sábado, 3 de marzo de 2012

ENTREVISTA AO GARCÍA, RAPEIRO


"Estou pensando en sacar o carné de maquinaria pesada"




O primeiro que quero saber é como se pronuncia o teu nome: García, Gharsía ou Gharcía?

Iso é a gusto do consumidor.

A día de hoxe cal sería oficialmente a túa ocupación profesional: artista?

Artista das pistas, non?

Conduces máquinas paleadoras?

De momento non, pero estou pensando en sacar o carné desa maquinaria pesada para esmagar algunhas cousas.

Cales?

Por exemplo, o Horreo onde están os ratos.

O estilo musical que traballas agora é o rap, correcto?

O rap, si. É un acrónimo de rithm and poetry, ritmo e poesía, o ritmo da música, como forma de expresión oral. O correcto sería dicir músico de rap. E o nome artístico sería García Mc, que significa master of ceremonies. Era a denominación do mestre de cerimonias, do presentador da festa, porque o hip-hop comezou sendo un movemento festivo.

Cal é a diferenza entre hip-hop e rap? A pregunta do millón.

Ás veces escoito o de: o rap vai máis lento e o hip hop vai más rápido, e cousas así de surrealistas. O caso é que denominamos cultura ou movemento hip-hop unha cultura un movemento que comeza a comezos dos 70 no barrio do Bronx, desenvolvido por xente que sufre directamente a exclusión social, e que se converte nun movemento festivo antirracista. Aglutina á xente colectivamente a través de diferentes expresións á xente da rúa. As expresións serían o breakdance, graffiti e o beatbox ou rap, que é unha das expresións do hiphop.

Hai algunha diferenza entre un rapeiro que leva os calzoncillos ao aire e un que non os leve?

Pois non necesariamente. É certo que quen os levan ao aire será por unha cuestión estética. E probablemente estea máis influído por esa parte que usurpou o capitalismo á cultura hip hop. Seguramente quen non os leve ao aire, será que non lle dá importancia a esa cuestión. Daría para facer moitas reflexións.

Ti estás en varios proxectos musicais. Un é con Leo Arremecaghoa. Se vos buscades aos dous en Internet aparece Leo García, un músico arxentino. Entre as influencias deste home están The Cure. Que consello lle darías a Robert Smith, que corte o pelo?

Quen é ese?

O cantante de The Cure.

Non os controlo. Non os escoitei nunca. Oín moitas veces o nome. Probablemente se os escoito me soe algo, pero non os controlo.

Estás implicado no proxecto Labregos dos Tempos dos Sputniks. Con eles a túa carreira entre noutra órbita?

É outro terreo, outra forma de expresión e estética comunicativa. Tamén estiven nunha banda de salsa brava, facendo coros e metendo algún rapeo. Cando á xente lle falas de salsa, vénlle á cabeza toda esa idea de salsa comercial que nos chegou aquí. Pero falamos de todo ese movemento que ten as súas raíces africanas, como o hipo hop e o rock´n´roll. Logo son así diferentes terreos, cada un coas súas características. En Dios ke te crew é unha cousa moito máis contundente. Se queres falamos máis diso pero prefiro que me preguntes máis directamente. Son proxectos diferentes. En Labregos mesturamos a cousa máis punk con rap, pero logo está tamén aí a raíz. Un pouco as cancións revolucionarias de todo este imaxinario colectivo desta parte do mundo. Entón hai aí moitas fusións e sobre todo, sen ningún complexo. Podes atopar unha versión de Fuxan os Ventos, a mesmo un tema influenciado por Public Enemy.

A banda Sidonie ten un disco que se titula El Fluido García. Isto son casualidades da vida ou xa te coñecían?

Probablemente xa escoitaran falar de min. E eu estou convencido de que puxeorn o nome por iso.

Reclamarás dereitos de imaxe?

En principio non porque creo na cultura libre. Pero todo se pode valorar.

Por que o poema de Celso Emilio Ferreiro, "Son un pasmón", vai contra do AVE?

Porque é un poema que desde o meu punto de vista chama para a calma, e vai contra dese mundo do "progreso" que nos venderon. A idea de que indo todo máis rápido vai ir todo mellor. Esa idea está en decadencia. Entón podemos dicir que Ferreiro se adiantou aos tempos, nunha poesía que non morre nunca. Fala do decrecemento nese poema. Se subes nun AVE, que ademais de ser un desfase, unha barbaridade a nivel de destrucción do entorno. Como a comida rápida. As cousas rápidas non che deixan ver o mundo como é, nin desfrutar da pausa verdadeira davida. Por iso ás veces enlazo o de ser un pasmón coa velocidade do sistema capitalista.

Quen sería máis pasmón: Pepiño Blanco por non facer o AVE, Feijóo por adialo ou o que paga por un billete para a ir a 150 km/h nun tren que non chega aos 90 km/h para ir de Coruña a Compostela?

Penso que os tres. Pepiño Blanco porque si, forma parte de toda esa mercadotécnia. Cada tramo do AVE custa millós de euros que son concedidos a empresas amigas ou o que sexa, pero non vou entrar en chanchullos. Desde logo que ese é un pasmón. Non ironicamente, como di Ferreiro, senón totalmente, por ser un dos responsables da destrucción do territorio. Feijóo é outro pasmóns, sobran razóns para dicilo. Polas mesmas que dixen anteriormente. E o terceiro, moitas veces comprará o billete porque no sistema que vivimos, considerará que é mellor nese momento dado. Probablemente eu, ti e moitos poidamos caer niso nun momento dado. Entón seriamos uns pasmóns, porque o mellor é ir traquilamente e con tempo.

Identificoute a policía ultimanente?

Ultimamente non. Penso que a última vez hai igual un ano e pico.

Se te parase un control policial, daríaslles os teus datos ou cantarías unha versión mellorada de "Ruido Neghro" de Das Kapital?

Non sería mala idea o de Ruido Neghro. En principio, no sistema no que estamos, estamos obrigados a darlles os datos, por moito que te negues.

O rap en galego dá capital?

Non. Precariedade.

Hai que ser un creativo moi mutante para vivir no país no que vives?

Radicalmente si. Precisamente por unha cuestión de supervivencia e máis que nada, porque tes que diversificar, se non varías, é máis difícil gañar a vida. Pero principalmente e máis importante é necesario a nivel artístico explorar novos camiños.

Falando máis de música, cal é a túa droga favorita?

Unha delas é a música. Falando propiamente do termo, marcáronme un antes e despois os efectos da mescalina.

Cando compós unha letra, cal é a primeira cara que che vén á mente?

Depende. Non hai unha norma fixa. Ás veces tes unha imaxe e escribes a partir dela. Ultimamente escribo no terreo dos sentimentos. Para facer rap non, é unha cousa máis politizada e social. Poden ser cousas máis profundas. Pero se escribo poesía vou ao terreo do existencialismo.

Cáenche ben os xornalistas musicais?

Normalmente non.

Cantarías o Himno Galego no Parlamento ou aproveitarías para cantar "Herdeiros da Ditadura"?

A segunda opción, pero o máis seguro que non entraría eu no Parlamento. Aínda que a todo se lle poden dar moitas voltas e as liñas de intervención non se cinguen só aos espazos, senón a como ti poidas canalizar ese momento.

Como titularías un rap sobre a escisión do Bloque?

Agora mesmo non se me ocorre nada.

Por último di o que queiras.

Non sei. Nada, gracias, que está ben interesante que haxa xente que fai cousas como esta. Porque é necesario construir autonomía e estar en contacto a xente do underground e crear escena.













1 comentario:

  1. O García, ese gran fenomeno xurdido da vila de Ordes! mais xente coma ti nos facia falta para amenizarnos o camiño da vida... Grazas polas tuas xenialidades

    ResponderEliminar