jueves, 2 de septiembre de 2010

ENTREVISTA A ÓSCAR IGLESIAS






Que te deixa sen atributos?

-Os claustros de profesores, cando enfría o tempo de golpe, a valentía calma do galeguismo doméstico. De que atributos falas?

De Vieiros (RIP), pasando por El Mundo, La Voz de Galicia e agora El País. Cantas veces tiveches que dicir que non es un mercenario?

-Que si o son díxenllo unha vez a uns compañeiros de Tijuana. Que non o son debín dicilo hai anos, cando un señor me acusou de escaso compromiso empresarial. Lembra que o responsábel daquela sucursal galega de El Mundo era Manolo Rico, actual subdirector de Público. Tamén hai xornalistas de La Voz alleos á sociedade civil que enche as festas de Santiago Rei… Isto debías preguntarllo aos que poden escoller, tipo Barreiro Rivas, Manolo Lama ou Antón Losada.

Vendo esta traxectoria como xornalista, déronche ganas algunha vez de queimar algún medio?

-Dentro dos medios adoita haber traballadores, antes chamados “traballadores dos xornais”.

O xornalismo é un queime gonzo?

-Dime ti, que levas a Hunter S. no avatar. O perrodismo é un oficio cheo de vantaxes: pouca xente o comprende e todo está deseñado para que saia mal. Algo negativo é que hai persoas que pensan que é unha boa profesión para saír dela, e en troques de saír acaban prosperando como xornalistas de consenso.

Logo das túas colaboracións para o audiovisual galego, consideras que quedou en boa forma?

-O audiovisual galego non sei que é. Pásache por buscar currículos en internet.

Con quen te baterías nunha loita no barro?

-Actualmente fago menos forza cos nocellos que Marc Gasol.

Quen sería agora mesmo a túa icona: Xosé Luis Baltar ou Mamen Mendizábal?

- A obra de Baltar semella máis perdurábel. Por ese pao, Dolores Bouzón, que en paz descanse, paréceme mellor xornalista.

Dentro da política “autóctona” consideras que hai moito movemento polo vaso?

-Dito así, pior sería que o houbese pola base. Ou falas do secuestro do Bloque? Aquí o movemento éche polo vaso e polo prato, aínda que nunca houbo tanta transparencia á hora de elixir cargos coma con este goberno. Dá gusto.

Aprenderías euskara para escribirlle discursos a Rosa Díez?

- De entrada si, se repite o escrito e podo gravalo, así que depende.

E catalán para escribirllos a Rajoy?

-Igual. E Rajoy lería fragmentos de Un silenci sec todo o tempo, e Rosa aparecería en Mondragón vestida como Hanna Schygulla en Atención a esa prostituta tan querida, con todos os escritores da Pott Banda para refundar Aralar pola base.

Sendo Feijóo da provincia de Ourense, pensas que ten probado o licor café?

-Esta pregunta si que a curraches de carallo.

Cal é o teu Pachi/Patxi?

-Patxi eta Batbiru. Á historiadora que foi camareira de Le Kitchen hai moito que non a vexo.

E o teu Vázquez?

-Estou entre o artista que deixaba pufos e o prietista do pelo lambido que foi alcalde da Coruña. Queres que nomee tamén a un compañeiro de traballo?

Zapatero debería cambiar de número?

-Non che sei. Debería importarme?

Colaboraches tamén na Ser co programa En vista do éxito obtido. Non che parece un nome moi longo?

-Era para poñerlle Último Round, pero estaba collido.

Nese programa traballaches sobre escritores do século XIX e do XX. Do XXI xa nin queres falar?

-Era o ano 2000.

Estás lendo algo ultimamente?


-Radical games against the dictatorship of entertainment, Carlos A. Lago de la Plaza, reporteiro gráfico.

Por último, di o que che apeteza.

è tutto un programma.