lunes, 28 de junio de 2010

ENTREVISTA A GONZALO VILAS



Bótaslle drogha ao colacao?
Home, non. Non tomo colacao, tomo café. O certo é que non se me ocorre ningunha brincadeira para contestarche.

Vives do conto?
Vivín do conto durante un tempo, pero agora pódese dicir que vivo de debuxar contos ou cómics, pero tamén de redactar páxinas a eito, de corta e pega, dedícome a facer pasatempos, cousas moi variadas que non teñen moito a ver co deseño, co cómic, é dicir, co conto.

Para andar coa cabeza baixa, fíxaste ben na xente da rúa. Algunha vez che deixaron de falar por caricaturizar a alguén?
Non, a verdade é que poucas veces teño caricaturizado a amigos. Houbo unha época en que si o facía, tomando unhas copas. Pero en xeral á xente parece que lle gustaba, aínda que non fosen boas caricaturas. Mesmo pasados os anos téñenme mostrado deseños dos que non lembraba nada. E o de andar coa cabeza baixa, pois non che sei, o que me dá ás veces é para atopar cartos por aí, nos pubs, que é unha especialidade que teño.

Hai alguén máis feo que o Pelegrín?
Creo queo último enxendro que buscaron para substituilo, mesmo penso que superou o ranking de fealdade. Quizais o Naranjito podería estar nunha dura pugna.

A quen lle sacaches a tranca coa túa retranca?
Digamos que cos chistes de políticos, os que fixen sempre, sempre me saen sobre esa temática, sobre todo aos políticos galegos. Aínda así, que fagas humor para medios que che parecen de pouca repercusión, tamén é certo que os retratados son os que máis os len, a xente que se poda sentir aludida. Espero que a máis dun político lle fastidiara sentir a tranca.

Que teñen en común os políticos e os cogomelos?
Non se me ocorre que podan ter, só que os hai a patadas, e que os hai venenosos e comestibles.

E quen sería a "amanita phalloides" da política?
Da política galega, agora mesmo quizais se me ocorre pola cara que ten, o Anxo Lorenzo, pode ser. Por aquilo de que aínda hai xente que se engana, pero nestas alturas xa non engana a ninguén, pero tenme cara de amanita.

Agora escolle: Bartolo ou fubolín?
Penso que son conceitos indisolubles, para min polo menos.

Agora unha alineación de tres acordeonistas para xogardes os catro unha partida de fubolín. Non vale María Jesús.
Pois así déixasmo un pouco difícil. O certo é que habería un que se chama Nacho, que vale para todo. Penso en dous máis que son coñecidos por min. De famosos non che sabería dicir. Pero alguén que saiba manexar o acordeón tamén ten certa habilidade manual.

Para ti que é a bola do fubolín?
Nada trascendente. Unha cousa á que hai que bater e digamos, no sitio acaído e coñecendo o seu comportamento.

Botas de menos as grupis que tiñas animándote durante as partidas? Tiñas unhas cantas.
Ti cres? O que pasa é que iso queda aí no fubolín. Si, había algunhas que aínda non andan por aquí, pero non sei, é un mundo á parte, hai xente que sen darte de conta, tenche aí, nunha especie de fenomito bartoliano. Hai que aproveitarse do fubolín.

A ilustración é a túa barricada para a loita final?
A ilustración é unha actividade, entre outras moitas, que desenvolvín, pero supoño que o que podes aportar, se ten algún valor para esa loita final ou cotiá mellor, pois é que che vén dado pola acumulación máis que por algo xenial ou polo chiste que poda mover ou cambiar nada.

Que é Airños do Maycar?
Iso é case un segredo que che vou revelar. É un grupo heteroxéneo, folk digamos, que se formou nunha certa festa, sobre cogumelos por certo. Foi así bautizado por min mesmo, se non lembro mal, por aquilo de que levabamos un airiño e que estivemos no Maycar máis de un. Pero é un grupo que se formou para tocar unha vez, pero que foi rebautizado como Airiños do Outeiro, porque o nome do Maycar pode chocar por dereitos co nome. Foi un grupo dunha soa actuación, o que o elevaría á categoría de pequeno mito.

Para cando a próxima actuación?
Pois hai pouco, tivemos unha actuación baixo ese outro nome, digamos que a organización do evento non se atreveu a poñer ese nome. É un grupo que se forma cando lle cadra. Esa actuación foi bastante desastrosa co que non sei se haberá máis.

Quen será o próximo presidente da Xunta?
Non sei. Ti tes algún? Queres presentarte?

Non.
Eu tampouco. Non sei, só espero que non sexa este cínico que temos por presidente.

Cínico?
Si, paréceme un máximo representante do cinismo político entre outras virtudes que o adornan. Pero tal como van os outros partidos, parece que este vai a favor de corrente.