sábado, 22 de octubre de 2011

Entrevista a Miguel Mosqueira Fociños, Guitarrista normativo

"Escapei dunha grupi botándome pola fiestra"


Un día neste pasado verán, oínche dicir que ti a noite entre o 24 e o 25 de xullo, palpas o sexo. Explícate, pálpalo ti ou pálpancho a ti?

Non sei cando dixen iso. Pero, non debía estar falando por min. Estaba falando por min? Literalmente con esas palabras?

Si.

Pois non sei, igual algo fortuito, un roce sen máis trascendencia, pero nada intenso nin importante.

Se dis palpar o sexo é que superaches xa a fase anal?

Estamos aí, estamos aí.

Actualmente es guitarrista de Ataque Escampe. Cantas veces che chamaron “gallego de mierda”?

Pois “gallego” non, pero “tonto, idiota”, ás veces si, relacionado con iso de “Galicia es una mierda”. Pero en fin, lévase ben.

Houbo algún galego que che chamase iso “gallego de mierda”.

Eran todos galegos, claro. O que pasa é que nese momento sentíanse ofendidos por “Galicia es una mierda”. O resto da súa vida non, pero en fin.

Fumas porros?

Fumaba, agora case non fumo.

Por que o deixaches?

Por que estaba apirolado, apirolábame. Atontábame, estaba encebolado.

En serio?

Si. Era hachís. Home, aínda ía controlando, pero diminuía o meu grao de percepción das cousas.

Agora que te metes?

Agora só alcol.

E iso non te apirola?

Apirólame, o que pasa é que é máis puntual. Os porros é máis diario.

En Ataque Escampe, a presenza de cada membro semella que é así como espontánea mesmo casual. Nunca cambias os pantalóns?

Teño os pantalóns para saír, os pantalóns para tocar que normalmente son os mesmos, e ese é o protocolo.

Os furados e os remendos do pantalón fasllos ti?

Iso tamén mo pregunta a miña avoa e os meus pais, pero inténtolles explicar que é algo que se fai desde os últimos vinte anos. Xa os vendes así en Zara.

Pero ti mércalos así?

Todo o mundo os merca así. É o que hai para vender nas tendas.

A ver, eses buratos que tes na perneira non me parecen moi casuais para seren de Zara.

Por que traballan ben o produto, pero é cousa deles.

No último video que fixo Ataque Escampe, aparecedes bebendo dunha cantimplora mentres un grupo de nenos xogan ao fútbol. Tes tendencias pederastas?

Se cadara, non sei, iso sería entrar no noso subconsciente pero, a idea non era esa. A idea era reflectir o aborrecemento vital.

Por iso metestes algo raro na cantimplora?

Iso queda para o making of, que sacaremos para dentro duns anos.

Dentro duns anos, é dicir, cando volva Samuel de Franza.

Non, non, máis tarde, cando sexamos vellos.

Logo de ter asistido a varios concertos vosos, un queda cao sensación de que falta algo, a ti non che pasa?

Si, si. É unha frustración de toda a vida, pero a vida é así, sempre falta algo, pero non hai que facerlle.

Algún día deixaredes entrar unha muller na formación ou usaredes o travestismo?

Sempre deixamos entrar mulleres e homes, as portas de Ataque Escampe están abertas para todo o mundo, o que pasa é que non queren.

Por que?

Porque igual teñen medo ao ridículo dos concertos que insinuabas antes.

Escribes poemas?

Non.

Felicidades.

Hehehehe. Unicamente cancións. É máis doado.

Por que?

Pois porque como hai música de fondo, pode disimular a pobreza do poema. O poema é enfrentarse só á linguaxe.

Cando haberá unha sesión de pressing-catch Miguel Mosqueira versus Alex Charlón?

Non creo que haxa, somos covardes, non temos a valentía de pelexar con ninguén, nin entre nós.

Carallo, pois ultimamente….

Non, só son pelexas verbais.

Quen é o voso asesor de marketing?

Non, non, é natural. Eu que sei, levamos moito tempo convivindo co grupo, entón créanse unhas dinámicas, pero polo resto, levámonos ben.

Cal foi a frase máis heavy que che adicou Alex?

Foi unha vez, penso que lembro nun concerto en Salvaterra, no Festival da poesía, que nas primeiras cancións comezou a acoplar. Alex, non sei por que, pensou que era culpa miña, entón díxome unha frase no medio dunha canción mentres tocábamos. Non a lembro moi ben, pero si lembro que era moi ofensiva. E que se cho di mentres tocas a canción, non podes reaccionar, tes que seguir tocando. Entón iso foi bastante.

Que frase foi?

Era moi ofensiva. Non a esperaba.

Con que letra comezaba?

Era un insulto e un reproche.

E ti non fixeches nada.

Eu tiña que seguir tocando a canción. É a putada.

E a frase máis heavy que lle adicaches ti a el?

Eu que sei. Como temos confianza podemos chegar ao insulto máis ofensivo e doloroso e cruel, e tampouco importa. Non quedamos resentidos por iso.

Pero ti aprovéitaste de que tes carro e el ten que ir contigo aos concertos.

Home, levámonos ben, levámonos ben.

Se o repites tantas veces non sei. Por que a ver, había rumores de líos de faldas entre vós os dous. Pero sinceramente, estades namorados un do outro, por iso vos reprimides.

Tamén será cousa do subconsciente, pero non é intención estar namorados un do outro, polo menos a miña.

Por que rapas a cabeza?

Fágoo últimamente, porque quería refrecar a cabeza e tamén porque así tamén se nota menos a coronilla, se non o rapas moito.

Que fas coas grupies, coleciónalas ou só é un momento de pasión?

Non fago nada.

Non tedes grupis?

Temos grupis, pero non sei se se lles pode chamar así. Pero non facemos nada, non somos moi….non facemos nada.

Non facedes nada?

Non facemos case nada.

Ao mellor non tedes grupis porque non lles facedes nada.

Claro, tampouco falamos con elas case nunca. Somos un pouco autistas, a verdade.

É certo que unha vez escapaches dunha grupi saltando por unha xanela, só porque ela non paraba de falar e ti buscabas outra cousa?

Eu buscaba que deixase de falar, que se fose. É certo, escapei pola fiestra. Non é que fose pola fiestra, pero quedamos pechados e tivemos que chamar os bombeiros. Por que a pechadura estaba vella e non dabamos saído, era un domingo e o cerralleiro non era capaz de abrila. E non foron os bombeiros, foi por unha escada que trouxera o mesmo cerralleiro.

Nese momento que pasaba? Estaba ela moi alterada, metícheste debaixo da cama…?

Eu pecheime no cuarto que logo non daba aberto a porta. Tampouco era unha grupi propiamente.

Xogas ao xadrez, pero vives nunha torre de marfil?

Vivo nunha torre, pero non é de marfil, é de ladrillo. Unha torre existencial de ladrillo.

A que axedrecista lle adicarías ou comporías unha canción?

Eu gañeille a Iván Salgado, que agora mesmo é sub-campeón mundial dezaoito. E gañeille cando el tiña sete anos ou oito.

E ti cantos anos tiñas?

Eu tiña dezanove.

Es un abusón.

En xadrez non importa a idade. Adicaríalle unha canción a Iván Salgado, chamaríalle “En busca do tempo perdido”

Quen é a raíña do teu taboleiro?

Magui Chun, a actriz chinesa. Fixo os filmes de “In the mood for love”, e outros de Won Kar Way.

Por último, di algo, o que queiras.

Que preguntes quen é o líder de Ataque Escampe.

Quen é o líder de Ataque Escampe?

É Roi Vidal. Adicámoslle unha canción e todo, por ser o líder de Ataque Escampe.