Fotografía de Alba Pérez Pereiro
Contextualizando: a entrevista faise mentres está de fondo a entrevista de Bertín
Osborne a José Luís Moreno. Un reto.
Fuches profesora de comunicación
na facultade de Dereito. Por que se estudan dereito, logo moitas e
moitos deses alumnos e alumnas escollen o camiño máis torto?
Pois depende do que definamos como
torto... para eles torto será máis ben andar de pintamonas e
mamarracha en xornalismo.
Nesa experiencia como profesora,
sentícheste chusma ou chusca?
Chusma sempre, fronte á casta. Ata que
se afixeron a min, na facultade mirábanme con moita desconfianza.
Agora, en canto empecei a sentirme cómoda, canseime de facer
comentarios chuscos que eu consideraba moi graciosos pero que non o
debían ser tanto, porque ninguén se ría.
Sei que deches aulas sobre
retórica. Tiveches que facerlles meter pedras na boca para que
puidesen pronunciar ben ou tiráchesllelas á cara nalgún momento?
Violencia jamás. O das pedras na boca
expliquéillelo un día e escoitei a unha pija dicindo “que asco”.
Como imaxinarás, non insistín no asunto.
Terás anécdotas para encher unha
biblioteca virtual, como foi aquela do alumno que dixera o de “zas,
plano secuencia!”?
Hahahaha Xacobe! En realidade fora:
“Zas, metáfora visual!” e explicaba da mellor maneira posible as
transicións no cinema de Russ Meyer nun traballo que lle deixei
presentar en Cinema de Autor.
Durante un tempo fuches vice
decana da Facultade de Ciencias da Comunicación.
Fun. Que tempos aqueles! Esforceime
moito en perfeccionar o meu personaxe de hideputa e creo que me saía
bastante ben. Agora que intento ir máis de riquiña póñenme unhas
notas malísimas na avaliación da miña docencia. A vida académica
non é xusta.
Entón pódesme responder a esta
pregunta que leva anos torturándome: quen asina as facturas do papel
hixiénico nunha institución coma esa?
Iso precisa da sinatura do reitor sen
delegación. Sobre todo se compramos Foxy ou Colhogar.
A Facultade de Xornalismo foi
deseñada polo arquitecto portugués Álvaro Siza. Sabes de alguén
que lle teña mandado fotos de como está a estructura dese edificio
a día de hoxe?
Direiche que unha vez o vin facendo
espionaxe industrial pola facultade adiante. Non sei se tivo o pracer
de probar os seus propios baños. Pola mañá estivo revisando o
edificio e pola noite ceou n’O gato Negro, que eu tamén o espiei a
el.
Tiña que facerche esta pregunta:
es feminazi? Defíneme o termo.
Son nazi, venme de familia. O de femi
suavízao un chisco. (Espero que por esta resposta non me fagan un
Lars von Trier).
Lembro que hai un tempo foras a
Oslo, capital de Noruega, a unhas conferencias. As crónicas do teu
Facebook eran rechamantes. A min chocoume un dos teus comentarios:
“Oslo es bien”. Bien que?
Bien caro e bien civilizado. O de dicir
“es bien” foi unha moda das redes sociais que, no fondo, me
parece super cutre. Pero eu son moi influenciable.
Descoñezo moito o que coce a
mocidade estudante actualmente, pero non hai moito vin unha caste de
exposición sobre filmes gore, ou como lles chamen, feita con bonecos
e todos cheos de sangue, vísceras, etc. O sentimento é mútuo entre
profesores e alumnos?
Eu pensaba que ós profesores lles
dabamos igual, que non sentían nin padecían, pero agora véxome
odiando coa mesma intensidade que cando era alumna.
Agora en serio, cantos góticos e
góticas tiñas nas túas aulas?
Pois o gótico penso que debe darse
máis en farmacia ou en traballo social. En xornalismo e comunicación
audiovisual tiven algún heavy, a última tribu urbana do
Romanticismo, rockabillies e señoras que.
Vas facer algo durante este verán
que non teña absolutamente nada que ver co que fixeches nos últimos
vinte anos?
Probablemente non. Son unha feminazi de
costumes.
Por último di o que queiras.
Se volvo dar clases de redacción,
voute convidar a que fagas un obradoiro de entrevista creativa coa
tropa.
(o máis bonito que me dixeron neste blog)
No hay comentarios:
Publicar un comentario