sábado, 30 de abril de 2016

ENTREVISTA A ALBA VINHAS, FALA ALEMÁN









"O tren que me leva pola beira do Rhin, me leva polo meu camín"


O progresivo deterioro de todopirolismo que sufría este blog, foi o motivo-causa-efecto de tardarmos tanto en aparecer outra volta. Porque na procura dun ser humano de sexo feminino que lle dese a réplica a tanto home con pelo no peito (o de pelo no peito é falar por falar por algúns), a busca dese ser humano feminino levou intensas e profundas negociacións con varias persoas.

Final e felizmente Alba Vinhas, autora, intérprete (de alemán), fotógrafa, profesora, tradutora de textos para a xa extinta Estaleiro Editora, viaxeira e sempre optimista, fainos a deferencia de poder contarmos coa súa presenza neste o seu-voso blog.

Quedan pendentes outras entrevistas anti-todopirolos, pero as negociacións están atrancadas, se alguén se ofrece será benvida. Of course.



Agora que estás en Leipzig, cóntame, quedan restos da Stasi por aí?
Ola. A resposta literal é que si, pero convenientemente etiquetados. Ou sexa: hai un museo da Stasi, que se chama Runde Ecke (algo así como recanto redondo, que a min me parece bastante contradictorio). E se un(ha) ten sido espiada, pode consultar aí os seus papeis. Eu ao museo aínda non fun. Cando se vive aquí a Stasi deixa de dar tanto morbo.

Os e as alemáns do Leste son máis pequenos que os do Oeste?
En calquera caso, son máis pequenos ca os do Norte. Que clase de pregunta é esta?

En Alemaña tamén hai subvencións governativas para editar poesía?
O meu editor de texto non recoñece a palabra governativas. Tal vez gubernamentais? Primeiro, hai que falar por rexións, que isto é un estado federal. A cultura institucional aquí en Saxonia é bastante unha merda. Leva gobernando a CDU dende que caeu o muro. Sempre o digo, porque nunca deixa de sorprenderme. Non sei se hai axudas para edición de poesía, pero sospeito que non. As axudas son máis para ópera e así. Hai unha editorial aquí en Leipzig de, sobre todo, poesía que se chama Wörtersee e que está moi ben. Falando de diñeiro público e literatura, o que si que hai son estudos universitarios -aquí a universidade é gratuita -de escritor/a. Leo na páxina web deles que o master consiste en escribir unha novela.

Non podo resistirme, cantos chistes sobre galegos tes oído nese país? E sobre españois?
Á primeira pregunta, cero. Á segunda pregunta, cero. O chistes en Alemaña adoitan ter que ver con imitar dialectos. E co dialecto que teñen aquí digamos que son un sitio máis obxecto que suxeito de burlas. Supoño tamén que hai culturas con máis sentido do humor que a alemá.

Conta un, o que che apeteza.
No semestre pasado estivemos vendo chistes en clase de consecutiva e simultánea. Os chistes eran en español en do nivel de “¿por qué los de lepe ponen whisky en las rotondas? (para mejorar la circulación). Había que buscar a maneira de que en alemán fixeran medio graza. Eu non o conseguín. Aínda foi sorte que non houbera polo medio chistes de galegos.

Ben, leo nos xornais de aquí que hai 500 anos regulamentouse a fabricación da cervexa alemana. Aí tamén fan como na Galiza, hai xente que fai cervexa caseira e logo a vende en botellas envoltas en xornais?
(sorriso) Lin na prensa que foi Merkel á celebración solemne do aniversario. Non sei que farán en Baviera ou Baden-Württemberg, pero aquí entre a rectitude alemá e o feito de teren tido una economía planificada durante 40 anos non axuda ás creacións cervexeiras na bañeira. Así que cervexa caseira pouca, pero hai unha fábrica de cervexa a dúas rúas da miña casa e ás veces patrocinan festas en pisos. De faceren cervexa caseira, non me imaxino moito a distribución, porque o típico bar tipo o mosquito co licor café ou o outro de san pedro cos queixos aquí non existen (snif)

Vasme pedir que elimine respostas a este blog como me fixo facer Alex Charlón?
De haber censura, será ao grande e pedireiche que borres TODA a entrevista, non dez segundos.

Escribiches letras para Ataque Escampe?
Non. Cando faciamos botellóns na casa de Miguel de Pelamios ás veces escribiamos cadáveres exquisitos e un ou algún deles acabou sendo canción. Pero entendo que iso non conta.

E para outro grupo?
De momento non, pero había molar.

Se formases unha banda a quen incluirías e a quen non?
Eu tería que ser a manager, e sería unha especie de banda de superstars galega. No escenario podería presentar as cancións e, se cadra, tocar o triángulo. Por que me fas tantas preguntas de música?

Escribirías letras contra alguén?
Pensei e escribin varias respostas a esta pregunta pero ningunha me acabou de satisfacer así que opto por non responder.


Tendo en conta o actual sistema de financiación autonómica, tes ganas de voltar?
O sistema de financiación autonómica non é o que máis me motiva a voltar. Isto faime pensar na AP9 (si, na AP9), e no que che conto na pregunta seguinte


Por último, di o que queiras
Unha das cousas que me dá un pouco de medo de Alemaña: ir nun coche a 150 pola estrada e que outros coches nos adianten. (Non conducía eu. Fora a Jena facer un exame. É divertido que Jena teña de alcume “cidade da luz”. Non é pola luz que hai, senón porque é sede da empresa de lentes Zeiss).
Outra cousa que me daba medo (alleo): ver cegos facendo rutas de escalada no rocódromo. E ser mellores ca min.
E por último, unha cousa que me vai dar medo: o Wave Gothik Treffen que vai haber aquí dentro de dúas semanas.










viernes, 27 de noviembre de 2015

ENTREVISTA A EMILIO JOSÉ MÚSICO OURENSIANO


"Ourense e rural son a mesma cousa, non?"

A segunda entrevista a Emilio José neste blog. Non, non é  por falta de ideas ou persoas para entrevistar, é que logo de moooooiiiitooooo tempo, o ourensao por fin dá a coñecer un novo traballo (e que traballo señora) musical. Tres horas de cancións onde non queda tema por tratar, onde o Emilio José máis poético chega da man do Emilio José máis cáustico. Rura, Ourense, políticos (sobre todo alcaldes), celebritis como empresas e realismo post-comunista, cítanse neste seu novo traballo Agricultura Livre. Segundo críticos musicais: a mellor obra do folc indixenista ourensao. (Os puntos que aparecen no texto son de vista)
  • Primeira pregunta: A ti gústache aquela canción de "La Gota Fría"? 
  • A de Carlos Vives? Era Carlos Vives, non? Non sei se me gusta ou non, porque non a teño presente.

  • Si carlos vives, pregúntcho porque non sei se despois de tanto tempo, tes a sensación de que Agricultura Livre é como unha enchente no panorama musical en Galicia.
    HAHAHA. Pois, sobre todo e o máis importante, non son eu quen para dicir iso; e de todos xeitos, tampouco controlo moito o panorama musical en Galicia; aínda que seguro que é sensacional, e non o controlo porque non estou ao día, non porque non me guste; e, ademais, tampouco son galego, así que...
  • Ok, o de que non es galego quedoume máis que claro polo menos en dous dos temas. Falando diso mesmo...
  • hehe

  • Baltar Fillo sería un Kim-jon Um en Ourense?
  • Baltar fillo; e non sabes como me gusta que uses ese termo, porque é o que é: o fillo de Baltar, no sentido de que se non fose fillo de Baltar non sería ninguén; seguramente é un excelente ser humano, alegre e divertido, pero como cargo público é alguén que non existe. Un "presidente" que dis cousas tipo "estamos a 253 días das eleccións, cumplimos o 85,4% do programa e xa presentamos a 73 dos candidatos" non existe. E logo, aínda por riba, está o feito de que o pai, sendo outro pobre diablo coma el, polo menos era ou é, divertido, tocaba o trombón, dábase bicos na boca con alcaldes, cousas así.

  • Ben, hai algo sorprendente que é titular dous temas con nomes de modelos ou celebritis: Bruna Linzmeyer e Kim Kardashian. Cada unha transmite algo diferente para ti, por que? Unha é máis o teu estilo e a outra máis superficial?
  • Os títulos, ás veces, non están exactamente conectados co sentido das cancions; aínda que tampouco sei eu moi ben a que me refiro con "conectados". Un día vin que algo sobre Kim Kardashian estaba entre as noticias máis lidas en laregion.es, e foi como ¿quen é Kim Kardashian e por que sae na Región de Orense? No caso de Bruna Linzmeyer, hai anos lin unha entrevista dela e pareceume un bo título para unha canción, pero a canción tampouco é sobre ela en particular.

  • Entón os títulos dos teus temas son unha chamada de atención para atraer ao público? son cantos de serea?
  • Haha, pero non é que unha sexa do meu estilo e a outra non: Kim Kardashian; supoño que é á que te refires como "superficial"; seguramente sexa moi interesante como ser humano. Pero eu falo dela como "empresa", como "multinacional da propaganda". E, de todos xeitos, non teño nada claro o concepto de "superficial"!
  • Ben, en realidade o feito de sacar un disco, en si mesmo é unha "chamada de atención para atraer ao público". Se non quixeses atraer a ningún público, non o publicarías! Logo outra cousa é que pretendas que poidas atraer a máis ou a menos oíntes en función do que fagas: eu nin estou nesa posición; a posición de "mover mercado", digamos; nin me guío por outra cousa que non sexa, principalmente, que o disco, en xeral, me guste.

  • No verso "o mundo non comezou nunha caixa de aforros" no tema das montañas e o sol querías dicir algo sobre a explotación bancaria ou era animar aos defraudados nas preferentes?
    O que eu diga non vai animar ou defraudar a ninguén: non teño ese poder. Ademais, sobre os bancos hai escritas cousas moito mellores que o que poida dicir eu, e igual sobre as preferentes: nesa liña só me refiro á visión que prevalece hoxe en día sobre que o sistema bancario; sexa público ou privado, ou como sexa; é fundamental para as nosas vidas.

  • Entón a elección dos ritmos que van coas diferentes letras podemos tomalo como unha elección persoal sen querer buscarlle máis explicación. só que a ti che gusta así.
  • Si, claro: non hai ningunha mensaxe masónica nin nada, só intento que as cancións sexan o máis simples posible: logo, elas acaban saíndo como queren, pero a idea é esa.

  • Un título que me chama a atención é Nova Esquerda Caducifolia; custa moito escoller os nomes dos temas? Pregúntocho porque ás veces teño a sensación de que escribes letras moi longas e logo as divides para poñerlles nomes diferentes non sei se me expliquei ben.
  • Con letras moi longas refíreste ás letras en si, non, ou aos títulos?

  • Si si, ás letras
  • Ahh, ok. Máis ben o proceso soe ser ao revés: unha canción, cando se ve con ganas;a canción, quero dicir; vaise facendo máis longa, pero non é que divida letras; ou cancións; en cachos máis pequenos.

  • Ahá. Entón os temas que tés en Agricultura Livre de 19 segundos por exemplo, son iso, temas en si mesmos que só tiñan ese tempo de vida, nada máis. Non é un xogo coa audiencia
  • Aínda que tampouco teño claro a noción de "lonxitude" na música, porque hai cousas moi "breves" que se fan insufribles, e cousas moi "longas" que se fan breves: por suposto, se falamos desde un punto de vista cronométrico, pois entendo o que dis. Ou polo menos nese momento tiñan eses 19 segundos. De todos xeitos, eu non fago "temas", eh, fago; ou iso intento; cancións.

  • Ao meu ver hai tres eixos neste disco: política, rural e Ourense. Estou equivocado ou debera engadir algo máis ou quitar algo?
  • Ah, non sei: eso é cousa túa!
  •  
    Hahahahahha
  • Pero "Ourense" e "rural" son como a mesma cousa, non?

  • É posible, non digo que non, pero digo o de rural porque se sinte unha mágoa case persoal en ti cando falas do rural que desaparece.
  • Máis que mágoa persoal, porque tampouco é que eu reivindique a vida no rural de fai 10, 100 ou 1.000 anos, é unha nota a pé de páxina no libro satánico da Xunta de Galicia: "o rural morre, vós sabedes que non podedes facer nada, así que admitide que non podedes facer nada".
  • Entón Agricultura Livre, o disco, podería ser unha metáfora de que si podemos facer algo co rural, a pesar do libro satánico da Xunta?
  • Non, eso é imposible: non se pode facer nada, non só con rural, senón en xeral con todo, se non se destrúe o libro satánico da Xunta de Galicia. E ese libro é indestructible.

  • Home se é da Xunta, malo será que cunha revolta irmandiña non se poda destruir...
  • Xa ves como acabou a "revolta" irmandiña...

  • Nin sequera coas novas tecnoloxías cres que se podería facer algo?
  • Ha! Dime ti como...
  •  
  • Seguindo co disco, a portada non podemos esquecela, como naceu a idea e cando se materializou?
  • Pois un día que fun buscar castañas vin ese sitio que, como en tantos lugares, antes era un camiño e hoxe parece unha selva, e pensei que igual podía quedar ben así.

  • Ok. Durante un tempo viviches en Quins, foi aí onde apareceu o xermolo de Agricultura Livre?
  • En realidade graveino todo en Quins, vivindo alí, menos uns meses nos que  viñen a Vigo.

  • Fas alusión a nomes destacados dentro da política galega, pensas que lle farán caso ao disco ou simplemente mirarán para outro lado?
  • Pois o caso é que, escóiteno ou non, dá igual o que eu diga; non só porque sexa un insignificante aprendiz de músico: mesmo a maior estrela pop do mundo ten unha influencia cercana ao 0 sobre a vida material neste planeta; non vai pasar nada: para empezar, seino porque no anterior disco tamén falaba de políticos e como é de esperar, non pasa nada.

  • Ben, xa para rematar, di o que queiras, o primeiro que che pase pola cabeza...
  • Calquera cousa que se me pase pola cabeza, e máis se é mínimamente "racional", vai ser algo que me programaron previamente, ou sexa que, aínda que aparentemente fose diferente, en realidade é o mesmo que se che pode estar pasando a ti, ou a calquera, pola túa cabeza.

domingo, 19 de julio de 2015

ENTREVISTA A LOIS CARLÍN (BAIXISTA BAIXO DE ATAQUE ESCAMPE)


"Dáme detalles"


O tipo que toca o baixo en Ataque Escampe por fin neste blog. Non foi sen tempo, non foi sen présa, non foi sen ameazas, non foi de día, foi pola noite nun local nocturno mentres escoitabamos lounge, segundo o entrevistado.

Lois, porque tardaches tanto en aceptar esta entrevista?
-Eeeeeeeehhhhhhhhhhhhhhh................mmmmmmmmmmmmmmmmmm

Ti mira que a batería acaba en breve.
Pois tardei en aceptar porque odio as entrevistas.

Por iso te mamas antes de entrevistarte?
Non me estou mamando, estou tomando auga mineral.

Iso é auga mineral? (o reporteiro xura que fedía o líquido verde que tiña na copa o entrevistado)
É auga mineral.

Tamén te mamas antes de liarte cunha chavala?
Non me lío con chavalas tampouco, a miña vida é aborrecida. Paso as noites e os días só, lendo libros sobre patroloxía (?????)

Os manises son meus.
Os manises son teus. Pois iso, lendo libros sobre patroloxía, facendo sudokus e acrósticos e traballando basicamente no colexio.

As malas linguas din todo o contrario, mesmo que andas a rexeitar amantes.
Rexeitar amantes. (dálle o riso) Non me consta, non me consta. 

As fontes que consultei son moi fiables, e non son o teu grupo. 
A pesar de todo canto che digan eu son baixista dun grupo e os baixistas nunca ligan.

Ostia, pois mira ti o dos Who.
El tiña máis técnica de guitarrista que baixista, tiña máis protagonismo ca min no seu grupo.  Eu son unha caste de sombra que se move entre o guitarra e o baterísta. Así que eu realmente non existo.

Es baixista e tamén es baixo.
Son bastante baixo, pero Samuel é máis baixo ca min.

Jaco Pastorius ligaba moito e con tías moi exóticas.
Non o facía por ser baixista, facíao por meterse en covas de mala morte...

...como o sitio onde o mataron.
Como o sitio onde o mataron, que sería agora como a Casa do Patín, porque a esas horas a xente non sabe que es baixista nin que es persoa.

No último concerto que vos vín tamén era o último de A.C. como cantante, foi o último concerto dese señor ou unha manobra márketing?
Non, o caso é que levaba desde xaneiro sen cantar connosco. Deixamos que cantase na Capitol para darlle unha merecida despedida.

Conta a verdade, cantos de vós tiñades ganas de meterlle unhas ostias?
Ningún penso eu, ao mellor era ao revés, el quería darnos de ostias a algún de nós.

Por que?
Puffff, en fin, é de coña, hai bo rollo.

En definitiva, si queriades meterlle de ostias.
Non home, había boa sintonía.

Polo teu careto deduzo que si queriades meterlle.
Ten en conta que no grupo hai un ambiente moi bo. Un exemplo, un dos membros do grupo decidiu unha vez que para que eu tocase ben a batería, porque non son baterista, foi tirándome unha cadeira á cabeza. Fíxoo polo meu ben.

 Quen é o voso camello?
Non sei, eu non me drogo.

Quen se droga no grupo?
Ningén. E se hai alguén non me consta, en serio. Pero se viches unha das listaxes das novas drogas, o café, o azúcar procesado...

Non me toques o carallo, quen é o camello?
Non sei.

A continuación  gustaríame saber cando sacaredes novo disco.
Prepararemos material o mes que vén, aínda non temos datas de estudo pero o mes que vén temos que comezar a crear.

Falando de toleadas, admitiriades a Marco Gelpi outra vez?
Eu admitiríao de cabeza. É unha persoa que aportaba bastante espontaneidade e era compoñente imprevisible.

Levamos máis de cinco minutos de entrevista, con outros membros de Ataque Escampe non tardei tanto en sacarlles "chicha", así que dime a verdade, traizoaches algunha vez a algún dos teus compañeiros de grupo?
 En que sentido?

Xa sabes.
Non sei.

Si que sabes.
Ah, non, nunca.

Xúramo.
Eeeeehhh.... non, estou seguro.

Entón a) ou a xente me odiará a min ou b) a xente odiarate a ti, a) a min por preguntarche isto ou b) a ti por contar unha mentira.
Estou intrigado e quixera máis detalles.

Dime ti.
Dame detalles.

Non podo.
(o entrevistado ponse nervoso) Ningunha das cousas que me pasan pola cabeza podería ser unha traizón.

Logo de sete minutos de entrevista, cal é a túa opinión da música de fondo.
Música lounge, música de ascensor, gústame a música de ascensor.

Que farías para ascender na vida? Por exemplo deixar Ataque Escampe e irte para un grupo co que ganes cartos.
E que con Ataque Escampe estou ganando unha cantidade inxente de cartos, pero non o parece porque somos austeros.

Paréceme a resposta máis infantil que me deches en toda a entrevista.
O único grupo que che poden dar cartos son as orquestas.

Falando de marrón, a peor experiencia tocando en Ataque Escampe.
Durante o tempo que tocaba o teclado sempre esquecía os cables. Era incómodo explciar aos demais que esquecera o material.

Estanme entrando ganas de poñer unha cámara oculta detrás túa porque teño a sensación de estáresme mentindo.
Intentar escaquearse deixando o material na casa para non ir ao concerto, non é moita trola.

Ti metícheste a baixista para facéreste o interesante.
Tocando o baixo? Non ten sentido o que dis.

Entón para o ridículo.
Non, os baixistas teñen o estigma de consideralos guitarristas frustrados. Eu toco o piano e o sintetizador modular.

Para acabar, que non me gusta transcribir, di o que queiras. 
Que che pareceu Operación Ganímedes?

A entrevista fágoa eu, chao.







martes, 14 de abril de 2015

ENTREVISTA A ADRIANSITO ESTÉVEZ (ESTEVO, HE´S YOUR MAN)




 "Lesionei un irlandés de 95 quilos"


O entrevistado desta entrada ten uns gustos especiais para o que é un estudante de filoloxía, por que? Porque lle gustan as tabernas con sabor popular, porque lle gusta a sidra, os pinchos, o viño e o kalimotxo, porque practica fútbol gaélico (aínda que non o fala) e porque desvelamos dúas cousas; éche neofalante e non lle gusta a cervexa.

Así pois, nunha tasca popular, das de bufandas futboleiras, viño da casa en botellas de wiskhy reutilizadas, menús do día, pinchos de chourizo caseiro fritido e pan da casa, amén de representates da lei, falamos co noso convidado de hoxe, tradutor da novela de John Fante "A irmandade da uva" (a ler malditos!).

Oe, é certo que es neogalegofalante?
Si, é certo, é certo.

E logo, que pasou?
Pois que me educaron en castelán.

Quen te educou en castelán?
A miña nai, o meu pai, as miñas avoas e os meus avós.

Pero por que?
Porque a eles os educaran en castelán.

Pero ti non es de Vilaboa?
Non, son de Pontevedra, de toda a vida.

Por que te chaman Estevo cando realmente te chamas Adrián?
Porque eramos moitos Adriáns na aula e creaba confusión, apelidándome Estévez pois pasei a Estevo, non había que darlle moitas voltas.

Pedazo de pincho de chourizo que nos poñen. Ghrasisas señora!
Señor pincho para tomar cunha boa sidra.

Agora o que quero é que me contes por que te metiches a escribir na Wikipedia sobre por exemplo, toponimia, por que a toponimía? Gústache cavar na terra?
O mundo da toponimia é fascinante, porque está cheo de nomes que veñen dende hai tempo e van quedar aí. A que se debe? A min interésame.

Estás de acordo coa frase dunha persoa, que non vou nomear, cando dixo o de "Elías Torres máis altas caeron"?
Esa frase dicíma miña nai cando xogabamos á "escoba".

Como se xoga á escoba?
Non o sabes? Pois cunha baralla española repartes tres cartas a cada xogador  en cada quenda, hai que sumar 15 puntos ata sumar o maior número de puntos. Entón cando eu ía gañando ela dicíame "torres máis altas caeron", en castelán claro, porque eu fun criado en castelán.

Por que os de Pontevedra non tedes acento cando falades en castelán?
Aí non che sei, estudo filoloxía pero ese tema non o toquei.

Que é iso de quereres separar as vogais do galego da súa orixe nas vogais gregas?
Non quero separalas, quero estudalas todas. Ti tamén deberías facelo, a Wiki é moi interesante.

Quería facer un artigo pero adiantáronseme, que podo facelo?
Aumentalo ou editalo.

Xa, pero non pagan.
Non, pero aprendes.

Á parte de todo iso, por que viaxas tanto?
É o único vicio que teño, á parte da sidra e os libros.

E as mulleres?
Tamén.

Xa vives na casa que estabas arranxando?
Si, xa vivo nela.

Pagas moito de contribución?
Boa pregunta, pagueina en novembro, pero todo xunto coa auga e o lixo. Non foi moito.

Tes horta?
Estamos con ela.

Que sementaches?
En xaneiro botei patacas e agora haberá que pensar en cousas de primavera, pementos, tomates...

Pensaches en millo?
Non, non teño tanto espazo. Pero anoto a idea.

Tes algún animaliño alí convivindo?
Hai un gato ás veces deitado no felpudo. E estouche preocupado porque esta semana chegou con feridas de guerra.

É macho?
É.

Fixeches algunha outra obra?
Dis obra de construír, non artística.

Si.
Pois non.

Como saíu o da tradución da uva esa?
"A irmandade da uva", era un libro que me fascinou, comecei a traducilo e cando saíu o proxecto editorial pois enviéillelo. Gustoulles e alá foi.

Pensas que foi un grande  paso na túa vida?
A nivel persoal si. É un libro que me gustou moito e fíxome moita ilusión velo en galego.

Cal é a persoa máis interesante que tes coñecido nos últimos cinco anos?
Non sei, non hai unha persoa así.

Se non tes problemas en sociabilizar, por que xogas ao fútbol gaélico?
Porque me gusta facer deporte, e ao ser un deporte minoritario podo estar na categoría máis alta. No fútbol de balon pé sempre estaba nas categorías máis baixas.

A ver, vas ir xogar a fútbol gaélico en Barcelona, pero hai diso alí?
Hai, hai, son todos irlandeses de erasmus.

E daranvos unha malleira.
Non, non. Hai pouco xogamos con eles na Estrada e lesoinei a un irlandés de 95 quilos.

Ía mamado. 
Non, aínda era cedo, eran as dez da mañá.

Facedes terceiro tempo?
Si, eu a sidras ou a viños.

Cal foi o peor resultado que tivestes?
O día da nosa estrea, perdemos contra o Estrela Vermella de Compostela na nosa estrea, 58 a 8.

Por último, dime algo. 
 Sería unha honra poder contar un chiste coma Cristina, pero non vai ser posible, graciñas.
















sábado, 4 de abril de 2015

ENTREVISTA A MONTSE DOPICO, XORNALISTA (CULTURAL)


"Non teño nada publicado nin o teño nun caixón"

O teu pai non será de Ferrol, non?
Pois non, pero é certo que o apelido é desa zona. Se miras no mapa que non sei se é da Xunta, está concentrado en Ferrol e no norte de Lugo. O meu pai é de San Miguel de Reinante.

Es licenciada en Xornalismo, Ciencias Políticas, Historia, Antropoloxía e Socioloxía. Aínda cres naquilo que dicían as vellas de: "Estudia neniña estudia"?
Non, hehehehehe. Se hai que estudar para ter un traballo como era o que che contaban daquela, pois non. Ti vai por letras se queres, pero se es a mellor da aula, vas ter traballo seguro. Mentira!! Non me arrepinto de ter estudado, a ver, non me arrepinto de nada, porque iso do arrepentimento é unha cousa moi cristiana e eu de cristiana non teño nada. Pero non me arrepinto das carreiras que estudei porque aprendín cousas e estudei porque me gustaba. Pero o discurso de estudar para ter un taballo de maior, nada de nada.

Pois se non es cristiana, esta semana non che é nada favorable.
A min non me afecta moito o que haxa na rúa. Eu fago o que fago sempre.

Sendo da Pontenova nunca conduciches unha das carrocetas que se fabricaban alí?
Meu avó fabricaba carrocetas. Era un dos donos da primeira fábrica de carrocetas que houbo na Pontenova. Despois o meu avó tiña un taller mecánico e sempre se adicou aos camións e ás carrocetas. Pero eu non conduzo nada, teño carné pero non conduzo nada.

Tes pensado facer oposicións?
Si. Eu sempre dixen que non sería funcionaria, que me adicaría ao xornalismo e todo sería moi bonito. Pero agora que levo máis de tres anos no paro, penso que presentarme a concursos públicos e preparar oposicións, vai ser a única opción de ter opcións laborais en condicións dignas. Ter varias carreiras pódeche dar puntos e logo tamén polo hábito que teño de estudar.

No teu magazine montsedopico.com, dis que o xornalismo está cambiando e temos que adaptarnos como podemos. Quen son os inadaptados?
 Os inadaptados son os que pensan que se poden manter as estruturas quese mantiveron ata o de agora. Pola miña experiencia vin que eran empresas relativamente grandes, cun monte de cargos intermedios con grandes salarios e moitas veces sen facer nada, iso non se debería facer. Quero dicir, polo que estamos vendo, o futuro non pasa por esas estruturas senón por estruturas máis pequenas sen seren xerárquicas e máis horizontais e máis viradas a Internet, a iso me refiro.

Entón para adaptarse chega cunha conexión a Internet?
Non, non chega con iso. Tampouco podes pensar na Internet coma unha panacea, non se pode ser coma antes.

Entón seriamos como o protra de Nightcrawler, un tipo que é ladrón de cobre, pero un día descubre o xornalismo freelance, adicándose a gravar crimes e sucesos con moito sangue, un deles o accidente, probocado por el, do seu competidor inmediato. Cres que é o futuro que nos queda, matarnos entre nós?
Hahahahaha, non creo. Eu penso que o xornalismo sempre foi un oficio moi competitivo, non creo que agora o sexa máis. Pero o mesmo que che dicía antes das estruturas pequenas, tamén pasa pola unión da base. Somos os xornalistas os que debemos levantar esas bases e non esperar que o fagan outros.

Teslle medo aos políticos?
Eles pasan de min e eu paso deles. Levo moito tempo facendo xornalismo cultural e teño entrevistado ao moi poucos políticos. Moitas veces porque non se deixaban, tamén é certo. Pero tampouco é o que me interesaba. Sobre cultura teñen ben pouco que dicir, non todos, pero en xeral si.

Non merece a pena preguntarlles?
Seguramente non teñan moito interese en saír no magazine, ao mellor a nivel local si.

Preséntaste como xornalista freelance, é a nova maneira de...
...que unha persoa está no paro. Si. A ver, quero pensar que hai freelances que poden gañar a vida como tal.

A ver, agora dime a verdade, moitas das persoas que entrevistas non existen.
Si, existen todas. Eu non tería capacidade de fantasear e crear unha entrevista ficticea. Gustaríame ter moita máis imaxinación. O que teño é unha vocación frustrada de ensaísta que sairá algún día.

Hai pouco estivo en Compostela o director finés Aki Kaurismäki. Foi unha oportuniade perdida ou tiveches medo del?
Non sabía que ía vir. Creo que os de Numax tampouco sabían que ía vir, creo que o convidaron, non contestou e apareceu de sorpresa. Eu ese día non fun, esperei a que abrisen ao público. De todas maneiras, vouno entrevistar, se me deixa.

Tes publicado poemarios ou narrativa?
Pois non, non teño feito publicado nin é que o teña gardado nun caixón.

Sabes que podes estar perdendo subvencións?
En fin, podería telas facendo outra cousa, pero escribindo, non sei.

De todos e todas as autoras que coñeces cal sería o ou a protagonista dunha traxedia?
Pregunta difícil. Dunha traxedia decimonónica, podería ser Caneiro.

Dunha comedia?
Elías Portela, que o entrevistei hai pouco.

E dunha spin-off?
Non sei.

Ti fixeras artes marciais, non?
Fixen algo de taekwondo e karate,  pero quedei nun nivel baixo.

Por último, di o que queiras.
Tíñache medo pero non fuches tan malo.

Perdo facultades.




viernes, 13 de junio de 2014

ENTREVISTA A BLANCA DA MEDUSA




 "Eu era das que ían a clase"

Estimados e estimadas colegas, aquí unha entrevista a outro personaxe que se dixese todo canto sabe sobre persoas e persoeiros, acabaría enchendo os estantes da Cidade da Cultura usando pendrives de Terabites. Blanca, propietaria do Medusa, barcafé situado na zona vella de Santiago accedeu a falar con este blog logo de negociacións que deixarían tesos aos "desfacedores" da Guerra Fría.

-Neste día que veño de pagar o piso, a primeira pregunta que che quero facer é: por que lle chamaches Medusa?
Porque era o nome que tiña antes. Eu púxenlle A Medusa.

-Aclarado isto tan interesante, a pregunta seguinte é; por que colliches a un DJ como é Chapaev?
Home, polo seu CV. (sobran as explicacións do que pasou logo da resposta)

-E que tiña o CV dese home se se pode saber?
Era o que animaba todas as festas, traballou en moitos sitios, pinchou en moitos sitios e así dixen que con ese CV queríao na Medusa.

-En que sitios pinchou?
Non lembro o nome dos sitios que poñía.

-E a ti que che dixo para convencerte?
Simplemente me pareceu un bo chaval, ao mellor hoxe non penso así.

-Aquí tamén tes a un animador, camareiro e deseñador, Fran. Se tiveses que escoller entre un e outro nun momento crítico, cal sería o resultado?
Non escollería, son bos rapaces os dous.

-Canto tempo levas dirixindo A Medusa?
Pois entre catorce e dezaseis anos, porque como non miraba os papeis. Desde o 97 ou 99.

-Que cambios tes visto nestes anos na xente que pasa por aquí?
Antes abriamos pola mañá, cando  o conservatorio estaba máis cheo, gustábame abrir pola mañá. De feito a señora que tiña este bar, que sempre foi un bar de mulleres, abría de luns a venres  porque tiña o conservatorio e os xulgados. Cando eu cheguei o primeiro e segundo ano moi ben, pero logo abriron máis conservatorios, subiron as matrículas e logo foi todo dexenerando.

-E iso fixo que abrísedes pola tarde-noite.
Si, foron anos moi tolos. Pero a miña intención sempre foi que este fose un bar de día. Pero cando tes un negocio éche o que hai.

-Por que dis que eran uns anos moi tolos?
Porque saíase moito máis, o concello era máis  permisivo e na cidade vella viviamos moita xente. Abríase ata as tantas, os planos de estudo eran outros, estudabas en febreiro, xuño e setembro, que conste que eu ía ás aulas. Agora a xente vai máis á clase.

-Home, digo eu que se un fillo teu asiste a aulas con este novo plano, supoño que che renderá máis.
Pois non o sei, nós rendiamos máis ou menos. Moitos colegas  meus chegaron moi adiante e eu acabei, pero non sei se é mellor este plano de estudos. Hoxe a xente ten outras necesidades. Nós viñamos con bolsa de roupa e agora veñen con iPod, smartphone etc. Nós non tiñamos nin tele.

-Cal é o tipo de persoa máis estraña que ten pasado por aquí?
Non sei. Vén de todo tipo. O mellor é que este é o momento máis tranquilo do bar, logo a fin de semana é cando máis traballamos. Pero xente estraña, home algún guiri, pero non sei dicirche xente estraña. É bastante agradable traballar aquí. Pero tamén che digo que houbo outros anos nos que había máis perigo.

-E logo?
Porque eramos máis novos, tiñamos máis perigo, eramos máis atolondrados, eu era máis nova. Cando traballei noutros bares, os xoves eran terribles, teño visto arrincar billas do baño, estabas traballando e tiñas que botarlle o ollo ao material do bar.

-E agora?
E agora os xoves non existen.

-Que foi da iniciativa do Trivial en TV?
Pois agora Fran anda nas súas cousas e eu estou en avanzado estado de xestación e non teño gañas de quedar ata tarde os mércores.

-Cando tes pensado abandonar momentaneamente A Medusa?
En xullo, pero non sei cando retornarei. Virei botar un ollo de cando en cando porque vivo aqui ao pé e porque somos Fran e eu o bar.

-Volvendo á música, nun principio Chapaev poñía a música que lle saía da gana e de súpeto un día escoito temas que nin de lonxe, pensei que poría ese home. Que pasou?
Non o sei. Chapaev é todo un misterio. Nós diciámoslle: tes que ter un pouco de todo, non só a música que che gusta a ti e aos teus amigos para que veñan verte. Pero o certo é que Chapaev sufriu un cambio e tanto Fran coma min preguntámonos que pasaba con el. Nunca o soubemos. Se puidese poría máis pinchas e a radio, que antes poñíamos a radio.

-Agora viría a SGAE.
A SGAE e AGEDI queren cobrarme 140 euros ao mes. Por poñer música e por reproductores. Consultei con máis bares e din que non hai avogados que se poñan en temas contra a SGAE. Un bar como o noso deberíamos pagar como 20 ou 30 euros ao mes e non 140. Agora decidín enfrentarme. Así que desde aquí, se alguén controla temas SGAE, que contacte comigo, pero que conste que me gustaría defenderme soa.
Vendo o que me din os demais de: "Blanca, paga" a min paréceme un abuso.

 -Entón estás pensando en facer máis concertos?
Non, monto concertos de maneira puntual. O último foi porque estabamos de aniversario.

-Por último, di o que queiras.
Que me encantaría seguir aquí máis anos, neste bar.








lunes, 7 de abril de 2014

ENTREVISTA A BEGOÑA DÍEZ SANZ (BEGO DS)






 "Puxen un anuncio para que me regalasen un gato e atopei traballo"



Non sei que pregunta facerche para comezar. Cóntame que che pasou pola cabeza cando te avisei desta entrevista.
Medo. Todo o mundo me dicía: "Vas facer unha entrevista para ese blog, xa verás, xa verás" e ao final ninguén me dicía nada. Sobre todo:" xa verás que preguntas"

Pero ti non liches entrevistas deste blog?
Si, si que lin.

E paréceche para tanto?
Non, pero  había moita subxectividade.

Pois a verdade eu quería facerche preguntas serias pero ao final pasei de todo. Por que tes unha gata? porque é a moda entre o círculo de colegas?
Non. Dos colegas só dous teñen gato. Eu sempre quixen ter mascota pero miña nai díxome: o gato ou eu. E como quen me daba de comer era ela, pois non tiven gato daquela.

Tamén podías comer o gato?
Non como carne. Logo tiven hamster, porque o mozo co que vivía daquela era alérxico ao pelo.

Pero a ver, os hamster tamén teñen pelo.
Xa, pero están sempre metidos na súa roda dentro da gaiola. O primeiro hamster que tiven foi agasallo del.

E que cho deu, co nariz tapado?
Pois non. Despois tiven un traballo a media xornada, parecíame cruel ter un can. Así que collín un gato, porque precisaba dun animal independiente e que me dese cariño ao mesmo tempo. Tiven un gato que se chamaba Baco, pero todo o mundo lle chamaba Paco. Con outro mozo, pois mercamos un piso e dixo: gato non.

Pero hamster si.
Non, o hamster xa non había, porque unha vez deixei unha fiestra aberta e escapara toda a camada que tiña. Non os atopei. Ao final decidín agora que era o momento de ter un gato ata o final dos días de alguén. Unha vez puxen un anuncio para atopar un gato pero ao final atopei traballo para dar clase. E ao final atopei a que teño agora, Circe.

Baco, Circe, nomes moi clásicos.
Gústanme eses nomes clásicos, aínda que tiven un hamster que se chamaba pampero.

Anda, coma un ron.
Foi casualidade, sen pensar no ron, ehem. Xa somos inseparables, e cando me fun para fóra a Comillas, dixen que a gata e eu iamos nun pack, pero non houbo problema.

Por que Comillas? Sempre che gustou estar á parte?
Aquí deberías poñer un dedobre de tambor en plan comedia. A cousa foi que botei para bolsas aquí e alá logo de acabar a carreira e mestrado. E unha bolsa que me pasou un colega, boteina e foi a que me deron. Ademais, era con aloxamento.

Sacaches un libro de poesía. Por que?
Por que non? Levo moitos anos escribindo. Antes escribía en castelán ata que me decatei de que pensaba en galego. Logo empeceia escribir en galego, traducín cousas e agora cada vez que me sento a escribir fágoo en galego.

Vas escribir algunha novela en plan "As memorias dunha neo falante"?
Quen querería ler unha novela sobre min? Teño microrrelatos, tres deles escribinos cando me fun para  Nova Iorque. Todos saben que teño medo a voar. Así, mentres ía no avión, escribín tres microrrelatos sobre desastres aéreos. Ademais, sempre me sento do lado da xanela.

Tes medo e sentas ao pé da xanela?
Si, porque teño medo de verdade. Pero non deixo que me condicione a vida, así pois, se teño que voar fágoo pero non deixo que me condicione. Dixéronme que me emborrachase, pero non, eu fato terapia de choque.

Emborracharte? Quen te vería como Melendi.
Choro en silencio, mirando pola xanela, pero non se decatan.

Resulta que haberá xente que lea o teu libro e diga, mmm poesía erótica, claro é muller. Que lles dirías?
Que esperen a última páxina.

Contas que algún día reúnan a túa obra e te estudien nos institutos?
Hoohohoho. Si, sempre que penso iso soa a alarma do espertador. Non fixen isto con intención narcisista.

Só por poñer o de "camarada" vai haber tertulianos que te poñan a feder.
Din que toda publicidade é boda aínda que sexa mala.

Iso dicía Lola Flores.
Mita, tamén cito a Lola Flores.

Tes de compañeiro de piso a un dos integrantes de Ataque Escampe. Tes pensado cantar nalgún dos seus discos?
Eu, por que? Non sei. É gracioso vivir cun pequeno grande home como é Samuel, e tamén vivo cun terrorista, como xa sabe todo o mundo. Para min son os meus compañeiros, vémonos en pixama, cando espertamos e todo iso xa perde o glamour.

Prendestes a cheminea que tedes no salón?
Si e foi un episodio que puido ser  nefasto. Un día tentamos prendela e o resultado foi a casa chea de fume e a xanelas do salón e cociña abertas e unha corrente do carallo. Pero é moi chic o da cheminea.

Dime o que queiras.
Supoño que sería de recibo dicir: mercade o meu libro pero tamén lede poesía, lede en galego e quen queira que me dea unha oportunidade.