martes, 14 de abril de 2015

ENTREVISTA A ADRIANSITO ESTÉVEZ (ESTEVO, HE´S YOUR MAN)




 "Lesionei un irlandés de 95 quilos"


O entrevistado desta entrada ten uns gustos especiais para o que é un estudante de filoloxía, por que? Porque lle gustan as tabernas con sabor popular, porque lle gusta a sidra, os pinchos, o viño e o kalimotxo, porque practica fútbol gaélico (aínda que non o fala) e porque desvelamos dúas cousas; éche neofalante e non lle gusta a cervexa.

Así pois, nunha tasca popular, das de bufandas futboleiras, viño da casa en botellas de wiskhy reutilizadas, menús do día, pinchos de chourizo caseiro fritido e pan da casa, amén de representates da lei, falamos co noso convidado de hoxe, tradutor da novela de John Fante "A irmandade da uva" (a ler malditos!).

Oe, é certo que es neogalegofalante?
Si, é certo, é certo.

E logo, que pasou?
Pois que me educaron en castelán.

Quen te educou en castelán?
A miña nai, o meu pai, as miñas avoas e os meus avós.

Pero por que?
Porque a eles os educaran en castelán.

Pero ti non es de Vilaboa?
Non, son de Pontevedra, de toda a vida.

Por que te chaman Estevo cando realmente te chamas Adrián?
Porque eramos moitos Adriáns na aula e creaba confusión, apelidándome Estévez pois pasei a Estevo, non había que darlle moitas voltas.

Pedazo de pincho de chourizo que nos poñen. Ghrasisas señora!
Señor pincho para tomar cunha boa sidra.

Agora o que quero é que me contes por que te metiches a escribir na Wikipedia sobre por exemplo, toponimia, por que a toponimía? Gústache cavar na terra?
O mundo da toponimia é fascinante, porque está cheo de nomes que veñen dende hai tempo e van quedar aí. A que se debe? A min interésame.

Estás de acordo coa frase dunha persoa, que non vou nomear, cando dixo o de "Elías Torres máis altas caeron"?
Esa frase dicíma miña nai cando xogabamos á "escoba".

Como se xoga á escoba?
Non o sabes? Pois cunha baralla española repartes tres cartas a cada xogador  en cada quenda, hai que sumar 15 puntos ata sumar o maior número de puntos. Entón cando eu ía gañando ela dicíame "torres máis altas caeron", en castelán claro, porque eu fun criado en castelán.

Por que os de Pontevedra non tedes acento cando falades en castelán?
Aí non che sei, estudo filoloxía pero ese tema non o toquei.

Que é iso de quereres separar as vogais do galego da súa orixe nas vogais gregas?
Non quero separalas, quero estudalas todas. Ti tamén deberías facelo, a Wiki é moi interesante.

Quería facer un artigo pero adiantáronseme, que podo facelo?
Aumentalo ou editalo.

Xa, pero non pagan.
Non, pero aprendes.

Á parte de todo iso, por que viaxas tanto?
É o único vicio que teño, á parte da sidra e os libros.

E as mulleres?
Tamén.

Xa vives na casa que estabas arranxando?
Si, xa vivo nela.

Pagas moito de contribución?
Boa pregunta, pagueina en novembro, pero todo xunto coa auga e o lixo. Non foi moito.

Tes horta?
Estamos con ela.

Que sementaches?
En xaneiro botei patacas e agora haberá que pensar en cousas de primavera, pementos, tomates...

Pensaches en millo?
Non, non teño tanto espazo. Pero anoto a idea.

Tes algún animaliño alí convivindo?
Hai un gato ás veces deitado no felpudo. E estouche preocupado porque esta semana chegou con feridas de guerra.

É macho?
É.

Fixeches algunha outra obra?
Dis obra de construír, non artística.

Si.
Pois non.

Como saíu o da tradución da uva esa?
"A irmandade da uva", era un libro que me fascinou, comecei a traducilo e cando saíu o proxecto editorial pois enviéillelo. Gustoulles e alá foi.

Pensas que foi un grande  paso na túa vida?
A nivel persoal si. É un libro que me gustou moito e fíxome moita ilusión velo en galego.

Cal é a persoa máis interesante que tes coñecido nos últimos cinco anos?
Non sei, non hai unha persoa así.

Se non tes problemas en sociabilizar, por que xogas ao fútbol gaélico?
Porque me gusta facer deporte, e ao ser un deporte minoritario podo estar na categoría máis alta. No fútbol de balon pé sempre estaba nas categorías máis baixas.

A ver, vas ir xogar a fútbol gaélico en Barcelona, pero hai diso alí?
Hai, hai, son todos irlandeses de erasmus.

E daranvos unha malleira.
Non, non. Hai pouco xogamos con eles na Estrada e lesoinei a un irlandés de 95 quilos.

Ía mamado. 
Non, aínda era cedo, eran as dez da mañá.

Facedes terceiro tempo?
Si, eu a sidras ou a viños.

Cal foi o peor resultado que tivestes?
O día da nosa estrea, perdemos contra o Estrela Vermella de Compostela na nosa estrea, 58 a 8.

Por último, dime algo. 
 Sería unha honra poder contar un chiste coma Cristina, pero non vai ser posible, graciñas.
















No hay comentarios:

Publicar un comentario