sábado, 1 de marzo de 2014

ENTREVISTA A XOEL MÉNDEZ (ARTISTA METEÓRICO-PROLÍFICO)




 "Atopei un tipo que me confundíu comigo mesmo"



Por favor, dáme unha primicia que ninguén sabe polo de agora.
 Non vou ser pai.

­En serio?!
 Non.

­Como é posíbel? Por que....por que?
Non puiden facer nada para non evitalo. 

­Acabas de botar ao mundo cinco traballos discográficos, así, de súpeto, como unha bomba. En serio  o desemprego dá para tanta hiperactividade? Deberías darlles  aulas  aos políticos deste país para que aprendan...algo.
 Se os políticos roubaran só de cinco en cinco, todo iría mellor. O peor é que lles renovamos a patente de corso de catro en catro... E non digas a palabra bomba, que me poño tenro. 

­Cinco traballos musicais, quere dicir que durante un tempo ao mellor estarás en dique seco musical. Iniciarás algunha outra actividade dentro da hiperactividade desempregativa?
       A verdade é que non. Teño outro tanto material collendo pousos no ordenador... só saquei isto a xeito de petisco. Non se pode saturar o mercado, Moncho... 
        Aliás, estou rematando un documental experimental e preparando outro. Tamén me porei cos diarios da viaxe, a xeito de 'escatografías': fixen sesudos traballos de campo para estudar as diferentes culturas a través das súas pautas defecatorias. Cómo, canto, onde ou en quen se caga en cada país. É un enfoque moi productivo, anque ás veces torna enxurrada. A antropoloxía non deixa de ser unha diarrea mental... 

­Hai anos emprediches unha viaxe arredor do mundo. Cantos bichos raros viches e cantos tiveches que comer?
 Ben deles. Anque o máis exótico atopeino xusto ao chegar. Foi por estas datas, aterricei de cheo no entroido de Laza. Aquelas cachuchas espetadas bailando reggaetón, aqueles baños de xudre e formigas avinagradas, aquelas danzas rituais de corpos nús a menos catro graos; foi tan perturbador... en ningunha tribo vin un potlatcht dese calibre. Sentinme moi etnocentrista... 
                                

­Confundíronte con algún? 
 Si. Estando nunha pequena panadería de San Telmo, un barrio de Buenos Aires, encontreime cun tipo que me confundiu conmigo mesmo, e eu confundino cun colega de Santiago. Pero en realidade a única confusión era que non estabamos confundidos. El viña visitar a súa quinta provincia por primeira vez na vida e eu de paso rumbo a Ushuaia. Ficamos cuánticamente bastante abraiados. 
       Poucas horas despois fomos encontrarnos de novo nun recanto da concorrida avenida Corrientes. Os dous estabamos a agardar por alguén...un cronopio, unha fama, non recordo.  Era día de festa nacional e, no medio daquel quilombo, aló estabamos dous galegos bailando o tango da causalidade.  Foi todo xenuínamente confuso. 
       Dende entón estou moi interesado na cartografía sociobiolóxica. Fixen moitos amigos a través do Google Earth.

­Viches a Sánchez Dragó cando pasaches pola India? Seica lle gustan os saltóns desas terras. 
Na India non. Vino no entroido de Laza, cando cheguei, colgado dunha garrafa de Xastrés. Díxome que decidira pasarse ás drogas duras... Eu faleille da miña experiencia transcorpórea co Changa nas praias de Gokarna, pero non me fixo moito caso. Xa estaba medio mamado. Y había nieve... 

­Sempre te vin como líder espiritual dunha liña filosófica ou creador dunha nova crenza ou relixión.  Se  así  fose,  cal  dos  teus  temas  recentemente  publicados  sería  ou  usarías  como mantra revelador coa túa masa de seguidores? 
Xa o dicía Adolfito: "canta máis masa mellor se pasa". Coido que Outra vaca no millo pode ser un bo reclamo para consumar o suicidio colectivo (do que non estamos tan lonxe)... Dende logo, o mellor pasaporte cara á divinidade é iste: carreteira e mantra.

­Cal sería o símbolo que distinguiría a túa concepción cósmica?
As $$.

­Volvendo  ao  planeta terra  do  que  parece  que  cada  día  estamos  máis  lonxe,  deixaches  de facer auto­stop?
 Pois si. Agora só fago dedo, pero máis que o polgar uso o do medio.


­Onde están agora mesmo as túas forzas creativas? (A última vez que te chamei estabas en Ourense)
 Agora mesmo as miñas forzas creativas máis poderosas son máis ben forzas destructivas. 
Vivo en Santiago a caròn dunha biblioteca que máis ben parece un búnker antinuclear. Estudantes e yonkees, eruditos e sen teito conviven en dous universos paralelos, ignóranse cunha educación sibilina. Mais, se non fallan os meus cálculos de sociobioloxía xeoposicional, veñen sendo a mesma cousa. Está nos libros. 

­Segues facendo caricaturas en secreto sobre persoas que te arrodean?  
Non. Coido que estou perdendo o sentido do humor... Últimamente póñome coas caricaturas e só me saen naturezas mortas... 

­Serías capaz de enviar unha para este blog? 
 Xa mandei unha: a miña.


­Por último, di o que queiras, tes vía libre.
Ogallá os nosos fillos poidan afacer os ollos a tanta infamia. 
Ogallá non teñan que vela. 
Ogallá saiban derrotala.