domingo, 2 de abril de 2017

MISHA BIES GOLAS: CHÁMOME ASÍ PORQUE....

"Vivín nun faiado cheo de ratos"

-A primeira pregunta é obvia, por que estudaches nun colexio de monxas?
 Porque era un mal estudante, indisciplinado e como no conseguía bos resultados, optaron por unha segunda alternativa para axilizar todo ese trámite de estudar BUP e poder ir estudar fóra. 

-A onde fuches estudar?
A Ourense.

-Alí puxéronche a cabeza coma unhas maracas, non?
Entre outras cousas. Pero no fondo púxenma eu.

-Nesa cidade entraches en contacto con grandes rostros da bohemia ourensá...
Home, tanto como bohemia, pero si, en Ourense atopei xente interesante como Xoán Torres, Jorge Varela ou  Manolo Figueiras.

-Cóntame un chiste. Por que levas de nome artístico Mixha Bies Golas?
 Porque tén unha sonoridade similar a "Besa Mis Bolas".


-En serio? Porque eu ía dicir que era unha cousa más seria: unha sonoridade holandesa como Mies Van der Roes.
 Outra das persoas coas que coincidín en Ourense, Alberto, viñera de Kiev o ano que cheguei a Ourense. El viña de restaurar iconas ortodoxas. Daquela eu estaba moi interesado na estética soviética de vangarda. Unha tarde que estabamos argallando historias diversas, fixemos unhas fotos cunhas roupas que trouxera de Ucrania. El decidiu traducir o meu nome de Miguel a Misha. Calvo, meu apelido, non sabía como se traducía, entón decidiu que era "sen pelo", e sería "bies golas". Resultou que non era certo, e que el non tiña idea de ruso. 
Logo co tempo, por países do centro, leste de Europa e pescudas na redes, saían diferentes traducións. Unha delas era "bies golas" "sen escrúpulos" ou "sen pudor".

-Como leva unha longa tradición de carniceiros de Lalín que un dos seus descendentes se meta a artista plástico?
Eu tamén che sei dabondo do oficio de carniceiro. O certo é que non sei  que pensan, porque eu lévome ben con todos. Nunca houbo conflito por ese motivo. Tampouco é que sexa unha maldición.

-Foron esas raíces tan burguesas da túa familia polo que te fuches para Indonesia?
 Non estou de acordo co das orixes burguesas. Pero o da miña viaxe a Indonesia foi que nun principio estudara fotografía. Nun principio, nos primeiros anos tiña moita vocación. E a idea que tiña eu para desenvolverme profesionalmente era facer fotorreportaxes, viaxar, etc. Parecíame atractivo polo feito de viaxar e traballar ao mesmo tempo. 

-Para poder sobrevivir, porque esas viaxes son caras, vendías drogas?
Non, dera aulas no instituto de Lalín e en CC OO. Co que me pagaron decidín gastalo nunha viaxe. Coincidín cun grupo de persoas que ían para alá. Eu ía a Suagüesi, a Bira Beach. Perto dese sitio había unha aldea que, por tradición, o seu traballo era construir embarcacións. A mesmas que usan os buguis, os piratas indonesios. 
Alí había un americano que estaba facendo  unha embarcación, convidáranos a vivir con el. A idea era facer unha reportaxe sobre a construción do barco. Finalmente pasei, porque non entendía o idioma e aquilo era un lío. O americano falaba inglés moi rápido e os indonesios falábano moi amodo. Decidín dar unha volta por varias illas de Indonesia para coñecer persoas e facer fotografías. 

-Despois de tantas movidas, por que acabaches en Santiago?
 Por amor.


-Non te creo.
Si.

-Amor ás persoas, ás plantas....?
Ás persoas e á cidade, que é moi cómoda.

-Que hai que facer para ser un artista coma ti, que che fagan caso, poñer as exposicións no CGAC?
 Hai que perseverar e atinar. Todo traballo necesita de perseverancia para ter certos resultados. 


-No teu caso como perseveraches?
Pois perseverando día a día.


-Tamén naquel faiado con ratos incluídos?
 Si, aí traballei motísimo. Era unha maneira de evadirme de problemas persoais que tiven. 


-O teu pai é enfermeiro. Cal foi a última recomendación que che deu para a túa saúde?
Hai que estar tranquilos.

-Por último, di o que queiras.
 Sentouche ben a tortilla?


-De marabilla.