martes, 5 de julio de 2011

ENTREVISTA AO CAPITÁN GZ


"Eu son autodefinido"


É un paxaro?, é un avión?...é un axente electoral? Non!!! É o Capitán GZ!!! O superheroe das mil e unha solucións con rima e música incorporadas achegouse a este blog para saír do verso e contarnos algo en prosa, ou llea!!

Como se pronuncia o teu nome: Guezeta, gazeta, ghezeta, ghazeta, xezeta, ghaseta, gueseta, xeseta...?

Cada un que o pronuncie como queira, eu respondo a todos.

Tes Facebook?

Pois non.

Resulta que mirando na rede vin que hai un Capitán Guezeta ou Ghezeta, non sei, con Facebook, que aparece vestido de pallaso na foto de perfil e con cara de pasalo mal. Esa é a foto que mandaches para o casting de superheroes?

Non, viñéronme buscar á taberna. Esta alí como sempre, tomando a miña cervexa e o meu pitillo e apareceron por alí para ofrecerme o papek na serie "Non saímos do lixo". E non dixen que non.

Estás contra da matanza das focas no Canadá?

Si, estou en contra.

Pregúntocho porque este outro Capitán GZ está en contra e ademais di que o seu pasatempo é a innovación.

Eu moito non innovo, na barra do bar pouco se pode innovar.

Ti es superheroe por accidente ou es un político do PP frustrado?

Político do PP non son...

E frustrado?

Frustrado tampouco.

Podes voar ou polo menos, podes levantarde da barra do bar?

Levántome da barra do bar só cando é necesario.

Onde naciches? Por que se a resposta é que foi noutro planeta, direiche que son aficionado á ciencia ficción e busco unha exclusiva para saír do paro.

Nacín neste, pero tal como vai o planeta logo se parecerá a outro como Marte, Venus...

Míraste no espello antes de saír á rúa?

Non, non teño espellos. Tampouco teño o poder do reflexo.

Es un vampiro!!!

Non, ando moito pola noite, son máis ben crápula.

As luvas de goma dánche alerxia?

Non, pero apretan un pouco.

Cando soubeches dun furacán ameazando Galicia, a solución que se che ocorreu foi "xirarei como a roda do muiño". Cal é a túa solución para os incendios forestais: "que con lume ou sen lume ti tamén podes arder"?

A solución é que en vez de arder os montes arderan outras cousas, como o Parlamento.

Se a Supermán lle dá un parrús coa kriptonita, a ti con que cho dá: coa Estrella Galicia ou que che merquen un traxe de Zara?

Creo que máis o de Zara.

Que talla levas de calzóns?

Eses calzóns atopeinos non sei se foi en Xinzo, pero foi nunha festa. E dixen: pois quedan ben por detrás.

Eu podo entender que no bar estea sempre o mesmo camareiro. Pero por que son sempre os mesmos os que te avisan cando pasa calquera cousa?

Porque son os máis listos.

Dime a verdade, son os teus fillos.

Pode ser, pode ser.

Á parte do bar, tes casa?

Non, o bar é o meu primeiro fogar e será o último.

Por que rexeitaches a Spiderman como axudante-acompañante nas túas aventuras?

Parecíame moi pijo, non tiña chispa como RetranKa.

Dígocho porque o home debe saber facer unhas boas mantas, ou amacas para o verán.

Pero mellor só que mal acompañado e a min non me daba confianza.

Que estudos fai falta ter para ser axudante teu?

Con que saibas abrir as cervexas co isqueiro, xa chega.

Irías de mani con Adrián Brandán, ou paréceche un nome moi feo?

Coincidimos moito nos bares, sempre son os mesmos.

Fumas porros?

Fumo de todo.

Nas túas aventuras sempre te vemos fumando dentro do bar. Fumas tamén na intimidade?

Tamén.

En galego ou catalán?

Nos dous, depende de onde estea.

Quererías de parella a Maruja dos "Ghalleghos"?

A Maruja sempre.

Ti por quen votas, polos de siempre?

Polos de siempre, non, eu non saio do bar, nin para votar.

Pero botas de menos a Fraga?

Os dinosaurios non son o meu forte.

Salvarías a Feijoo dun ataque preventivo de AlQaeda?

Non.

Na primeira actuación que te vin, con Galegoz, mentes eles cantaban e bailaban ti estabas nunha esquina bebendo e fumando. Considéraste un exemplo a seguir pola mocidade galega ou eras moi malo en ximnasia?

Moi malo en ximnasia, de feito eu suspendía esa cadeira. E a capa tampouco axuda moita.

Tes feito réxime algunha vez ou consideras que a beleza está na personalidade?

A beleza está na personalidade sempre.

Galicia é un sitio distinto ou vela cada día máis linda?

Cada día máis linda e mellor e mellor e mellor.

Cal é o teu pasatempo favorito? E non vale estar no bar.

Eu son autodefinido.

Cantos anos tes?


Non cho podo dicir. Os superheroes non temos idade.

Se ti foses o trasunto de Superman, que calvo galego sería Lex Luthor?

Gayoso.

Agora que gañou Conde Roa, cal é a túa solución, Capitán GZ?

Legalizar as drogas.

Levas calcetíns?

Si. Medias.

Presentaraste ás eleccións á Xunta de Galicia ou ti es funcionario?

Non son funcioanrio pero case, estou todo o día na barra do bar.

Considéraste un superheroe alternativo ou indie?

Indio.

Onde tes o teu refuxio secreto, no Polo Norte ou no Avante?

No Avante.

Di algo, o que ti queiras.

Que sigades as miñas aventuras e desventuras en KomunikandoTV, estamos a gravar o seguinte capítulo, e que vos siga gustando.