lunes, 5 de diciembre de 2016

ENTREVISTA A SANTA COMPANHA





 A Santa Companha


A seriedade vai ser a norma para esta entrada. Como xa dixeramos no seu momento hai....varios anos, imos tomar isto como algo divertido, pero tamén serio (fagan arqueoloxía blogueira). 
O caso é que desta volta collemos por banda a unha banda (tamén lle poden chamar grupo) que saíu recentemente dos espazos de aluguer que o veciño concello de Teo, cede para iniciativas de diversa caste. A Santa Companha, banda formada por Fer nas voces e guitarra, Rubén Seoane na percusión e Rubén Cao na guitarra, naceu desa iniciativa.
Estivemos con eles antes do seu concerto na Medusa, local santiagués que apaña cando pode algunha actuación en directo. Aínda que van enchendo pouco a pouco o seu propio repertorio, as súas versións de clásicos do rock´n´roll vanlles abrindo camiño no, sempre, complicado mundo da música por estes lugares. Falamos dalgunhas cousas, desde influencias (como non!) ata o relativo aos circuítos do rock (non podía faltar). 

-Por que e como nace A Santa Companha?
-Fer.Coñecímonos todos no Rock Is Dead, o festival de Belvís, aínda que algúns xa nos coñeciamos.
-Rubén Seoane- Coincidimos tocando unha canción dos Smashing Pumpkins no festival que che dicía Fer. Falando entre nós, vimos que tiñamos todos ganas de facer algo, dixemos de xuntarnos e ver se faciamos algo logo daquela actuación. E como o concello de Teo ten uns locais para inciativas como a nosa, decidimos coller un e a cousa comezou aí. 

 Estivestes en proxectos anteriores?
-Rubén Cao- Eu coñecía a Fernando con anterioridade, pero realmente coincidiramos en Belvís. 
-R.S.- Eu andara con algún pequeno proxecto cuns colegas da Coruña, pero realmente si, coincidimos aquí en Compostela. Houbo química e desde aí, deixámonos levar.
-O nome A Santa Companha, non estaba collido de antes?
 -F.- Non sei se algún grupo de folck ou así, pero non sei. 
-R.C.- Seguramente.

-E non vos dixeron nada?
 -F.- Esperarán que nos fagamos famosos. Pero non hai problema, se hai que cambiar, cámbiase.
-R.S.- O nome houbo que decidilo axiña, porque para encher a solicitude e poder ensaiar nos locais de Calo (Teo), había que presentarse como un grupo xa formado, co nome e membros. 
-F.- Como dicía Shakespeare: "Aínda que unha rosa non se chame rosa, seguirá exhalando o mesmo aroma".

-Agora mesmo, cantos concertos tedes dado?
-F.- Pois xa van uns poucos. Levamos un ano de vida. 
-R.S- Penso que dez concertos.
-F.- Igual máis. É que hai que ter enconta as dificultades para tocar, para cobrar, para xuntar o grupo ou para vivir disto. Logo os horarios, o traballo, cousas do día a día. 

-Falabas de cobrar. Por que hai tanto problema en cobrar?
-R.C.- Porque as circunstancias tampouco dan como para permitirche ter un grupo e pagarlle. A día de hoxe se é complicado levar adiante un negocio, canto non máis ter esa preocupación, ter un grupo e tirarlle proveito.
-F.- O artista está mal visto, ou polo menos está mal considerado. Alguén pode chamar un artista para actuar, para tocar e xa se verá se lle pagan. Chamas un fontaneiro ou un electricista e, aínda que cho deixe mal, págaslle. Pero artista, se colles o dicionario, ata ten connotacións pexorativas. Se alguén non che cae ben chámaslle "cantante", pero non lle chamas "fontaneiro". "Es un fontaneiro!" Aí radica a cousa, que se tocas a guitarra non es nada, de non ser que saias en "Operación triunfo". Logo tes que mirar de ganar a vida facendo de todo. 
-R.C.- Hai sitios nos que se pode cobrar ben, nalgunhas vilas nas que actuamos fixérono. Pero o común é pagar pouco. 
-R.S.- A peor condición é que che paguen segundo a porcentaxe da barra. Por moito que se encha, finalmente apenas dá para cubrir gastos, ir ao sitio, montar e todo iso. Non estamos nisto para facernos ricos. 

Retomando a vía musical, sei que facedes versións de clásicos do rock´n´roll, tamén tedes temas propios, pero se vos pregunto a cada un por un só nome de todas as súas influencias, que diriades?
-F.- Agora mesmo diríache  un e en cinco minutos diríache outro. En cen minutos outro e mañá outro. Desde Bob Dylan, Van Morrison, Smashing Pumpkins, Violent Femmes, Velvet Underground, The Residents, Radio Futura. Non quero falar de estilos, porque a mente non sabe o que recolle ou o que reconstrúe.
-R.S.- Eu diríache que desde o punk e o heay e outros estilos. 
-R.C.- Se estamos xuntos é por iso, porque coincidimos nos gustos musicais, de aí as versións que facemos. Eu diríache desde Guns´n´Roses, Metallica e que tamén me gusta o folk.
-R.S.- Home, eu participo na Colexiata de Sar, co que me gusta o folk tamén. O que buscas é disfrutar do que fas. 

Realmente por que estades nisto, polas mulleres ou pola pasta?
-F.- Non, pola música.  
-R.C.- Toquei nun grupo que se chamaba Tres Emes, por Música, Mulleres e Morte. 
-F.- Eu pensei que era Mulleres e Marihuana.

Estades agora dentro dun circuito con outros grupos ou estades a crear vós un circuito propio de salas para tocar?
-R.S.- O certo é que non o temos pensado. 
-F.- Realmente case que improvisamos. É como andar en bicicleta, meterte nunha diámica sen saber que vai pasar mañá. É coller unha inercia, como se fixeses deporte, se non colles unha inercia déixalo de facer. Isto é igual, tes que coller forza, non parar, porque se o fas, cando caias na conta, teralo deixado. Ata que comezas a ter contactos, lazos ou "enchufes" de forma pexorativa. Se non o fas, non o consegues. 

Á parte dos instrumentos que tocades no grupo, tocades algún outro?
-R.C.- Eu tocaba o tambor de pequeno. 
-R.S.- Percusión basicamente.
-F.- Harmónica, ukelele e instrumentos de corda. 
 
 Estades preparando repertorio para ter o voso disco?
-F.-  Si, pero hai problemas coa economía para poder facer algo decente, esperamos que haxa unhas circustancias que permitan gravar en condicións. Sempre teremos algo para gravar, unha cámara ou o que sexa. Ás veces gustaríame entrar nun estudio e facer algo decente.

Coñecedes os rudimentos para a gravación.
-R.S.- Pois a base de pelexar cos aparatos, sei como darlle a algúns programas para que saia algo decente. 

Cal é o futuro inmediato que vedes?
-R.S.- Pois seguir tocando en bares, pasalo ben e gravar cando poidamos. Disfrutalo sempre porque cando se converte nunha obriga, pasa a ser outra cousa. 



 
 



 

martes, 12 de julio de 2016

ENTREVISTA A MARTA PÉREZ PEREIRO (ELA MESMA, OU NON)


Fotografía de Alba Pérez Pereiro



Contextualizando: a entrevista faise mentres está de fondo a entrevista de Bertín Osborne a José Luís Moreno. Un reto.
 
­Fuches profesora de comunicación na facultade de Dereito. Por que se estudan dereito, logo moitas e moitos deses alumnos e alumnas escollen o camiño máis torto?
Pois depende do que definamos como torto... para eles torto será máis ben andar de pintamonas e mamarracha en xornalismo.

­Nesa experiencia como profesora, sentícheste chusma ou chusca?
Chusma sempre, fronte á casta. Ata que se afixeron a min, na facultade mirábanme con moita desconfianza. Agora, en canto empecei a sentirme cómoda, canseime de facer comentarios chuscos que eu consideraba moi graciosos pero que non o debían ser tanto, porque ninguén se ría.

­Sei que deches aulas sobre retórica. Tiveches que facerlles meter pedras na boca para que puidesen pronunciar ben ou tiráchesllelas á cara nalgún momento?
Violencia jamás. O das pedras na boca expliquéillelo un día e escoitei a unha pija dicindo “que asco”. Como imaxinarás, non insistín no asunto.

­Terás anécdotas para encher unha biblioteca virtual, como foi aquela do alumno que dixera o de “zas, plano secuencia!”?
Hahahaha Xacobe! En realidade fora: “Zas, metáfora visual!” e explicaba da mellor maneira posible as transicións no cinema de Russ Meyer nun traballo que lle deixei presentar en Cinema de Autor.

­Durante un tempo fuches vice decana da Facultade de Ciencias da Comunicación.
Fun. Que tempos aqueles! Esforceime moito en perfeccionar o meu personaxe de hideputa e creo que me saía bastante ben. Agora que intento ir máis de riquiña póñenme unhas notas malísimas na avaliación da miña docencia. A vida académica non é xusta.

Entón pódesme responder a esta pregunta que leva anos torturándome: quen asina as facturas do papel hixiénico nunha institución coma esa?
Iso precisa da sinatura do reitor sen delegación. Sobre todo se compramos Foxy ou Colhogar.

­A Facultade de Xornalismo foi deseñada polo arquitecto portugués Álvaro Siza. Sabes de alguén que lle teña mandado fotos de como está a estructura dese edificio a día de hoxe?
Direiche que unha vez o vin facendo espionaxe industrial pola facultade adiante. Non sei se tivo o pracer de probar os seus propios baños. Pola mañá estivo revisando o edificio e pola noite ceou n’O gato Negro, que eu tamén o espiei a el.

­Tiña que facerche esta pregunta: es feminazi? Defíneme o termo.
Son nazi, venme de familia. O de femi suavízao un chisco. (Espero que por esta resposta non me fagan un Lars von Trier).

­Lembro que hai un tempo foras a Oslo, capital de Noruega, a unhas conferencias. As crónicas do teu Facebook eran rechamantes. A min chocoume un dos teus comentarios: “Oslo es bien”. Bien que?
Bien caro e bien civilizado. O de dicir “es bien” foi unha moda das redes sociais que, no fondo, me parece super cutre. Pero eu son moi influenciable.

­Descoñezo moito o que coce a mocidade estudante actualmente, pero non hai moito vin unha caste de exposición sobre filmes gore, ou como lles chamen, feita con bonecos e todos cheos de sangue, vísceras, etc. O sentimento é mútuo entre profesores e alumnos?
Eu pensaba que ós profesores lles dabamos igual, que non sentían nin padecían, pero agora véxome odiando coa mesma intensidade que cando era alumna.

­Agora en serio, cantos góticos e góticas tiñas nas túas aulas?
Pois o gótico penso que debe darse máis en farmacia ou en traballo social. En xornalismo e comunicación audiovisual tiven algún heavy, a última tribu urbana do Romanticismo, rockabillies e señoras que.

­Vas facer algo durante este verán que non teña absolutamente nada que ver co que fixeches nos últimos vinte anos?
Probablemente non. Son unha feminazi de costumes.

­Por último di o que queiras.
Se volvo dar clases de redacción, voute convidar a que fagas un obradoiro de entrevista creativa coa tropa.
(o máis bonito que me dixeron neste blog)

sábado, 30 de abril de 2016

ENTREVISTA A ALBA VINHAS, FALA ALEMÁN









"O tren que me leva pola beira do Rhin, me leva polo meu camín"


O progresivo deterioro de todopirolismo que sufría este blog, foi o motivo-causa-efecto de tardarmos tanto en aparecer outra volta. Porque na procura dun ser humano de sexo feminino que lle dese a réplica a tanto home con pelo no peito (o de pelo no peito é falar por falar por algúns), a busca dese ser humano feminino levou intensas e profundas negociacións con varias persoas.

Final e felizmente Alba Vinhas, autora, intérprete (de alemán), fotógrafa, profesora, tradutora de textos para a xa extinta Estaleiro Editora, viaxeira e sempre optimista, fainos a deferencia de poder contarmos coa súa presenza neste o seu-voso blog.

Quedan pendentes outras entrevistas anti-todopirolos, pero as negociacións están atrancadas, se alguén se ofrece será benvida. Of course.



Agora que estás en Leipzig, cóntame, quedan restos da Stasi por aí?
Ola. A resposta literal é que si, pero convenientemente etiquetados. Ou sexa: hai un museo da Stasi, que se chama Runde Ecke (algo así como recanto redondo, que a min me parece bastante contradictorio). E se un(ha) ten sido espiada, pode consultar aí os seus papeis. Eu ao museo aínda non fun. Cando se vive aquí a Stasi deixa de dar tanto morbo.

Os e as alemáns do Leste son máis pequenos que os do Oeste?
En calquera caso, son máis pequenos ca os do Norte. Que clase de pregunta é esta?

En Alemaña tamén hai subvencións governativas para editar poesía?
O meu editor de texto non recoñece a palabra governativas. Tal vez gubernamentais? Primeiro, hai que falar por rexións, que isto é un estado federal. A cultura institucional aquí en Saxonia é bastante unha merda. Leva gobernando a CDU dende que caeu o muro. Sempre o digo, porque nunca deixa de sorprenderme. Non sei se hai axudas para edición de poesía, pero sospeito que non. As axudas son máis para ópera e así. Hai unha editorial aquí en Leipzig de, sobre todo, poesía que se chama Wörtersee e que está moi ben. Falando de diñeiro público e literatura, o que si que hai son estudos universitarios -aquí a universidade é gratuita -de escritor/a. Leo na páxina web deles que o master consiste en escribir unha novela.

Non podo resistirme, cantos chistes sobre galegos tes oído nese país? E sobre españois?
Á primeira pregunta, cero. Á segunda pregunta, cero. O chistes en Alemaña adoitan ter que ver con imitar dialectos. E co dialecto que teñen aquí digamos que son un sitio máis obxecto que suxeito de burlas. Supoño tamén que hai culturas con máis sentido do humor que a alemá.

Conta un, o que che apeteza.
No semestre pasado estivemos vendo chistes en clase de consecutiva e simultánea. Os chistes eran en español en do nivel de “¿por qué los de lepe ponen whisky en las rotondas? (para mejorar la circulación). Había que buscar a maneira de que en alemán fixeran medio graza. Eu non o conseguín. Aínda foi sorte que non houbera polo medio chistes de galegos.

Ben, leo nos xornais de aquí que hai 500 anos regulamentouse a fabricación da cervexa alemana. Aí tamén fan como na Galiza, hai xente que fai cervexa caseira e logo a vende en botellas envoltas en xornais?
(sorriso) Lin na prensa que foi Merkel á celebración solemne do aniversario. Non sei que farán en Baviera ou Baden-Württemberg, pero aquí entre a rectitude alemá e o feito de teren tido una economía planificada durante 40 anos non axuda ás creacións cervexeiras na bañeira. Así que cervexa caseira pouca, pero hai unha fábrica de cervexa a dúas rúas da miña casa e ás veces patrocinan festas en pisos. De faceren cervexa caseira, non me imaxino moito a distribución, porque o típico bar tipo o mosquito co licor café ou o outro de san pedro cos queixos aquí non existen (snif)

Vasme pedir que elimine respostas a este blog como me fixo facer Alex Charlón?
De haber censura, será ao grande e pedireiche que borres TODA a entrevista, non dez segundos.

Escribiches letras para Ataque Escampe?
Non. Cando faciamos botellóns na casa de Miguel de Pelamios ás veces escribiamos cadáveres exquisitos e un ou algún deles acabou sendo canción. Pero entendo que iso non conta.

E para outro grupo?
De momento non, pero había molar.

Se formases unha banda a quen incluirías e a quen non?
Eu tería que ser a manager, e sería unha especie de banda de superstars galega. No escenario podería presentar as cancións e, se cadra, tocar o triángulo. Por que me fas tantas preguntas de música?

Escribirías letras contra alguén?
Pensei e escribin varias respostas a esta pregunta pero ningunha me acabou de satisfacer así que opto por non responder.


Tendo en conta o actual sistema de financiación autonómica, tes ganas de voltar?
O sistema de financiación autonómica non é o que máis me motiva a voltar. Isto faime pensar na AP9 (si, na AP9), e no que che conto na pregunta seguinte


Por último, di o que queiras
Unha das cousas que me dá un pouco de medo de Alemaña: ir nun coche a 150 pola estrada e que outros coches nos adianten. (Non conducía eu. Fora a Jena facer un exame. É divertido que Jena teña de alcume “cidade da luz”. Non é pola luz que hai, senón porque é sede da empresa de lentes Zeiss).
Outra cousa que me daba medo (alleo): ver cegos facendo rutas de escalada no rocódromo. E ser mellores ca min.
E por último, unha cousa que me vai dar medo: o Wave Gothik Treffen que vai haber aquí dentro de dúas semanas.