súas influencias, que diriades?
-F.- Agora mesmo diríache  un e en cinco minutos diríache outro. En cen minutos outro e mañá outro. Desde Bob Dylan, Van Morrison, Smashing Pumpkins, Violent Femmes, Velvet Underground, The Residents, Radio Futura. Non quero falar de estilos, porque a mente non sabe o que recolle ou o que reconstrúe.
-R.S.- Eu diríache que desde o punk e o heay e outros estilos. 
-R.C.- Se estamos xuntos é por iso, porque coincidimos nos gustos musicais, de aí as versións que facemos. Eu diríache desde Guns´n´Roses, Metallica e que tamén me gusta o folk.
-R.S.- Home, eu participo na Colexiata de Sar, co que me gusta o folk tamén. O que buscas é disfrutar do que fas. 

Realmente por que estades nisto, polas mulleres ou pola pasta?
-F.- Non, pola música.  
-R.C.- Toquei nun grupo que se chamaba Tres Emes, por Música, Mulleres e Morte. 
-F.- Eu pensei que era Mulleres e Marihuana.

Estades agora dentro dun circuito con outros grupos ou estades a crear vós un circuito propio de salas para tocar?
-R.S.- O certo é que non o temos pensado. 
-F.- Realmente case que improvisamos. É como andar en bicicleta, meterte nunha diámica sen saber que vai pasar mañá. É coller unha inercia, como se fixeses deporte, se non colles unha inercia déixalo de facer. Isto é igual, tes que coller forza, non parar, porque se o fas, cando caias na conta, teralo deixado. Ata que comezas a ter contactos, lazos ou "enchufes" de forma pexorativa. Se non o fas, non o consegues. 

Á parte dos instrumentos que tocades no grupo, tocades algún outro?
-R.C.- Eu tocaba o tambor de pequeno. 
-R.S.- Percusión basicamente.
-F.- Harmónica, ukelele e instrumentos de corda. 
 
 Estades preparando repertorio para ter o voso disco?
-F.-  Si, pero hai problemas coa economía para poder facer algo decente, esperamos que haxa unhas circustancias que permitan gravar en condicións. Sempre teremos algo para gravar, unha cámara ou o que sexa. Ás veces gustaríame entrar nun estudio e facer algo decente.

Coñecedes os rudimentos para a gravación.
-R.S.- Pois a base de pelexar cos aparatos, sei como darlle a algúns programas para que saia algo decente. 

Cal é o futuro inmediato que vedes?
-R.S.- Pois seguir tocando en bares, pasalo ben e gravar cando poidamos. Disfrutalo sempre porque cando se converte nunha obriga, pasa a ser outra cousa.