sábado, 1 de marzo de 2014

ENTREVISTA A XOEL MÉNDEZ (ARTISTA METEÓRICO-PROLÍFICO)




 "Atopei un tipo que me confundíu comigo mesmo"



Por favor, dáme unha primicia que ninguén sabe polo de agora.
 Non vou ser pai.

­En serio?!
 Non.

­Como é posíbel? Por que....por que?
Non puiden facer nada para non evitalo. 

­Acabas de botar ao mundo cinco traballos discográficos, así, de súpeto, como unha bomba. En serio  o desemprego dá para tanta hiperactividade? Deberías darlles  aulas  aos políticos deste país para que aprendan...algo.
 Se os políticos roubaran só de cinco en cinco, todo iría mellor. O peor é que lles renovamos a patente de corso de catro en catro... E non digas a palabra bomba, que me poño tenro. 

­Cinco traballos musicais, quere dicir que durante un tempo ao mellor estarás en dique seco musical. Iniciarás algunha outra actividade dentro da hiperactividade desempregativa?
       A verdade é que non. Teño outro tanto material collendo pousos no ordenador... só saquei isto a xeito de petisco. Non se pode saturar o mercado, Moncho... 
        Aliás, estou rematando un documental experimental e preparando outro. Tamén me porei cos diarios da viaxe, a xeito de 'escatografías': fixen sesudos traballos de campo para estudar as diferentes culturas a través das súas pautas defecatorias. Cómo, canto, onde ou en quen se caga en cada país. É un enfoque moi productivo, anque ás veces torna enxurrada. A antropoloxía non deixa de ser unha diarrea mental... 

­Hai anos emprediches unha viaxe arredor do mundo. Cantos bichos raros viches e cantos tiveches que comer?
 Ben deles. Anque o máis exótico atopeino xusto ao chegar. Foi por estas datas, aterricei de cheo no entroido de Laza. Aquelas cachuchas espetadas bailando reggaetón, aqueles baños de xudre e formigas avinagradas, aquelas danzas rituais de corpos nús a menos catro graos; foi tan perturbador... en ningunha tribo vin un potlatcht dese calibre. Sentinme moi etnocentrista... 
                                

­Confundíronte con algún? 
 Si. Estando nunha pequena panadería de San Telmo, un barrio de Buenos Aires, encontreime cun tipo que me confundiu conmigo mesmo, e eu confundino cun colega de Santiago. Pero en realidade a única confusión era que non estabamos confundidos. El viña visitar a súa quinta provincia por primeira vez na vida e eu de paso rumbo a Ushuaia. Ficamos cuánticamente bastante abraiados. 
       Poucas horas despois fomos encontrarnos de novo nun recanto da concorrida avenida Corrientes. Os dous estabamos a agardar por alguén...un cronopio, unha fama, non recordo.  Era día de festa nacional e, no medio daquel quilombo, aló estabamos dous galegos bailando o tango da causalidade.  Foi todo xenuínamente confuso. 
       Dende entón estou moi interesado na cartografía sociobiolóxica. Fixen moitos amigos a través do Google Earth.

­Viches a Sánchez Dragó cando pasaches pola India? Seica lle gustan os saltóns desas terras. 
Na India non. Vino no entroido de Laza, cando cheguei, colgado dunha garrafa de Xastrés. Díxome que decidira pasarse ás drogas duras... Eu faleille da miña experiencia transcorpórea co Changa nas praias de Gokarna, pero non me fixo moito caso. Xa estaba medio mamado. Y había nieve... 

­Sempre te vin como líder espiritual dunha liña filosófica ou creador dunha nova crenza ou relixión.  Se  así  fose,  cal  dos  teus  temas  recentemente  publicados  sería  ou  usarías  como mantra revelador coa túa masa de seguidores? 
Xa o dicía Adolfito: "canta máis masa mellor se pasa". Coido que Outra vaca no millo pode ser un bo reclamo para consumar o suicidio colectivo (do que non estamos tan lonxe)... Dende logo, o mellor pasaporte cara á divinidade é iste: carreteira e mantra.

­Cal sería o símbolo que distinguiría a túa concepción cósmica?
As $$.

­Volvendo  ao  planeta terra  do  que  parece  que  cada  día  estamos  máis  lonxe,  deixaches  de facer auto­stop?
 Pois si. Agora só fago dedo, pero máis que o polgar uso o do medio.


­Onde están agora mesmo as túas forzas creativas? (A última vez que te chamei estabas en Ourense)
 Agora mesmo as miñas forzas creativas máis poderosas son máis ben forzas destructivas. 
Vivo en Santiago a caròn dunha biblioteca que máis ben parece un búnker antinuclear. Estudantes e yonkees, eruditos e sen teito conviven en dous universos paralelos, ignóranse cunha educación sibilina. Mais, se non fallan os meus cálculos de sociobioloxía xeoposicional, veñen sendo a mesma cousa. Está nos libros. 

­Segues facendo caricaturas en secreto sobre persoas que te arrodean?  
Non. Coido que estou perdendo o sentido do humor... Últimamente póñome coas caricaturas e só me saen naturezas mortas... 

­Serías capaz de enviar unha para este blog? 
 Xa mandei unha: a miña.


­Por último, di o que queiras, tes vía libre.
Ogallá os nosos fillos poidan afacer os ollos a tanta infamia. 
Ogallá non teñan que vela. 
Ogallá saiban derrotala.

viernes, 14 de febrero de 2014

ENTREVISTA A IVÁN G. AMBRUÑEIRAS (HOMO TRASCENDENTALIS ERECTUS)



 
 "Isto está sendo capcioso"


Amigos e amigas, o mundo do bloggeo está caendo en picado. Tanto é así que se hai cousa de catro anos comezabamos con artistas que se atreveron con ataques directos á clase política máis "casposa" do panorama local e estatal, agora as entrevistas xa están pasando a rematar con "esperaba que me meteras máis caña". Por tanto, este blog está indo ao carallo 29.

Pero en fin, nun esforzo por manter o pulso coa actualidade máis endogámica do panorama que vai desde o CGAC a Castrón D´Ouro, pasando claro está, polos bares de turno, aquí temos unha entrevista a Iván G. Ambruñeiras. O home que miraba sempre para arriba. Este e outros misterios serán tratados nesta entrevista.

Despois de catro anos de existencia deste blog, cal foi o motivo que te empurrou a deixarte entrevistar?
Non sei. A insistencia, supoño.

Non insistín moito!
Home, bastante.

Ponme un exemplo de como che insistín.
Home, pedíndomo moitas veces ata que desta volta collíchesme de graza.

Collinte de graza, pero de seguro que non tivo nada a ver o feito de aguilloárente, impulsárente ou ameazárente o noso común círculo de amizades? 
Non, o certo é que non, pero tanto me ten.

Chapaev non che insistíu?
Non, non moito, total para o caso que lle fago.

Chega a pregunta do millón, a que levo anos querendo formularche: por que miras para arriba cando te fas o interesante?
É un tic. Certamente teño moitas fotos con ese movemento de ollos, sobre todo túas (o autor nega calquera tipo de intención detrás da autoría das fotos). Provocas en min esa sensación.

Eu provoco esa sensación en ti?! Cáusoche indiferenza?! Tío, estame doendo...
Non, non é indiferenza, é unha sensación que non sei explicar.

(amigos e amigas, o entrevistador está sentindo que ás veces é mellor non sentir nada)

 É certo que un día en plenas aulas berrácheslle a un profesor: "a ver home, dános clase!"?
Non iso é un mito. Unha historia mitificada por Chapaev. Simplemente foi un día que estabamos para comezar as aulas, e o profesor achegouse dúas veces para falar dun traballo académico que tiñamos que facer, eu debín dicir algo, non o lembro, pero ninguén lle deu máis importancia.

Polo que eu sei nas túas orixes proletarias o teu pai era cociñeiro, por que non che deu por aí?
Porque o meu pai non quere que se lle acheguen á cociña e non transmite as cousas. Non sei cal é a razón.

Sabemos da túa faceta de crítico e investigador cinematográfico, pero dime a verdade, iso pode ser calquera non?
Home claro, só tes que coller e poñerte a escribir sobre filmes, non ten moito misterio. O mellor é que che paguen, pero iso xa é máis complicado.

Pagáronche por escribir crónicas?
Si, na Universidade e algún texto noutras ocasións.

Algunha vez rexeitaron algún texto teu?
Non, pero ás veces son eu o que tarda en entregalos.

Nalgunhas conflagracións entre cineclubeiros cada mércores como é que ti es o que case sempre sae indemne?
Pregúntalle aos demais, non sei. Supoño que porque non chego a discutir a niveis exasperantes.

Quen é o máis exasperante?
Négome a responder a esa pregunta.

Mide máis dun mentro oitenta?
Non o sei.

E menos dun metro setenta?
Non o sei. Non insistas. Isto está sendo capcioso.

Moitas voces din que tes aires de superioridade. sénteste así?
Non sei, se tal que mo digan. Tampouco son ninguén para xulgar a imaxe que teñen de min desde fóra. Ás veces é mellor non saber o que pensan de ti.

O outro día estivo un señor que se chamaba Luis E. Parés que falou no Cineclube sobre anécdotas con Arrabal, Sánchez Dragó, etc. Tiñas envexa?
Non, que o Arrabal se me poña tolo nun momento determinado, non teño envexa, poríame nervioso. 

E cear na casa dun padrastro famoso?
Creo que tampouco.

Cal foi o momento máis angustioso que viviches no CC?
Buf, pois vouno ter que pensar. Non lembro momento así, pero porque as cousas non saen ben si me pon nervioso, pero nada máis.

Ves o CC moi esgotado e con gañas de que a xente quere marchar?
Home, todos levamos moito tempo nisto, ao mellor hai un certo cansanzo, pero eu non teño gañas de marchar.

Estase a pensar nas olimpiadas?
Non levo negociacións, pero este ano iríamos nós, estaleiro e creo que o novas.

Mira, estades adestrando algo?
Eu vou ao basket, cando podo, pero adestrar...

Para a festa do CC tes pensado facer algún número especial?
Non teño pensado nada. Non sei, recibirei ofertas.

Imaxina que estás co teu director fetiche nun cuarto dun hotel, o director entra no baño e comeza a cantar "tralalalala". Antes de liscar, ti que pensarías?
Son incapaz de poñerme nesa situación, pero sería interesante.

Di algo, o que queiras.
Grazas pola entrevistas, non foi tan mal. Eu quería ter isto preparado da casa porque non me sae nada.
Vide ao CC, hai boas pelis e somos encantadores.



sábado, 14 de diciembre de 2013

ENTREVISTA A ANTONIO DOÑATE (O DOÑATE-LLO DE CASAS REAIS)


 "Son máis de Barón Rojo"



Esquizofrenias á parte facer unha entrevista en venres 13 a día de hoxe xa nada ten de especial (dos señores que se dan la mano en una cocina de los 80). Cando xa temos visto a Jason mallar en Predator  coma nunha colcha maragata nunha loita interplanetaria, o reto que se propuxo este blog foi o de entrevistar a un deseñador, o segundo nas nosas filas. Por que? Porque un día espertei e dixen: "Ola k ase, entrevitta a alguien o k ase". (este blog tocou fondo)


 Ola Antonio.
Ola.

Apelido vasco, naciches en Madrid, viviches en Valencia, de alí fuches para Vigo e logo viñeches para Casas Reais en Compostela. Todo isto é o que fai que sexas tan raro?
Supoño que para os ollos dos demais, si, serei. Aínda que para os meus tamén, porque nunca sei exactamente que son. Digo que son valenciano para resumir toda a miña travesía.

Apesar de que oficialmente ou oficiosamente es deseñador, tes dous libros, La paz social e Acceso al comportamiento. Cantas veces falaches cos editores para que non che cambiasen os títulos dos libros?
Ningunha! O certo é que foi chegar é encher.

En serio?
Si.

Home, La paz social, aínda, pero Acceso al comportamiento un editor diche que "por aquí che meto eu este título".
 Home, falamos dunha editorial que a leva un fulano que o tema das ventas non lle chaman tanto a atención. Supoño que con Plaza y Janés ou con Planeta pois non sería o mesmo, sería outra cousa.

Que cousa?
Eu que sei.

Na novela da que estamos falando o protragonista abandona a universidade para traballar no quiosco do aeroporto de Vigo. Esta historia é unha vinganza túa contra un compañeiro de clase?
Non, vinganza non. O personaxe ten un terzo del baseado en boa parte nun compañeiro meu de aulas.

E que che fixo ese compañeiro?
A ti paréceche que queda mal?

Non sei eu pregunto. Hoxe en día mesmo traballar nun quiosco é un luxo. O teu protagonista é un exemplo da nova clase burguesa low-cost?
Non entendo a pregunta (segundos de silencio) Ah, eu pretendo que non, non sei se o fago. Quería realmente facer un universitario fóra do común.

Son todos.
Por sorte coñecín algún, non moitos, que non era universitarois diletantes, eran xente responsable ou algo así.

 Responsable?
Dixen mal, alguén con orixes familiares que fan que non se entregue de todo á vida universitaria.

Coñeces ao polemista Javier Nart?
Si home!

Por que se busco o teu nome en google images aparece o careto dese señor?
Iso pasa?

Si, hai unha foto túa cun impermeable rosa...
Vermello.

Vermello, pero na foto é rosa, e en imaxes relacionadas, aparece Nart.
Era un fulano moi impresentable. Lémbroo de cando Crónicas Marcianas, pero non sei porque google fai esas relacións.

Xunto con XCarlos, formas equipo para o deseño de Luzes, certo?
Certo, si.

Quen é activo e quen pasivo? (amigos, eu xa me entendo, non tiren conclusións precipitadas)
 Hehehehe, seguindo a terminoloxía tan en moda agora, que vén de Mad Men, eu son o creativo senior e el é o creativo junior.

En serio, por que?
Por idade e porque é unha das nosas coñas.

En google images aparece un Antonio Doñate con pinta de fakir, é o teu pai?
Non, o meu pai é outro Antonio Doñate que é presidente de Jueces para la Democracia.

O teu pai é xuiz?
Non, é unha coña, pero se tivese que escoller entre os dous de google, prefiro o xuíz.

Hai un días ti e máis eu coincidimos na Azibechería, eui ía poñer unha denuncia e ti viñas do gym. Esa situación inspriouche unha nova novela?
Non, o certo é que non, pero levaba presa porque sempre tento facer unha hora de exercicio pola semana, pero é que tiña que volver ao lugar de traballo, estaban chamándome.

Agora que vives en Compostela, as copas son máis baratas?
Un pouco máis, en Vigo andaban máis ou menos coma aquí, pero uns meses antes comezaron a poñelas a seis euros e como nunca hai que pagar seis euros por nada, dixen, hai que cambiar de bares.

Despois de que moita xente neste blog se declarase punk, a pregunta é obrigada, sabes cantar "Soy el rey del pollo frito"?
Sóubena hai un tempo, pero son máis de Barón Rojo.

Sabes cantar algo de Barón Rojo?
Si he de elegir entre ellos y yo,
elegiré la perdición.....
mi rollo es el rock. (non reproducimos o audio por motivos de seguridade)

Javier Gurruchaga ou o rei Borbón?
O rei.

As camareiras do Malas Pécoras ou Eslavoi Zizek?
Que pregunta! As camareiras do Malas son as mellores que vin nunca, pero sonche moi de Zizek, non che podo dicir nada concluínte.

A loita proletaria ou a festa do Cineclube?
As dúas, pero non pode ser.

Di algo...
Viña con moito medo.

Non te preocupes, inventarei todo.
Xa me parecía a min.

Que tal estaba o gintonic?
Moi ben.









domingo, 21 de julio de 2013

ENTREVISTA A ALEX CHARLÓN (FRONTMAN BICÉFALO)


 "Parece ser que non funciono no escenario"


Amigos e amigas, este blog vai de mal en peor, cando o mesmo entrevistado é capaz de dicir que esperaba moita máis caña, certamente  chegou a hora de buscar novas vías alternativas na maneira de entrevistar.
Polo de agora quedamos coas preguntas e repostas de Alex Charlón, o Axel Rose de Ataque Escampe e home espectáculo en xeral. Hai surpresas, aviso.

Que problema tes cos mosquitos?
Non sei se é cousa da temperatura do sangue ou da palidez da pel, si teño consultado algunha cousa por intenert, mais o certo é que sempre fan diana en min. Mesmo teño coincidido durmindo con outros ataquescampes en tendas de campaña  e eles librábanse do ataque dos mosquitos e viñan todos a min.

Non me digas que era unha conspiración?
Eu creo que si, que era unha conflagración mundial de mosquitos contra min.

O mundo ódiate. Sabes que en persoa dás máis medo que cando estas no escenario?
Pode ser si.

Houbo un tempo no que enchías a boca falando de Krisnha Murti, agora disque es indie coma os iogures de limón. Sénteste caducado?
Non, ese iogur de limón ao que facía referencia quedábanlle dous días para caducar. Pero teño que desdicir que o do Facebook era un xogo para ver como reaccionabas.

Ataque Escampe é a plataforma na que te deches a coñecer. Á parte do grupo e das túas soflamas na rede, tes vida propia?
Teño moita máis vida propia do que pode parecer. O caso é que a vida propia está deixando nun segundo plano a Ataque Escampe.

Existe unha loita interna dentro do grupo polo liderado?
Si. Mais afortunadamente eu xa renunciei hai moito tempo. Lin a entrevista a Roi e xa vexo que a súa evasiba irónica é constante. Se hai dúas persoas que manteñen Ataque Escampe vivo porque son as máis responsables con respecto á música, son Miguel e Samuel. Os demais pois aportamos ideas, escóitasenos e logo dísenos que non.

Quen é  o líder da banda?
Hai unha bicefaclía entre Miguel e Samuel. Pero son como dous...como aqueles gobernos bicéfalos da antigüidade? Non sei, pero son dous xefes moi frikis para que os teñamos en conta con rotundidade.

O feito de que unicamente saibas tocar o himno á alegría coa guitarra e nada máis, é o que te fai sentir como alguén eternamente frustrado?
Probablemente sexa ese un dos grandes motivos, si.

En serio, non sabes tocar ningún instrumento?
Sei tocar o cazú, a turuta e certamente debería aprender algo máis.

Algunha vez a túa presenza foi perturbadora para o grupo?
Pois mira, xa podo anunciar que logo da última reunión que tivemos, vai haber cambios na posta en escena do grupo. Parece ser que eu non funciono no escenario e teño pouca presenza escénica e queren que comparta a parte de frontman con Roi, que vai deixar a batería en favor de alguén que si sabe tocala.

Todo iso que dixo Roi de que ía aprender en serio a tocar a batería, non vai ser e ides ser os dous os frontmen?
Pois probablemente, si.

Mamaíña, "El gordo y el flaco". Cando foi a última vez que te sentiches como un crooner?
O outro día en Vista Alegre sentinme moi arroupado pola xente que cantaba os temas de principio a fin. Estaba no trance do San Xoán coas cacharelas e o viño e chegou ese momento de conexión entre o que eu sentía por dentro e o que sentía o público. Creo que foi así.

Pregúntoche o mesmo que lle preguntei a Roi. Por que andas sempre de baixón?
Falso, non ando sempre de baixón. Son unha persoa de bioritmo baixo.

Que lle falta a Ataque Escampe?
Decidirse por un modelo, sentarmos todos nunha mesa e estar de acordo, aínda que sexa con manga ancha, en moitas cousas. Fáltalle na posta en escena, saber se xogamos a A ou a B. Eles queren xogar a A e a B ao mesmo tempo. É dicir, tirar do público en momentos puntuais de maneira moi populacheira e noutros aparentar unha seriedade absoluta, como se fósemos o último grupo indie que acaba de aterrar de Urano.

Acabas de chamarlle indie a Ataque Escampe?
Si, desgraciadamente acabo de facelo.

Sabes que te poden matar?
Coñezo os riscos que asumo.

Escribes poemas?
Desde o ano 1999 xa non teño estómago para escribir poemas.

Que é a poesía galega?
Non o sei. Un conxunto de premios literarios con boa dotación económica, con moitos autores dos que coñezo unha boa parte porque coincido con eles nos bares e un circuíto de cara fóra nulo.

(PIIIIIIIIIIIIIIIII AQUÍ HABÍA UNHA PREGUNTA CUNHA RESPOSTA ELIMINADAS POR INSISTENCIA ABSURDA DO ENTREVISTADO DOUS ANOS DESPOIS DA CONVERSA, A PREGUNTA E A RESPOSTA FORON ELIMINADAS POR CONSELLO DE PERSOAS ACHEGADAS AO ENTREVISTADO, NON HABERÁ OUTRA VEZ)

Existe rivalidade directa entre ti e Miguel Mosqueira?
Non, Miguel é a persoa máis tenra do mundo, á súa maneira. Non hai ningún problema.

Di o que queiras:
Quero lanzar esta mensaxe á humanidade: que agarre o presente e non se cma a cabeza.




sábado, 22 de junio de 2013

ENTREVISTA A ROI VIDAL (O HOME BATERÍA)





  "Utilízanme para mofarse de min"



A entrevista foi como todas, é dicir, co entrevistado pedindo encarecidamente que lle deixe ver o produto antes de saír á rúa, pero non amigos, iso non se pode facer, senón, onde estaría a sorpresa e a gracia? Si diremos que a conversa foi amistosa, agradable e soleada para ser un día de xuño desapacible.

Ola Roi.
Ola, meu. Que tal?

Moi ben, grazas. Pero a primeira pregunta que che quero facer é por que tardaches tanto en aceptar esta entrevista?
Porque tardaches moito en pedirma.

Iso non foi así, creo.
Hehehehehe, si, non tardei en aceptar, aceptei en todas as propostas.

A seguinte pregunta voucha facer antes de verter todo o café e o azúcar. Tiveches que ir ao médico despois de ensinar o cu no medio dun río?
Pois ao mellor debería ter ido porque puiden ter collido algunha cousa que aínda non se manifestou. Porque
facía tanto frío que non podía aguantar a respiración debaixo da auga.

Sinceramente, a auga parecía que estaba moi cocha.
Pero tanto ten, por min que estivese todo o porca que quixese, pero estaba tan conxelada que a pel se puña vermella, como queimada do fría que estaba. Pero en fin, non me pasou  nada.

O ano pasado fuches a Noruega.
Estiven de novembro a xaneiro.

A ver, realmente non foi un castigo de Ataque Escampe por non ter aprendido a tocar a batería logo de tantos anos?
Hehehehehe. O castigo foi  realmente facerlles crer a Ataque Escampe que ía quedar en Noruega, pero ao final volvín.

Despois desta resposta vante matar.
Non ho! Que va! En Noruega practiquei moito a batería. Tiña tempo e moito espazo na casa. Noruega é un país semidesértico entón non había problemas de espazo. Pero o caso é que non tiña batería, repasei mentalmente, pero é moi importante a teoría.

Agora en serio, que fixeches cos cartos que pagaban para as túas clases de batería?
Gasteinos nas aulas de batería.

Teño informacións de que non.
Gasteinos nas aulas de batería.

Pero asistías ás aulas de batería?
Si, claro.

En serio?
Si, claro. Estiven con Álvaro case dous meses. Pero logo funme para Vigo e non tiña tempo de seguir.

Antas involucrado en temas de teatro ultimamente. Que tal se che dá ser animal de escenario ou animal a secas?
Ben, ben. Home, non son actor profesional, pero todos somos un pouco actores. Pero eu non cobro por actuar nin eu actúo sobre un escenario. Mais polo momento está indo ben. Hai unha obra que temos aí, con Teatro Antroido, que está tendo bastante éxito, non vou dicir de crítica e de público como tópico, pero estamos tendo bastantes funcións, esta é a resposta seria.

Pois agora dame a resposta non seria.
Non, faime ti a pregunta non seria.

Cando apareciches no concerto de presentación de Discos da Máquina, como lles pediches perdón ao resto da banda para volver?
Heehehe. Os meus compañeiros da banda son moi simpáticos. Realmente estaban desexando que volvese. Eu aporto un grao de profesionalidade e saber estar no escenario que eles non teñen. Eu aporto unha gracia da que eles carecen. Entón por iso moitas veces me utilizan para mofarse un pouco de min polo meu físico, úsanme como mono de feira para tentar despistar de certas carencias.

Fumas porros?
Non, xa hai tempo que non fumo, pero se me ofrecen fumo, pero non lío, que o fago fatal.

Como se di "gallego de mierda" en noruego?
 Ostia, pois o certo é que non o sei. Pero iso lémbrame que alí coñecín a un tipo español, concretamente vasco, que era a ostia de xenófobo. Era inmigrante en Noruega pero que se metía con todo dios. Por iso o de gallego de mierda, lémbrame que Noruega, un país tan civilizado, haxa problemas coa inmigración.

Non pensaches en baixar de peso de cara o público?
Constantemente penso en baixar de peso, mesmo cando como.

Que lle falta a Ataque Escampe que ti lle engadirías?
Un bo batería pero eu voullo engadir.

Tes medo ao ridículo?
Non, ningún.

Por iso tocas en Ataque Escampe?
Claro.

Escribes poemas?
Si, moitos.

Por que?
Para ligar.

En serio?
Sii, unha vez pasoume. 

Cal foi a frase máis heavy que che dixeron?
Agora lembro que hai pouco fun dar unha charla sobre o meu pai, Vidal Bolaño, estiven unha hora falando sobre o tema e ao final pregunteilles aos rapaces se tiñan algunhha pregunta. Un deles preguntoume se cobraba por ir alí, que porque ía eu e non os meus irmáns, se me aproveitaba de ser fillo de quen son para forrarme, o tipo inspirábase en Sálvame Deluxe, etc.

E ti que lle dixeches?
Contesteille a verdade.

Que te forras?
Si, si, que me forro. Hehehehehe

Quen é o líder de Ataque Escampe?
O líder é Lois.

A ver, entón porque Miguel me dixo hai tempo que eras ti, logo ti dicías que era Alex e agora dis que é Lois?
Pregúntalle a Lois.

Por que Alex sempre anda de baixón?
Non é sempre baixón, o que pasa é que é unha persoa reponsable, profesional pero non anda sempre de baixón.

E Lois?
É todo o contrario, sempre anda eufórico.

Miguel?
Dalle a todo, depende do día que o pilles.

Samuel?
Samuel está en Francia. O que fai é mandar mails longuísimos desde Francia, desde Guadalupe desde onde sexa, que é algo que eu non facía desde Noruega.

Di algo, o que queiras.
Pois, que....eee....morte ao capitalismo, paréceche pouco?









domingo, 31 de marzo de 2013

ENTREVISTA A CARLOS SANTIAGO (MATERIALISTA MODESTO)



"Menudo entrevistador estás ti feito"

Atopamos a Carlos Santiago no que parece ser o seu refuxio no lusco-fusco, a súa dacha na taiga compostelá entre animais políticos en retirada, artistas emerxentes e cineclubeiros pedindo un bocadillo de xamón ou "do-que-sexa-ghose" e algún que outro crítico musical queixándose: "¡no, no te voy a dar la tapa!"

Non estaba preparada esta entrevista, podemos prometelo. 

Á parte de vires ao 13, a que te dedicas?
Menudo entrevistador estás ti feito. Pero home, léme a biografía na miña web http://grenlandia.wordpress.com/. Aí tes todo, que hoxe non me apetece falar de min.

Es un home modesto.
 Si, non hai queixa.

Pois para ser un home modesto tes unha voz moi grave, elevada.
 E iso que demo ten que ver coa miña modestia?

Materialismo histórico ou un "rioja"?
 Un "rioja", que é máis consistente que o materialismo histórico.

Fidel Castro ou Daniel Ortega?
Ningún dos dous. Chávez.

A que lle botas máis conto nesta vida, a pagar o aluguer ou facer unha obra de teatro?
 A pagar o aluguer.

E como o fas?
Escribindo obras de teatro.  (obviamente aquí houbo risas)

Considéraste un grande seductor?
 Hoxe en día non tanto, pero noutros tempos cheguei a ser algo parecido.

Lenin ou Quico Cadaval?
Home, Quico Cadaval, que vamos, dous pelos máis ou menos veñen sendo figuras de semellante altura.
(de fondo, o contuvernio cineclubeiro bota risas)

Lenin non era moi alto.
Pero tiña unha boa perilla.

De tanto escribir teatro, acabaches créndote algún dos teus personaxes?
 Non home non, como vou crerme un dos meus personaxes?

Non cres en ti?
Non é iso, é que eu mesmo son personaxe ás veces, mesmo  fago parte das miñas obras de teatro, pero cando é explícito. Cando fago un monólogo ou algo desde min, aí asúmome como personaxe.

Aquel dito de "putas y maricones" para a xente do teatro, segue vixente?
 Si, pero baixo outro formato. Esta sociedade non evolucionou nada desde o século V antes de Cristo, nos arredores de Atenas. 

Deus existe?
Non.

Por que?
Non hai "por que". Como dicía Agustín García Calvo,  "ou hai deus ou non hai deus", ou como dicía Pascal: Deus é unha cuestión de aposta. Entón a miña aposta persoal é que non hai deus. 

Este país ten amaño?
Non. Este país non é un país. Pero de que país falas?

No que vivimos.
España, Galiza, Unión Europea....

Santiago.
Ningún destes países ten amaño.

Que farías ti, se foses xuíz e tiveses que xulgar a presunta trama de corrupción en Santiago?
Non teño a personalidade dabondo para ser xuíz de ninguén. Ora ben, se nunha situación revolucionaria me desen unha caste de ministerio de Interior, creme que interviría de maneira decisiva. Despois que os xulgue outro. 

Sendo alcalde cambiarías a programación cultural desta cidade?
  Se fose alcalde de Santiago, simplemente inventaría unha programación cultural.

Por último, di algo, o que queiras.
De nada, a ti. 


 


lunes, 10 de diciembre de 2012

ENTREVISTA A ALBERTO RAMOS





"Tampouco me matei moito na carreira"

Alberto Ramos é xornalista en paro, escritor premiado, redactor vocacional (non queda outra) en medios dixitais, compañeiro de tabernas e fumador. Accedeu cortesmente a esta entrevista logo de longas negociacións non exentas de viño, bromas e amenceres catatónicos (por parte de quen escribe, alá cada quen co seu fígado)

Ola Alberto.
Ola. Gravas sempre as entrevistas?

Si. sempre. E a primeira pregunta é: despois de tres libros e de traballar nun xornal, aínda cres no xornalismo?
(a música de fondo para esta reposta é unha cantante en plan Cecilia tardoposrmoderna)Ains. Supoño que será como preguntarlle a un carpinteiro se cre na carpintería. O xornalismo é importante, pero ao mellor lle damos importancia de máis a unha cuestión que é que non deixa de ser un traballo, de obreiros e que non deixa de implicar que che van dar vinte ostias por ano traballado cando te boten. Cousa que pasa todos os días. É un oficio que pode ser moi interesante, moi bonito, moi estresante e moi noxento. Dámoslle moita importancia ao que é o xornalismo para a sociedade, que o é, pero somos traballadores como outro calquera, somos traballadores como outros calquera. É un oficio moribundo como dicía nunha entrevista Iago Martínez e agora mesmo podémonos sentir como man de obra excedente.

Entón por que estudamos catro anos, sacamos un doutorado e nos adicamos a ler?
Cada quen debera respostarse iso. Por que o fixen eu? Home, tampouco nos matamos tanto na carreira. É de agradecer que a mesma facultade de Comunciación se tome a risa a súa propia titulación en moitos casos. Porque se imos saír de alí para estar no paro ou en precariedade, polo menos primeiro pasámolo ben na facultade e non hai que matarse moitísimo. Salvo algunha excepción de cadeira. Por que se mata a xente na carreira? Por vocación ou porque non facemos caso da xente que di "non te metas en xornalismo". É unha vocación suicida en moitos casos.

En vista das actuais circunstancias que están a envolver o panorama tanto interno como externo, ocórreseme a seguinte pregunta: fuches neno superdotado?
Non.

Non?
Non.

De que vai a última  novela que escribiches?
Que pregunta máis inquietante (podes poñer isto).Pois vai de alienacións, da ruptura da rutina e de paro, basicamente. Son oito días de luns a luns, na vida dun xornalista menor de trinta anos que perdeu o seu traballo tras un ERE de extinción. Logo vai contando o día a día da súa alienación e é unha historia de paro, esa é a excusa. É unha cousa que escribín seguramente porque a vivín, pero o importante é a ruptura da rutina, porque perdemos a rutina, carallo, vai moito frío.

Rutinas da información?
Non,iso son cousas da facultade. A rutina de erguerse todos os días e ir a algures, que cando estás no paro non acontece.

Despois de contarme isto, de tomarmos un café con leite xuntos, cóntame un chiste.
Non vou contar un chiste.

Nin o de mis tetas?
Non vou contar ningún chiste.

Entón quee prefires, un quiste no membro ou contar un chiste?
Entre esas dúas opcións quedo con ningunha. Pero teño que dicir que nunca me preguntaron polo quiste no membro. Preguntácheslle iso mesmo a Pachi, o que se presentou para a Xunta?

Soñaches algunha vez con ser magnate da prensa?
Soñeui con ser rico, como todo o mundo, para non facer nada na vida. Estaba moi ocupado para soñar caralladas.

Que farías se agora mesmo che ofrecesen traballar en Acapulco a favor do "narco"?
Xa con oír Acapulco digo que non. Non me interesa marchar de Galicia.O do narco non o vou contestar sequera, porque é evidente que si.

Por onde comezarías a facer un progrom nos medios?
Non me vou mollar. Hai moito traballo por facer.

Terías preparada unha lista negra?
Non teño unha lista negra porque non teño tinta dabondo nin espazo dabondo no computador para rematala.

Para acabar di o que queiras.
Entrevista rara.