viernes, 19 de marzo de 2010

Entrevista a David Pobra

Espidos, armas, provocación e futuro



Eeeeee….non poderías deixar de apuntarme coa gravadora? É que isto parece un atraco.

De todos os temas universais que trata a poesía, cal odias máis?

Hai moitos temas que non me gustan e non trato. Temas relixiosos, loas á Virxe que a min non me interesan, cousas así. Non obstante, prefiro ir á miña experiencia persoal e dicir, dunha maneira hipócrita, que odio o tema do amor, contando que eu o cultivei, pero é por superar esa etapa.

A poesía é un primeiro paso para o sexo ou é nada máis que un adorno?

Pois en moitas ocasións pode ser un primeiro paso, a pesar de que hoxe en día se diga que non, que está fóra de tempo e que non se liga. Eu recoñezo que non, non se pode ir de poeta para ligar. Pero moitas veces, cando hai confianza e estás relaxado, un poema pode ser un primeiro paso para algo máis.

Cando escribes ocultas algo?

Sempre hai algo que se oculta. Na poesía intentas reflectirte como se estiveses diante dun espello, esa é unha das premisas da poesía, pero o certo é que sempre gardas algo para ti.




Espirse é un arma un arma de futuro?

Por suposto! Espirse é unha ferramenta como outra calquera de xogar co corpo e de dar algo máis no momento de poñer en escena un poema. A min gústame representar os meus poemas, aportar algo máis que unha lectura. Cando toca defendelos ao vivo, porque os poemas son uns instrumentos que serven para ler e representar. Non sempre é así, hai moitos poemas só para ler e hai outros que gañan moitísimo á hora da representación. Procuro que os meus poemas sexan desta segunda caste. Nunha ocasión xa usei esta ferramenta no Festival de Poesía do Condado, en certa penso que funcionou. Mais quero dicir que non me espín sen máis, como simple maneira de provocar, senón que tiña un sentido dentro do poema.

Entón espirse segue sendo un acto de provocación?

Pois aínda que eu non o pensase daquela maneira, porque eu non quería provocar en ningún momento, era un complemento do que dicía o poema: baleirar de retórica a linguaxe poética, pois si que teño que recoñecer logo de escoitar e ver gravacións e por algunhas reaccións da xente, provocou. Houbo berros, comentarios bos e malos. Mal que me pese, provocou.


De que te teñen acusado?

Pois de intentar ser un provocador, por exemplo? Pero a min paréceme ridículo.


Pensas que a relación número de falantes e número de poetas en galego, é a xusta?

Si que é. Malia que moitos digan que hai poetas de máis neste país eu penso que os poetas nunca sobran. Si que é certo que das unha patada a unha pedra e saen cinco ou seis poetas. Pero penso que non está de máis. Cantos máis poetas e poemas mellor para a poesía e para a lingua.

Que é o que che gusta dos premios de poesía e o que non?

Gústame a pasta, iso é certo, o máis importante e o fundamental. Tamén me gusta a visibilidade que lle poden dar a alguén que non ten en principio nada publicado. Non me gusta o andar detrás deles. É como ter un editor detrás cando sentes que tes un libro acabado e llo pos sobre a mesa e poñerte no proceso de publicación. Vou facer unha imaxe provocadora para manter a visión de min mesmo. É como se entrases nun prostíbulo e che estivesen ofrecendo moita carne e ti tes que vestir os teus poemas cun traxe, no meu caso sería un traxe sadomaso, a ver se así algún dos clientes quere deitarse contigo

No hay comentarios:

Publicar un comentario