lunes, 8 de junio de 2009

LORDS OF ALTAMONT

THE LORDS OF ALTAMONT

INTRO

Peter Zaremba, dos Fleshtones, dicía que o rock´n´roll era para el diversión, que ese é o motivo da súa vocación como músico, a diversión: "Isto é divertido".
Ese é o motivo polo que moitas e moitos imos aos concertos, para pasalo ben, disfrutar dos ritmos que nos gustan, da presenza (física ou etérea) dos artistas que nos chaman a atención. E se pode ser, sacarlle o máximo rendemento aos euros gastados na entrada (en caso de que o concerto non sexa de balde) para vivilo o máis intensamente que se poda.
Hai anos eu era heavy. Si, pelo longo, cazadoras vaqueiras negras e pantalóns polo mesmo estilo. O do coiro nunca me gustou, nin tampouco os avalorios de metal. Non é ningún pecado, hai modernillos que o recoñecen publicamente desde as grandes plataformas mediáticas impresas ou audiovisuais do Estado, e non pasa nada, como tampouco lles pasa nada cando cortan o pelo, deixan os concertos de Iron Maiden ou Metallica ou calquera banda progresiva centroeuropea.

O BLOG

Tranquilidade, non vou facer unha páxina enteira arredor da miña persoa, xa teñen dabondo os que me coñecen como para atoparse cunha versión multimedia. Irei enchendo espazos coas ideas ou novas que vexa no decorrer do día a día. Non quero enzoufar os ollos de ninguén con trangalladas. A autocomplacencia fixo moito dano, máis que o postureo postmodernista. Só falarei do que pense que é necesario falar e para iso tamén están as entradas ao blog, porque as opinións tamén contan.
Negrita
E HOXE?

Pois hoxe toca música como puidestes ler na intro. Se hai uns anos este que escribe podía ser vinculado á tribu urbana denominada heavy, agora non arrenega dela pero as cousas cambiaron.




Nunca houbo unha grande tradición musical no norte de Lugo no que tocaba ao rock´n´roll, desde o clásico ata os tempos da miña adolescencia. Si había pola contra, unha necesidade imperiosa na mocidade de escoitar o mainstream máis comercial (xa sabedes do que falo) e de aí que cando un tiña 14 anos, por exemplo, rexeitase escoitar as cintas de Led Zeppelin que un tío seu tiña no cuarto.
Pero o tempo pasa, un cambia de lugar e tamén de gustos. Todo aconteceu un día nun dos meus locais favoritos en Compos hai dez anos xa. Eramos tres persoas da mesma xeración, quizais cun ou dous anos de diferenza entre nós. Logo de falar de temas varios, foi entrar no terreo dos gustos musicais cando comecei a caer dentro dunha espiral ao non ter nin o máis mínimo coñecemento dos grupos aos que se referían. Comecei entón unha tarefa de recollida, buscando discos, autores, mirando nas tendas etc. Pouco e pouco fun enviando ao fondo das estanterías os discos de Maiden, Stratovarius, Manowar (por certo, o que mos teña que mos devolva xa, amiguiño si pero a vaca polo que vale) etc. Non esquezo as dúas veces que fun ver aos Maiden, a primeira en Ourense, sen Dickinson e a segunda a Coruña, xa co frontman reposto.
Non obstante, polo camiño gañei colegas cuxos gustos coincidían ou non cos meus, pero grazas a toda esa xente, fun abrindo o abano dos meus gustos. Isto ao final non lle pareceu ben a moitos. Na miña vila natal, agora son un raro que lle gusta unha música "que tolea a calquera e que non entende nindiós", nos ambientes nos que me movo, hai xente que me abriu as portas aos meus gustos actuais pero que agora van por outros camiños (evolución lle chaman) e outras persoas simplemente non se queren pronunciar ("déixame anda"). Pero o comentario máis intenso pola cicuta que máis concentraba foi hai 15 días. Un dos antigos camaradas da época metaleira, cando lle preuntei se podía pasar unha noite na súa casa tal día, un sábado, non esperou explicacións e respondeu: "Xa, seguro que para ver un deses grupos de rock garaxe que che gustan agora. Ti viñeches comigo ver aos Iron Maiden, coincidimos cos teus colegas heavys da túa terra e agora...agora es un puto garaxeiro gafapasta". Direi que foi o comentario máis famoso a fin de semana seguinte. Nada máis.

E TODO ISTO, A CONTO DE QUE?

Pois simplemente a que o día 6 de xuño actuaron The Lords of Altamont no festival La Bruta Fest celebrado no Playa Club da Coruña. Non vou dicir que fose, para min, a mellor experiencia musical en tempo porque non o foi. Sinceramente, despois de escoitar os discos desta banda de California (non de Francia como apuntaban algúns medios), quedei coa sensación de: "aquí falta algo". Si, faltou sangue, pulo (home, o teito do Playa é un límite a ter en conta) e son, porque Jack Cavaliere, cantante, non destacou precisamente pola súa capacidade pulmonar. O máis seguro é que os ananos do bosque electrónico fixesen algunha falcatruada.
Non houbo sangue ao mellor polas horas de voo, Cavaliere dicíao no seu inglés-mascachicle: "tocamos rock´n´roll pero tamén gostamos de durmir".
O caso é que entre unhas cousas e outras, o concerto só prendía o ánimo daquelas persoas que estaban noutra dimesión (hai substancias teletransportadoras a outros mundos) e que só pretenden divertirse por divertirse "enadamáis".
Persoas como esas eran as que berraban unha e oura vez:"California rock´n´roll!!", palabras que provocaron a resposta de Cavaliere: "Sei falar algo da vosa lingua: merci beaucoup". Como se o dixese en mandarín, hai anos que a lingua da república foi afastada das primeiras posicións pola lingua do imperio atlante.
Pero as trangalladas de Cavaliere e compañía non tiñan punto de comparación coa presenza dun individuo moi asiduo aos concertos garaxeiros. Descoñezo o seu nome, mesmo a profesión e razón social e vínculos afectivos se é que os ten. O fulano en cuestión actúa como unha teupa abrindo camiño entre a concorrencia con empuxóns, movemento compulsivo esquerda-dereita da cabeza e brazos cun ritmo do demo mentres bota a lingua para fóra berrando sons indescifrables. Desta volta comportouse, sospeitosamente arrimado aos valados metálicos entre dúas asistentes. Foi el quen axudou a colocar o órgano entre o público para a performance do cantante e tamén foi quen devolveu o instrumento ao escenario a pesares das protestas do cantante. A cousa cantaba.


FINALMENTE

Finalmente direi que sigo coa miña filosofía de escoitar aquilo que me gusta, que me dá a gana e que non vou deixar de facelo.
Este blog só é un inicio e non pretende máis que ser iso, o inicio dun traballo que me deixe facer cousas que quero facer.
Intentarei traer o que para min mereza a pena e que vos poda interesar. Nada máis. En tal caso, aínda estamos de probas.

Un saúdo





6 comentarios:

  1. Estreando o guestbook! :D
    Gosto da ideia, espero que vaias a muitos concertos para transmitir-me o que passa pola terra, eu igual algum dia tb escrevo sobre todo o que estou a ver em Liverpool. (De facto para isso estou fazendo curso de jornalismo a distáncia, para trabalhar disso aqui)

    Saúdos!!

    ResponderEliminar
  2. www.lordsofaltamont.com
    www.myspace.com/lordsofaltamont

    ResponderEliminar
  3. Este é o Moncho que mola.
    Moncho es mucho!!!

    ResponderEliminar
  4. Parabéns polo novo blogue! semella moi interesante!

    ResponderEliminar
  5. Ola Moncho, aquí óliver desde escocia celebrando o teu regreso blogueiro

    ResponderEliminar