lunes, 29 de marzo de 2010

Entrevista a Samuel Solleiro


/P1090490.JPG">

Gústache pescar?

Non.

Dígoo por se algunha vez pescaches persoas.

Non, non me chama moito a atención, pero cando era pequeno meu pai si ía pescar moitas veces levábame con el. E home, non sei, non me gustaba era cousa de esperar moito e facer moitas poucas cousas. Hai un cheiro, algunhas sensacións que asocio como o cheiro das miñocas e as cousas que había no cesto, todo iso faime evocar. Pero a pesca de río. O conto, ese “O pescador de homes”, era pesca de mar. O conto era simplemente pola expresión “Pescar homes”.

Por iso te disfrazas de crocodilo?

Pois si, seguramente hai algunha conexión inconsciente entre as dúas cousas. O do crocodilo era só porque era moi interesante o disfrace. Cando xurdiu de facer os disfraces para o vídeo e as fotos de Ataque Escampe, eu fun o que fixo a maioría dos disfraces, tamén tiven dereito a escoller, así que como este tiña unha carauta e demais, era o que máis me chistaba.

A quen pecharías nun bote: a Deus, a Cristo ou ao Papa?

A quen pecharía nun bote? Seguramente ao Papa, ademais ao Papa de antes, que tiña certa pinta de animal en formol.

E á clase política galega tamén a pecharías?

Á clase política galega, home supoño que si. Ou ao mellor se poderían pensar outros castigos máis crueis.

Como cal?

Non creo que sexa legal que o diga.

Segundo a contra-capa de DZ ou o libro do esperma: “a intención do libro é problametizar ou mesmo anular o concepto de masculinidade”. Pódese entender que estás anulado?

Que estou anulado eu? Non. Por que?

Pregunto.

Non, en principio non. Esa contra-capa hoxe en día non a subscribiría porque fai o que non debería facer unha contra-capa que é interpretar o libro ou dar unha interpretación do libro que non ten por que ser esa. Home, máis ou menos comparto esa idea: problematizar e anular o concepto de masculinidade, non os homes collidos individualmente, non sei. Refírome ao concepto, ao mellor pois anular a validez do arquetipo de home e todo iso.

Na mesma contra-capa aparece unha foto na que apareces ti. Pero que levas na man, un donuts ou unha mazá?

É unha mazá.

Non che gustan os donuts?

Asócioos moito cos policías dos EUA (EE UU).

Escampará este ano?

Non, este ano non.


viernes, 19 de marzo de 2010

Entrevista a David Pobra

Espidos, armas, provocación e futuro



Eeeeee….non poderías deixar de apuntarme coa gravadora? É que isto parece un atraco.

De todos os temas universais que trata a poesía, cal odias máis?

Hai moitos temas que non me gustan e non trato. Temas relixiosos, loas á Virxe que a min non me interesan, cousas así. Non obstante, prefiro ir á miña experiencia persoal e dicir, dunha maneira hipócrita, que odio o tema do amor, contando que eu o cultivei, pero é por superar esa etapa.

A poesía é un primeiro paso para o sexo ou é nada máis que un adorno?

Pois en moitas ocasións pode ser un primeiro paso, a pesar de que hoxe en día se diga que non, que está fóra de tempo e que non se liga. Eu recoñezo que non, non se pode ir de poeta para ligar. Pero moitas veces, cando hai confianza e estás relaxado, un poema pode ser un primeiro paso para algo máis.

Cando escribes ocultas algo?

Sempre hai algo que se oculta. Na poesía intentas reflectirte como se estiveses diante dun espello, esa é unha das premisas da poesía, pero o certo é que sempre gardas algo para ti.




Espirse é un arma un arma de futuro?

Por suposto! Espirse é unha ferramenta como outra calquera de xogar co corpo e de dar algo máis no momento de poñer en escena un poema. A min gústame representar os meus poemas, aportar algo máis que unha lectura. Cando toca defendelos ao vivo, porque os poemas son uns instrumentos que serven para ler e representar. Non sempre é así, hai moitos poemas só para ler e hai outros que gañan moitísimo á hora da representación. Procuro que os meus poemas sexan desta segunda caste. Nunha ocasión xa usei esta ferramenta no Festival de Poesía do Condado, en certa penso que funcionou. Mais quero dicir que non me espín sen máis, como simple maneira de provocar, senón que tiña un sentido dentro do poema.

Entón espirse segue sendo un acto de provocación?

Pois aínda que eu non o pensase daquela maneira, porque eu non quería provocar en ningún momento, era un complemento do que dicía o poema: baleirar de retórica a linguaxe poética, pois si que teño que recoñecer logo de escoitar e ver gravacións e por algunhas reaccións da xente, provocou. Houbo berros, comentarios bos e malos. Mal que me pese, provocou.


De que te teñen acusado?

Pois de intentar ser un provocador, por exemplo? Pero a min paréceme ridículo.


Pensas que a relación número de falantes e número de poetas en galego, é a xusta?

Si que é. Malia que moitos digan que hai poetas de máis neste país eu penso que os poetas nunca sobran. Si que é certo que das unha patada a unha pedra e saen cinco ou seis poetas. Pero penso que non está de máis. Cantos máis poetas e poemas mellor para a poesía e para a lingua.

Que é o que che gusta dos premios de poesía e o que non?

Gústame a pasta, iso é certo, o máis importante e o fundamental. Tamén me gusta a visibilidade que lle poden dar a alguén que non ten en principio nada publicado. Non me gusta o andar detrás deles. É como ter un editor detrás cando sentes que tes un libro acabado e llo pos sobre a mesa e poñerte no proceso de publicación. Vou facer unha imaxe provocadora para manter a visión de min mesmo. É como se entrases nun prostíbulo e che estivesen ofrecendo moita carne e ti tes que vestir os teus poemas cun traxe, no meu caso sería un traxe sadomaso, a ver se así algún dos clientes quere deitarse contigo

jueves, 11 de marzo de 2010

Entrevista a Emilio José

Entrevista a Emilio José





Que tes ti de ápeiron? (Queridos usuarios, dicionario, eu tamén o fixen)
Pero de que estamos falando? De min?

Si, de ti.
Pero como...

Ser, humano.
Non sei, como o vou saber? Se o soubese, non sería heheheheheheheheheheh....

Non serías?
Se o soubese non sería un ápeiron.

Pero ti es indefiníbel ou inabarcábel?
Eu? Home, como todo o mundo. Hai partes que non sei se son definíbeis ou abarcábeis, porque non sei cales son nin como son, pero as que son claro que sei se son definíbeis ou abarcábeis.

Moitos dos temas que compós son e amor con rupturas, desenganos borracheiras....
Borracheiras?!

Si, si, non me fodas a entrevista.
Ai, si xa sei.

...televisións de plasma. Dá para tanto a trangallada do amor?
(Pensa a resposta e bota un salaio) Eu non sei como no 2010 se están facendo cancións aínda, e eu fago cancións, iso para empezar. Xa non se trata do tema en si, senón do formato en si, non sei como dá para tanto o formato canción e o formato disco, aínda que me gusta moito, pero non sei como dá para tanto. E logo o do amor é a cuestión de que todo o mundo sabe de que falas, ao contrario de se falas da túa tía, ou un primo que vive en Pakistán. Entón o amor, xa o tema en si tanto ten como o enfoques, é algo ao que todo o mundo chega. Eu como ademais, escribo (rise), fago cancións situándome no ano sesenta, sesenta e pico ou noventa, pero nunca agora mesmo, como homenaxeando á xente que me gusta. Eles e elas cantaron moito sobre o amor, entón por iso canto sobre o amor, aínda que non só ao amor, pero en fin.

E o amor estache dando para vivir?
Economicamente seguro que non, economicamente quita.

O amor quita economicamente?
Claro, claro e logo espiritualmente non creo que dea para vivir o amor por si mesmo, senón os ir e vir, o desacougo do amor é o que dá para vivir. Non o amor en si, como idea, ou estar con alguén.



Os orgasmos téñenche inspirado cancións? Por que ti tes orgasmos, non?
Iso terías que comprobalo, non cho vou dicir. Pero se me teñen inspirado directamente, déixame pensar...non, directamente non. Marvin Gaye escribiu explicitamente sobre o sexo cara o final da súa carreira. A ver, o Let Get It On non é exactamente no seu final pero tampouco é moi explícito. Eu conto que igual no quinto disco faga un disco sobre o orgasmo, pero agora non. O que si puiden facer, foi algo relacionado, iso segurísimo, coas mulleres.

Sobre a figura feminina, segues cazando con corda?
(risas, risas, risas e máis risas, recuperamos o alento) O da corda só foi un día que había unha austríaca que estaba nun intercambio. Coincidiramos como dúas veces ou tres. Entón, un día que tiñamos unha cea de aulas pois dixemos: hoxe seguro que sae por aí e hai que cazala. Por iso saímos coa corda, para cazala e dicirlle: ola!

Pero segues usando o método actualmente?
Non, só foi ese día, e non chegamos a usalo porque non apareceu a muller en cuestión.

Cal é o método infalíbel para pillar segundo ti?
Non existe.

E escoitar as túas cancións?
Home hai unhas cancións coas que supoño que si. Pero creo que a miña música é máis ben de ruptura. Eu teño cancións de amor que realmente son de desamor. A música moitas veces mesmo é parva: Que feliz que son! Pero logo a letra e todo iso case sempre é depresiva, non é o Berlín de Lou Reed, non é: aaahhhggg. Case nunca hai nada feliz, de feito teño pensado facer algo optimista proximamente. Non sería boa idea intentar ligar con alguén coas miñas cancións, podes poñelo de escusa pero dicindo: como escoitei ao fulano este, xa sei o que non teño que facer para que ti e máis eu non esteamos ben. Entón, así pode que lle funcione.

En Adeus Feijoo, primeiro foi “Rosa Díez, paredón, paredón” e pasou o que pasou pexorativamente. Logo despois nunha entrevista dicías: “Ourense vai ser independente, é o que sei do futuro”. Baltar sería a raíña nai de Ourense?
Falas de Baltar pai, non? O caso é que a Baltar fillo non lle vexo nada de fillo e de Baltar menos aínda. Ben, de fillo si, seguramente. Baltar pai xa está maior, pero estou certo de que Baltar pai se tivese hoxe vinte anos menos dos que ten, que estivese nunha boa época, seguro que escoitaría con moita atención o asunto do estado de Ourense. Creo que non faría falla moito para que el se metese niso. Eu non o coñezo persoalmente, non son colega del, así que non teño nin idea, pero é unha sensación.




Ourense independente, e Quins que sería, un cantón federado ou un porto seco con polideportivo “Emilio José”?
Iso gustoume, o do polideportivo. Eu o que sei que Ourense será independente iso seguro. Se o mundo segue así e non veñen os musulmáns facernos persoas por fin, debaixo da súa árbore. O que xa nin sei nin vou buscar é como sería factíbel iso. Por que iso sería, ademais de que é bastante ditatorial pola miña parte dicir: “Hai un estado de Ourense, e vai ser unha república!!!, por que o digo eu”. Iso é unha tolada, que me poña a escribir sobre cousas concretas. Podo pensar por que pode pasar pero non como se vai facer.

Rosa Díaz non te denunciou aínda?
Non, nin o fará supoño. Leva as de perder (risas). Tal como está a cousa agora mesmo...como me denuncie nos xulgados de aquí, que sexa a vista en Ourense non sei eu (risas durante toda a resposta)

Falando en prata: “A ti te pone”?
Rosa Díez? (cara de sorpresa) Non, nada. A min políticas, xa dixera, que hai unha de Ciutadans que é moi guapa, pero que non sei o nome.

Logo de todos os méritos acumulados, pensas que Rosa Díez será unha boa presidenta da Xunta?
Deus, pero iso é como...pffffrrrrrffffff, como se Feijoo cambiase de sexo e se volvese máis chungo. E máis feo.

Feijoo por que se suicida en París e non desde a Cidade da Cultura?
Porque iso sería evidente, como se fose unha canción sobre o Papa que vén a Santiago e Al-Qaeda pon unha bomba na catedral, iso sería moi obvio. O de París, nin idea, non sei que une a Feijoo con París nin se estivo alí. É unha canción.

Cantarás para o Papa cando veña ao Xacobeo ou non estás bautizado?
Estou bautizado e confirmado, pero non cantarei para o Papa. Aínda que de todos os problemas que ten o mundo, o da Igrexa Católica non o vería como un problema cento por cento, radical. A min paréceme un problema nalgúns sentidos pero noutros non tanto. Por que hai cousas máis fortes e outras menos, pero o da Igrexa, á parte que xa hai xente ocupada en atacar a Igrexa, igual tamén eu me podería meter, pero a min o Papa...

Non che fixo nada.
Quero dicir que a min o Papa se el se suicida en París, tanto me ten, pero tampouco me molesta. Hai moitas cousas que poden ser peores.

E ao conselleiro de Cultura cantaríaslle algo ou esperas que te convide a Desván de los Monjes?
Ou en Toro, non dixo Toro? A cousa estraña xa foi o do Sonar, que toco en Barcelona pero en Coruña non. Lin, creo que foi nun comunicado da Xunta, “Sonar en Galicia e tamén haberá embaixadores da nosa cultura en Barcelona”. Non lembro, pero penso que era eu o único. Hai grupos que tocan nos dous sitios, pero eu, non estou certo, ao mellor lle pasa a algún máis, pero penso que son o único galego, que toca en Barcelona e non aquí. Ponte a pensar mal e ao mellor non mola que veña cantando a de Feijoo.
Se por min é, mañá, pensando en forma irreal, acabaríase a Xunta, a clase política e o sistema educativo. Pero sendo realistas, hai tres millos de galegos, é como funciona. Eu podo facer unha canción sobre un tema. Por exemplo, o de Rosa Díez paredón, era por Galicia Bilíngüe, non era pola política. Senón que era porque cando foran as autonómicas, ela vén a Vigo, con esa cara de vasca chunga que ten, de etarra reconvertida, solta: “es que os están imponiendo el gallego”. E eu pensei: “pero esta a que carallo vén?” Logo hai moitas cousas que son por motivos que me veñen á cabeza. Non é que pense en facer cancións sistematicamente. Sobre Roberto Varela e o Xacobeo, todo o mundo di que o está a levar moi mal. Como por exemplo, con cousas así: “No último quen veu? Bob Dylan. E este ano? Air e dous matados”. Máis alá é que tampouco Roberto Varela me chama moito a atención.

domingo, 7 de marzo de 2010

COMPOSTELAN GRAFFITI (2)







E comezamos unha nova xeira, unha nova volta ao que é mundo sumerso do graffiti en Compos. Para comezar, aquí temos unha imaxe que, logo de ver repetida un milleiro de veces en portas de garaxes, só podemos dicir: estamos diante dunha franquicia grafiteira? que fixación ten o autor coas portas dos garaxes? algún complexo froidiano sen resolver?



E senón, aquí outra mostra. O allo, ese grande descoñecido.



Aquí un perfecto exemplo e almorzo estructuralista (o grafiti está nunha parede, unha estrutura)



Oculto, así, no medio das obras, un atentado contra o atentado contra da circulación (os graffitis de hoxe serán o benestar de mañá)



Territorio comanche



Alguén sabe que é isto?




Como están os alugueres!! Ese careto!!!



BOST (A?)



Iron Maiden quererían ter ao autor traballando para eles



Rudeboys



Postal compostelana de onte, hoxe e mañá



Como na literatura, sempre haberá temas eternos



O rei do samba emparedado?



Quero adicar esta entrada a Marcos (xa sabe quen é) pola súa inestimábel colaboración

E a todos/as os/as colegas...