jueves, 22 de septiembre de 2011

ENTREVISTA A MARCOS PAYNO

“Nunca lembro as letras das miñas cancións”


O teu nome completo é Marcos Otero Payno, si ou non?

Si, si.

Entón por que non lle quitas o “y” a Payno?

Quiteillo hai cinco meses.

Nada máis que hai cinco meses?

Si, pero foi porque a xente me preguntaba sempre por que era “y”, e non vou explicar de onde vén o meu apelido, pero simplemente o cambiei para que a xente non me pregunte.

Vale, de onde vén o teu apelido?

Non o teño claro, por iso prefiro non dicilo. Coñezo varias teorías, pero ningunha me parece fiable.

Cres en Deus?

Non.

Por iso apostataches?

Supoño que si.

En que se parece apostatar a cambiar de compañía de teléfono móvil?

Ostia, que pregunta. Nas dúas é moi difícil saír delas.

Danche puntos se volves?

Non, pero perdóanche. Hai unha cláusula, un punto que di que se no momento final da túa vida te arrepintes de apostatar, Deus acollerate igual no seu seo. É dicir, eu non estou preocupado.

Apostataches do Celta?

Non, iso nunca!! O ano pasado mamei case todos os partidos de Liga co meu grande amigo Gonzalo Vilas, cousa que non lle recomendo a ninguén: ver todos os partidos do Celta en Segunda División.

Eu a ti coñecinte de camareiro, e anos depois vinte en grupos e bandas. As habilidades de home orquestra son boas para traballar de camareiro?

Non, pero teño que dicir que se ligaba máis de camareiro do Avante que de músico.

Depois de tantos anos traballando no mesmo local nocturno, aprediches a lera de Solo Vivir dos Skalariak?

Non sei ningunha letra, nin siquera dos grupos nos que toquei. Non son capaz de memorizar letras.

Ningunha?

Ningunha. Igual algunha dos Resentidos, de Siniestro. Pero non lembro nin o que ceei onte.

O equipo de Komunidando deixa boas propinas?

Temos que dicir que moitas veces temos tentado pagar as cervexas que consumimos no Avante, pero Suso nunca nos cobra.

Nunca?

Nunca na vida.

Como explicas iso?

Home, eu levo anos sen pagar no Avante. Heheh

Comezaches no grupo Xenreira no 1994 e agora, entre outros, estás en Das Kapital. O disco titúlase Ruido Negro. Ti estudaches Filosofía ou Historia?

Estiven matriculado en Historia.

Pregúntoche isto porque máis de un que quixese ir de guai, diríavos algo sobre o de poñerlle cor ao ruido. Nunca vos atacou ata o de agora un filósofo?

Eu en Das Kapital, como na maioría dos grupos nos que estiven, non escribo as letras. Iso terían que dicilo o Leo e o Dani, que son os líderes, eu son o das máquinas.

Ti compós música para Filmax e Filmanova. Ser compositor é o que te obriga a ter instrumentos estraños, como a frauta electrónica que usas en Das Kapital?

Teño ese tipo de aparellos porque non sei tocar instrumentos tradicionais. Fun saxofonista, pero hai moitos anos que non toco o saxo.

Fuches profesor de gaita.

Si, pero hai moitos anos, igual quince anos. Non exactamente profesor…como sabes iso?

Ah! Hai que ter diploma de riscos laborais para tocar o instrumento dos ruidos raros? Como se chama ese aparato?

O Kaosilator. Ese tócao Dani Salgado.

Cando consultei webs para esta entrevista, vin unha que era AVG, Audiovisual Galego. Pero eu pensara de primeiras que eras membro do staff da patente do antivirus, AVG. Buscas inspiración nas web porno?

Home, non é precisamente inspiración o que busco nunha web porno.

Nunha das moitas formacións nas que participaches, cantabades un estribillo que dicía: hai que ir morrendo, don manuel, hai que ir morrendo. Por cantos nomes cambiarías o don manuel dese estribillo?

Por moitos. Feijóo por exemplo, ou o que veña despois que seguro que é peor.

Se tiveses que compoñer unha banda sonora para Feijoo, que ritmo usarías?

Un chotis.

E para Roberto Varela?

Un chachachá.

Cal é o estilo musical que aínda non interpretaches?

Nin siquera sei os que interpretei. Non distingo moi ben os estilos. De feito, hai discos nos que teño participado e esperar algunha crítica para definirnos nós. Cando montamos Le Glamour Grothesque, Denís e eu, que foi un grupo que fixemos para sacar cancións para a Regueifa, un grupo que non existiu, esperamos que saíse a reseña na Regueifa para definir o noso estilo. Que nin eles o tiñan claro.

Un humorista arxentino, Peter Capusotto, teórico do rock, di que Carlos Santana, antes facía rock pero que agora fai merda. Dentro do panorama do rock galego, a quen lle farías unha descrición igual a esta?

WOOOOOWW!!!! Queres que me maten? Pff, teño que pensalo. Jabón Blue.

Non os coñezo.

Está o cantante de Herdeiros da Crus.

A Das Kapital, incorporastes novos membros.

Si, os guitarristas de Galegoz. Pouco a pouco vou metendo a toda a banda.

Iso fixéstelo por que se agradece ter persoas de tamaño normal no grupo, ou só os poñedes con mangallóns para que toquen sen cobrar?

Son os guitarristas e tratámolos como a cans, que é o que son.

Viches algunha foto túa das que saen en Internet?

Algunha terei visto. Por que? Hai algunha que non se pode ver?

Pregúntocho porque na foto de Xenreira apareces ti nun primeiro plano, fóra da formación. Xa daquela querías marcar territorio ou chegaras tarde para a foto?

Non, cóntoche. Eramos dous ventos e viñamos sen durmir. O outro estaba durmindo no coche. Véseme na cara que estou un pouco tenso por non durmir. Iamos facer a foto, pero o fotógrafo colleume e púxome alí. Realmente foi o fotógrafo quen nos colocou. Eu chegara polos pelos á foto, o outro saxofonista quedou adormecido no coche. Non ten máis historia o tema.

Fermín Muguruza fíxolle moito dano ao rock galego ou todos queriades ser vascos?

Todos vivíamos no barrio de Basquiños.

Consideras que a crise económica é unha excusa da consellería de Cultura para non dar cartos aos grupos de aquí?

Home, iso está claro.

Volvendo á música. Con que te drogas?

Baratas pero consistentes, non vou dar nomes.

Drógaste ou non?

Todos nos drogamos dalgunha maneira.

Pregúntocho porque se dis que non, moitos dirán que es mariquita ou que mintes.

Non, mariquitas son os que non lles gusta o fútbol e falan galego.

Hai sexo na túa vida?

Podería haber bastante máis, pero en fin, vou tirando. Supoño que esto una media.

Colaboras con músicos zoofílicos?

Zooetílicos?

Zoofílicos.

Non.

En que andas agora?

Pouca cousa. Vou comezar a traballar en Filmanova, nun documental e uns programas, iso laboralmente e pouco máis. Despois teño o grupo Das Kapital, co que esperamos tocar este inverno, e rematar Non Saímos do Lixo, que nos quedan catro capítulos. E xa está o inverno.

Irás nalgunha lista nas eleccións do 20-N?

Nunca irei nunha lista.

Di algo, o que queiras.

Viva Monterroso!! Esta vai para Daniel.