martes, 12 de julio de 2016

ENTREVISTA A MARTA PÉREZ PEREIRO (ELA MESMA, OU NON)


Fotografía de Alba Pérez Pereiro



Contextualizando: a entrevista faise mentres está de fondo a entrevista de Bertín Osborne a José Luís Moreno. Un reto.
 
­Fuches profesora de comunicación na facultade de Dereito. Por que se estudan dereito, logo moitas e moitos deses alumnos e alumnas escollen o camiño máis torto?
Pois depende do que definamos como torto... para eles torto será máis ben andar de pintamonas e mamarracha en xornalismo.

­Nesa experiencia como profesora, sentícheste chusma ou chusca?
Chusma sempre, fronte á casta. Ata que se afixeron a min, na facultade mirábanme con moita desconfianza. Agora, en canto empecei a sentirme cómoda, canseime de facer comentarios chuscos que eu consideraba moi graciosos pero que non o debían ser tanto, porque ninguén se ría.

­Sei que deches aulas sobre retórica. Tiveches que facerlles meter pedras na boca para que puidesen pronunciar ben ou tiráchesllelas á cara nalgún momento?
Violencia jamás. O das pedras na boca expliquéillelo un día e escoitei a unha pija dicindo “que asco”. Como imaxinarás, non insistín no asunto.

­Terás anécdotas para encher unha biblioteca virtual, como foi aquela do alumno que dixera o de “zas, plano secuencia!”?
Hahahaha Xacobe! En realidade fora: “Zas, metáfora visual!” e explicaba da mellor maneira posible as transicións no cinema de Russ Meyer nun traballo que lle deixei presentar en Cinema de Autor.

­Durante un tempo fuches vice decana da Facultade de Ciencias da Comunicación.
Fun. Que tempos aqueles! Esforceime moito en perfeccionar o meu personaxe de hideputa e creo que me saía bastante ben. Agora que intento ir máis de riquiña póñenme unhas notas malísimas na avaliación da miña docencia. A vida académica non é xusta.

Entón pódesme responder a esta pregunta que leva anos torturándome: quen asina as facturas do papel hixiénico nunha institución coma esa?
Iso precisa da sinatura do reitor sen delegación. Sobre todo se compramos Foxy ou Colhogar.

­A Facultade de Xornalismo foi deseñada polo arquitecto portugués Álvaro Siza. Sabes de alguén que lle teña mandado fotos de como está a estructura dese edificio a día de hoxe?
Direiche que unha vez o vin facendo espionaxe industrial pola facultade adiante. Non sei se tivo o pracer de probar os seus propios baños. Pola mañá estivo revisando o edificio e pola noite ceou n’O gato Negro, que eu tamén o espiei a el.

­Tiña que facerche esta pregunta: es feminazi? Defíneme o termo.
Son nazi, venme de familia. O de femi suavízao un chisco. (Espero que por esta resposta non me fagan un Lars von Trier).

­Lembro que hai un tempo foras a Oslo, capital de Noruega, a unhas conferencias. As crónicas do teu Facebook eran rechamantes. A min chocoume un dos teus comentarios: “Oslo es bien”. Bien que?
Bien caro e bien civilizado. O de dicir “es bien” foi unha moda das redes sociais que, no fondo, me parece super cutre. Pero eu son moi influenciable.

­Descoñezo moito o que coce a mocidade estudante actualmente, pero non hai moito vin unha caste de exposición sobre filmes gore, ou como lles chamen, feita con bonecos e todos cheos de sangue, vísceras, etc. O sentimento é mútuo entre profesores e alumnos?
Eu pensaba que ós profesores lles dabamos igual, que non sentían nin padecían, pero agora véxome odiando coa mesma intensidade que cando era alumna.

­Agora en serio, cantos góticos e góticas tiñas nas túas aulas?
Pois o gótico penso que debe darse máis en farmacia ou en traballo social. En xornalismo e comunicación audiovisual tiven algún heavy, a última tribu urbana do Romanticismo, rockabillies e señoras que.

­Vas facer algo durante este verán que non teña absolutamente nada que ver co que fixeches nos últimos vinte anos?
Probablemente non. Son unha feminazi de costumes.

­Por último di o que queiras.
Se volvo dar clases de redacción, voute convidar a que fagas un obradoiro de entrevista creativa coa tropa.
(o máis bonito que me dixeron neste blog)