sábado, 4 de abril de 2015

ENTREVISTA A MONTSE DOPICO, XORNALISTA (CULTURAL)


"Non teño nada publicado nin o teño nun caixón"

O teu pai non será de Ferrol, non?
Pois non, pero é certo que o apelido é desa zona. Se miras no mapa que non sei se é da Xunta, está concentrado en Ferrol e no norte de Lugo. O meu pai é de San Miguel de Reinante.

Es licenciada en Xornalismo, Ciencias Políticas, Historia, Antropoloxía e Socioloxía. Aínda cres naquilo que dicían as vellas de: "Estudia neniña estudia"?
Non, hehehehehe. Se hai que estudar para ter un traballo como era o que che contaban daquela, pois non. Ti vai por letras se queres, pero se es a mellor da aula, vas ter traballo seguro. Mentira!! Non me arrepinto de ter estudado, a ver, non me arrepinto de nada, porque iso do arrepentimento é unha cousa moi cristiana e eu de cristiana non teño nada. Pero non me arrepinto das carreiras que estudei porque aprendín cousas e estudei porque me gustaba. Pero o discurso de estudar para ter un taballo de maior, nada de nada.

Pois se non es cristiana, esta semana non che é nada favorable.
A min non me afecta moito o que haxa na rúa. Eu fago o que fago sempre.

Sendo da Pontenova nunca conduciches unha das carrocetas que se fabricaban alí?
Meu avó fabricaba carrocetas. Era un dos donos da primeira fábrica de carrocetas que houbo na Pontenova. Despois o meu avó tiña un taller mecánico e sempre se adicou aos camións e ás carrocetas. Pero eu non conduzo nada, teño carné pero non conduzo nada.

Tes pensado facer oposicións?
Si. Eu sempre dixen que non sería funcionaria, que me adicaría ao xornalismo e todo sería moi bonito. Pero agora que levo máis de tres anos no paro, penso que presentarme a concursos públicos e preparar oposicións, vai ser a única opción de ter opcións laborais en condicións dignas. Ter varias carreiras pódeche dar puntos e logo tamén polo hábito que teño de estudar.

No teu magazine montsedopico.com, dis que o xornalismo está cambiando e temos que adaptarnos como podemos. Quen son os inadaptados?
 Os inadaptados son os que pensan que se poden manter as estruturas quese mantiveron ata o de agora. Pola miña experiencia vin que eran empresas relativamente grandes, cun monte de cargos intermedios con grandes salarios e moitas veces sen facer nada, iso non se debería facer. Quero dicir, polo que estamos vendo, o futuro non pasa por esas estruturas senón por estruturas máis pequenas sen seren xerárquicas e máis horizontais e máis viradas a Internet, a iso me refiro.

Entón para adaptarse chega cunha conexión a Internet?
Non, non chega con iso. Tampouco podes pensar na Internet coma unha panacea, non se pode ser coma antes.

Entón seriamos como o protra de Nightcrawler, un tipo que é ladrón de cobre, pero un día descubre o xornalismo freelance, adicándose a gravar crimes e sucesos con moito sangue, un deles o accidente, probocado por el, do seu competidor inmediato. Cres que é o futuro que nos queda, matarnos entre nós?
Hahahahaha, non creo. Eu penso que o xornalismo sempre foi un oficio moi competitivo, non creo que agora o sexa máis. Pero o mesmo que che dicía antes das estruturas pequenas, tamén pasa pola unión da base. Somos os xornalistas os que debemos levantar esas bases e non esperar que o fagan outros.

Teslle medo aos políticos?
Eles pasan de min e eu paso deles. Levo moito tempo facendo xornalismo cultural e teño entrevistado ao moi poucos políticos. Moitas veces porque non se deixaban, tamén é certo. Pero tampouco é o que me interesaba. Sobre cultura teñen ben pouco que dicir, non todos, pero en xeral si.

Non merece a pena preguntarlles?
Seguramente non teñan moito interese en saír no magazine, ao mellor a nivel local si.

Preséntaste como xornalista freelance, é a nova maneira de...
...que unha persoa está no paro. Si. A ver, quero pensar que hai freelances que poden gañar a vida como tal.

A ver, agora dime a verdade, moitas das persoas que entrevistas non existen.
Si, existen todas. Eu non tería capacidade de fantasear e crear unha entrevista ficticea. Gustaríame ter moita máis imaxinación. O que teño é unha vocación frustrada de ensaísta que sairá algún día.

Hai pouco estivo en Compostela o director finés Aki Kaurismäki. Foi unha oportuniade perdida ou tiveches medo del?
Non sabía que ía vir. Creo que os de Numax tampouco sabían que ía vir, creo que o convidaron, non contestou e apareceu de sorpresa. Eu ese día non fun, esperei a que abrisen ao público. De todas maneiras, vouno entrevistar, se me deixa.

Tes publicado poemarios ou narrativa?
Pois non, non teño feito publicado nin é que o teña gardado nun caixón.

Sabes que podes estar perdendo subvencións?
En fin, podería telas facendo outra cousa, pero escribindo, non sei.

De todos e todas as autoras que coñeces cal sería o ou a protagonista dunha traxedia?
Pregunta difícil. Dunha traxedia decimonónica, podería ser Caneiro.

Dunha comedia?
Elías Portela, que o entrevistei hai pouco.

E dunha spin-off?
Non sei.

Ti fixeras artes marciais, non?
Fixen algo de taekwondo e karate,  pero quedei nun nivel baixo.

Por último, di o que queiras.
Tíñache medo pero non fuches tan malo.

Perdo facultades.




No hay comentarios:

Publicar un comentario