sábado, 24 de julio de 2010

ENTREVISTA A XAN G. VIÑAS







España gañou o mundial de fútbol. Cal é a túa valoración?

Espera, tesme que dar cinco minutos para pensar a resposta..eeeehhhh....mágoa que non gañase Corea do Norte.

Por que?

Polo seu presidente, que non sei como se chama pero mola.

Á parte de ver filmes practicas algún outro deporte de risco?

eeee...É que me dá a risa responder entrevistas túas.

E ser vexetariano non é un deporte de risco?

(longo silencio) Depende.

De que depende?

(tanto o entrevistado como o entrevistador comezan unha sesión de risos nerviosos que acaban un ou dous minutos despois)

Depende de onde vaias comer. Pode ser que durante a miña época de estudante universitario cando vivía contigo pode que si fose deporte de risco.

Renunciarías a saír de copas todo un ano, por saír un día, só un día, con Aki Kaurismäki?

Ostia, que pregunta. A ver, depende, se podes coller o ano, si. Escollería saír todo o ano con Kaurismäki. O problema é que creo que non podería sobrevivir a tal ritmo.

Agora sendo serios, máis da metade dos directores que se proxectaron no Cineclube non os coñece nin dios.

Efectivamente.

Iso é ir de guai?

Non,ho! Non creo.

Achégate á gravadora.

Pero se xa me estás escoitando.

Non cres que sexa ir de guai.

Non.

E que lle dirías á xente que pensa que o cineclube vai de guai ao proxectar eses directores.

Que están no seu dereito de pensalo. Pero cando se poñen non é simplemente porque sexan descoñecidos. Directores descoñecidos hai a millóns, e nós poñemos directores por razóns concretas: inclinacións políticas e cuestións tamén cinematográficas.

É dicir, o cinema do Cineclube é un cinema politizado?

Home, claramente. Creo que todo está politizado, pero o noso é politizado de esquerdas, ou máis que de esquerdas.

Este ano o produto estrela do merchandising cineclubeiro foi o libro Non conciliados. Antes foron camisolas e bolsos. O novo que será preservativos e diafragmas?

Non estaría mal.

Na última festa do Cineclube houbo unha performance de Miguel Prado. Di a verdade, Miguel Prado non existe.

Aaaaahhhhh.

Churrasco ou sushi?

(silencio) Tortilla de patacas.

Na Capela segues cociñando con camping gas?

Non, agora hai unha cociña eléctrica pequena, pero cociña finalmente.

Se a clase política fose vexetariana, que cambiaría, cambiarían as tornas do país?

Non ho, Hitler era vexetariano disque.

Por que deixaches de fumar, as copas eran máis caras?

Deixei de fumar por cartos claramente, e porque unha vez volvín de Barcelona totalmente intoxicado de fume e tiven que deixalo.

Por que as sesións vermouth do Cineclube son posteriores ás proxeccións? Normalmente son anteriores ás cerimonias.

É certo. Antes tamén lle damos bastante, sobre todo ás cañas, e iso impide que ás veces poidamos gozar dos filmes en condicións. En todo caso, non o marco eu que o marca o que di a xente.

Poranse filmes porno no Cineclube?

A xente pídeo, hai moita xente que o pide. A ver se hai un porno de esquerdas ou á marxe. Eu descoñézoo, pero de seguro que ti sabes máis diso.

Fixeches un artigo para a Trabe de Ouro, "Llorenç Soler. O cinema en man común". Hai moita man parva no audiovisual galego ou só poñen o cazo?

Eu creo que no audiovisual galego non hai nada, un baleiro absoluto. Entón é que xa non é que se fagan as cousas mal. Para min o que se fai dentro dese concepto non existe, non ten sentido.O que se fai é á marxe, aí si que hai cousas interesantes, pero o que hai agora mesmo é igual a cero.

Cantos filmes podes ver ao día?

Antes vía cinco ou seis ao día, na miña época de estudante que non estudaba. Pero agora éme difícil ver filmes en pantalla pequena. Estou máis afeito a ver filmes en pantalla grande e ver filmes con xente é algo que me gusta moito. Logo tomar algo con esa xente, aínda máis. Entón realmente, intento na medida do posible esperar as proxeccións en pantalla grande.

Definirías as reunións do Cineclube como reunións de politburó xerontocrático?

Xerontocrático non é que mandan os vellos?

Si

Home moi vellos non vamos.

Entón sería un estilo estalinista?

Din que antes eramos así, e non estou en posición de negalo. Pero é posible, porque antes as reunións eran bastante surrealistas. Da época dos surrealistas que se daban de ostias cando a xente falaba. Pero hoxe en día, son amistosas, mesmo moi amistosas. Ao mellor habería que darse de paus.

Legalizarías as drogas dentro das reunións do Cineclube?

Claramente si. E nas proxeccións do Cineclube tamén.

Que opinas da prohibición de fumar no local de proxeccións do Cineclube?

Paréceme fatal. Moléstame máis que a xente coma palomitas que que fume. Pero é unha opinión persoal.

Sexo, fútbol ou cinema?

Nesa tríada o fútbol está fóra de lugar.

Pero ti es fuboleiro?

Si, pero non tanto.

Por último, di algo, o que che apeteza.

Buh!