"Atopei un tipo que me confundíu comigo mesmo"
Por favor, dáme unha primicia que ninguén sabe polo de agora.
Non vou ser pai.
En serio?!
Non.
Como é posíbel? Por que....por que?
Non puiden facer nada para non evitalo.
Acabas de botar ao mundo cinco traballos discográficos, así, de súpeto, como unha bomba. En serio o desemprego dá para tanta hiperactividade? Deberías darlles aulas aos políticos deste país para que aprendan...algo.
Se os políticos roubaran só de cinco en cinco, todo iría
mellor. O peor é que lles renovamos a patente de corso de catro en
catro... E non digas a palabra bomba, que me poño tenro.
Cinco traballos musicais, quere dicir que durante un tempo ao mellor estarás en dique seco musical. Iniciarás algunha outra actividade dentro da hiperactividade desempregativa?
A verdade é que non. Teño outro tanto
material collendo pousos no ordenador... só saquei isto a xeito de
petisco. Non se pode saturar o mercado, Moncho...
Aliás, estou rematando un documental experimental e preparando outro.
Tamén me porei cos diarios da viaxe, a xeito de 'escatografías': fixen
sesudos traballos de campo para estudar as diferentes culturas a través
das súas pautas defecatorias. Cómo, canto, onde ou en quen se caga en
cada país. É un enfoque moi productivo, anque ás veces torna enxurrada. A
antropoloxía non deixa de ser unha diarrea mental...
Hai anos emprediches unha viaxe arredor do mundo. Cantos bichos raros viches e cantos tiveches que comer?
Ben
deles. Anque o máis exótico atopeino xusto ao chegar. Foi por estas
datas, aterricei de cheo no entroido de Laza. Aquelas cachuchas
espetadas bailando reggaetón, aqueles baños de xudre e formigas
avinagradas, aquelas danzas rituais de corpos nús a menos catro graos;
foi tan perturbador... en ningunha tribo vin un potlatcht dese calibre.
Sentinme moi etnocentrista...
Confundíronte con algún?
Si.
Estando nunha pequena panadería de San Telmo, un barrio de Buenos
Aires, encontreime cun tipo que me confundiu conmigo mesmo, e eu
confundino cun colega de Santiago. Pero en realidade a única confusión
era que non estabamos confundidos. El viña visitar a súa quinta
provincia por primeira vez na vida e eu de paso rumbo a Ushuaia. Ficamos
cuánticamente bastante abraiados.
Poucas horas despois fomos encontrarnos de novo nun recanto
da concorrida avenida Corrientes. Os dous estabamos a agardar por
alguén...un cronopio, unha fama, non recordo. Era día de festa nacional
e, no medio daquel quilombo, aló estabamos dous galegos bailando o
tango da causalidade. Foi todo xenuínamente confuso.
Dende entón estou moi interesado na cartografía sociobiolóxica. Fixen moitos amigos a través do Google Earth.
Viches a Sánchez Dragó cando pasaches pola India? Seica lle gustan os saltóns desas terras.
Na India non. Vino no entroido de Laza, cando cheguei, colgado
dunha garrafa de Xastrés. Díxome que decidira pasarse ás drogas duras...
Eu faleille da miña experiencia transcorpórea co Changa nas praias de
Gokarna, pero non me fixo moito caso. Xa estaba medio mamado. Y había
nieve...
Sempre te vin como líder espiritual dunha liña filosófica ou creador dunha nova crenza ou relixión. Se así fose, cal dos teus temas recentemente publicados sería ou usarías como mantra revelador coa túa masa de seguidores?
Xa o dicía Adolfito: "canta máis masa mellor se pasa". Coido que Outra vaca no millo pode
ser un bo reclamo para consumar o suicidio colectivo (do que non
estamos tan lonxe)... Dende logo, o mellor pasaporte cara á divinidade é
iste: carreteira e mantra.
Cal sería o símbolo que distinguiría a túa concepción cósmica?
As $$.
Volvendo ao planeta terra do que parece que cada día estamos máis lonxe, deixaches de facer autostop?
Pois si. Agora só fago dedo, pero máis que o polgar uso o do medio.
Onde están agora mesmo as túas forzas creativas? (A última vez que te chamei estabas en Ourense)
Agora mesmo as miñas forzas creativas máis poderosas son máis ben forzas destructivas.
Vivo en Santiago a caròn dunha biblioteca que máis ben parece un
búnker antinuclear. Estudantes e yonkees, eruditos e sen teito conviven
en dous universos paralelos, ignóranse cunha educación sibilina. Mais,
se non fallan os meus cálculos de sociobioloxía xeoposicional, veñen
sendo a mesma cousa. Está nos libros.
Segues facendo caricaturas en secreto sobre persoas que te arrodean?
Non. Coido que estou perdendo o sentido do humor... Últimamente póñome coas caricaturas e só me saen naturezas mortas...
Serías capaz de enviar unha para este blog?
Xa mandei unha: a miña.
Por último, di o que queiras, tes vía libre.
Ogallá os nosos fillos poidan afacer os ollos a tanta infamia.
Ogallá non teñan que vela.
Ogallá saiban derrotala.
Excelente entrevista. Con Xoel non podía ser menos...
ResponderEliminar